Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 09 de febreiro de 1996 Páx. 1.050

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 44/1996, do 25 de xaneiro, polo que se declara a urxente ocupación de bens e dereitos co obxecto de impoñe-la servidume de paso para o establecemento e conservación da liña eléctrica aérea a 20 kV e CT en Valcovo, no concello de Arteixo (A Coruña). (Expediente número: 4/1994).

Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., con domicilio para efectos de notificacións na r/ Fernando Macías nº 2 da Coruña, solicitou desta consellería, a concesión dos beneficios de expropiación forzosa e a declaración de urxente ocupación dos terreos afectados pola execución do proxecto de construcción da liña eléctrica aérea a 20 kV de 1.379 m de lonxitude, en conductor LA-56, sobre apoios de formigón, con orixe na L.M.T. Lañas-Barrañán e remate no C.T. de 100 kVA e tensións 20/0,380-0,220 kV proxectado en Valcovo, no concello de Arteixo (A Coruña). (Expediente número 4/1994).

A dita instalación foi autorizada, declarada de utilidade pública e aprobado o seu proxecto de execución, por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña do 26-5-1994, a cal foi obxecto de publicación, inseríndose no DOG do 14-7-1994, no BOP da Coruña do 28-6-1994, e no BOE do 14-7-1994.

A solicitude de urxente ocupación fíxose de acordo co disposto no artigo 31 do regulamento que desenvolve a Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aplicable ó presente expediente en virtude do establecido pola alínea 2 da disposición transitoria segunda da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional.

Os anuncios de información pública aberta en función desta petición, coa relación de interesados, bens e dereitos afectados, publicáronse no DOG do 22-12-1994, no BOP da Coruña do 19-1-1995, no xornal La Voz de Galicia do 30-1-1995, e nos taboleiros de anuncios da Casa do Concello de Arteixo e nos da delegación provincial, ó mesmo tempo na forma regulamentaria notificouse individualmente a cada un dos interesados que figuran na dita relación.

A tramitación do expediente fíxose de acordo coa Lei 10/1966, do 18 de marzo, e co seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, durante o período en que se someteu a trámite de información pública formulou alegación de disconformidade co trazado da liña o propietario do predio nº 6, a que se desestima en aplicación do artigo 26 do referido decreto, xa que segundo xustifica o beneficiario, o cambio de trazado no tramo afectado, suporía un aumento do prezo e da lonxitude da liña en máis dun 10%. Os titulares dos predios números: 6, 15, 44, 44/1, 22, 36 e 38, solicitan diversa información sobre a afección da liña eléctrica a aqueles, a cal lles foi facilitada por Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., quen tamén reparou os erros de titularidade que existía nos citados predios.

Unha vez efectuada, por técnicos da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña, a inspección sobre o terreo, seguindo o trazado aprobado para a instalación desta liña, púidose comprobar que nos bens afectados sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da imposición de servidume, non se dan os supostos prohibitivos previstos nos artigos 6 de Lei 10/1966, do 18 de marzo, e 25 de Decreto 2619/1966, nin lles son de aplicación as limitacións do artigo 26 do dito decreto.

Estímase xustificada a urxente ocupación solicitada pola compañía Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., xa que con esta liña preténdese amplia-las redes de distribución de enerxía, para mellora-la subministración eléctrica nos sectores de establecemento das instalacións e poder garanti-las máximas condicións de seguridade da subministración nas ditas zonas, atendendo as constantes reclamacións polo mal servicio no sector e debido a que a imposición da servidume de paso, polo procedemento ordinario, faría imposible cumpri-los prazos previstos para estas instalacións.

Na súa virtude, e por proposta do conselleiro de Industria e Comercio, logo de deliberación do Con

sello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintecinco de xaneiro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-Para os efectos previstos na Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, e no seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, declárase urxente a ocupación de terreos e bens gravados coa servidume de paso imposta co alcance previsto no artigo 4º da lei citada, para realiza-la instalación proxectada e proposta por Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., da liña eléctrica aérea ó C.T. de Valcovo.

Os bens e dereitos a que afecta esta disposición sitúanse no termo municipal de Arteixo (A Coruña) e son tódolos que figuran na relación presentada pola empresa solicitante dos beneficios de expropiación, que consta no expediente, o cal se someteu a información pública na forma e datas anteriormente descritas.

Santiago de Compostela, vintecinco de xaneiro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

95-0613