Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Xoves, 08 de febreiro de 1996 Páx. 1.029

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 37/1996, do 25 de xaneiro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial da Coruña, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de alargamento, modificación do trazado e afirmado da E.P. 7803 Santiago de Compostela a Figueiras.

A Deputación Provincial da Coruña, en sesión celebrada o día 20 de decembro de 1994, aprobou o proxecto de alargamento, modificación do trazado e afirmado da E.P. 7803 Santiago de Compostela a Figueiras, e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. A deputación remitiu documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 12 de xaneiro de 1996, baixo o nº 313.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 28 de abril de 1995 co nº de rexistro de entrada 3850.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado debido ó estado do firme das estradas, o largo da calzada de dimensións inferiores ás necesidades dos vehículos, a intensidade media do tráfico, a existencia de poboación infantil e zonas escolares próximas que supoñen un perigo para a seguridade viaria.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecinco de xaneiro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial da Coruña, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente admi

nistrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de alargamento, modificación do trazado e firmado da E.P. 7803 Santiago de Compostela a Figueiras.

Santiago de Compostela, vintecinco de xaneiro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

587