Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Mércores, 07 de febreiro de 1996 Páx. 975

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 5 de decembro de 1995 pola que se desenvolve o Decreto 253/1995, do 29 de setembro, sobre autorización a centros docentes privados para impartir ensinanzas artísticas.

De conformidade coas competencias que en materia de educación ten atribuídas a nosa Comunidade Autónoma e de acordo co disposto no artigo 23 da Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación (LODE), e tendo en conta o establecido no Real decreto 389/1992, do 15 de abril (BOE do 28), promulgouse o Decreto 253/1995, do 29 de setembro (DOG do 11 de outubro), que desenvolve o procedemento que deberá seguirse para que os centros docentes privados poidan impartir ensinanzas artísticas.

Establecidos os aspectos básicos do procedemento de autorización mencionado, a presente orde desenvolve aqueles de acordo coa facultade atribuída a ela polo Decreto 253/1995 na súa disposición derradeira segunda.

Na súa virtude, esta consellería,

DISPÓN:

Primeiro.

1. O expediente de autorización administrativa para a apertura e funcionamento dun centro docente privado iniciarase por instancia de parte, mediante solicitude dirixida ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria a través da delegación provincial correspondente.

2. A solicitude a que se refire o apartado anterior axustarase ó modelo establecido no anexo I e conterá os seguintes datos:

a) Persoa física ou xurídica que promove o centro.

b) Denominación específica que se propón.

c) Localización xeográfica do centro.

d) Ensinanzas para as que solicita autorización.

e) Número de postos escolares para os que se solicita autorización.

f) Declaración ou manifestación de que a persoa promotora do centro non se encontra incursa en ningún dos supostos previstos no artigo 3 do Decreto 253/1995, do 29 de setembro.

3. Xuntaráselle á solicitude o proxecto das obras que teñan que realizarse para a construcción do centro. Se se trata de inmobles xa existentes, deberán presentarse os planos das instalacións no seu estado actual e, se é o caso, o proxecto das obras previstas para o seu acondicionamento. En calquera caso, achegarase o título xurídico que xustifique a posibilidade de utilización dos inmobles afectados.

Segundo.

A unidade técnica emitirá informe sobre o proxecto a que se refire o apartado anterior, tendo en conta

os requisitos establecidos no R.D. 389/1992, do 15 de abril (BOE do 28), polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas artísticas. De ser desfavorable o informe, deberá especificar de xeito pormenorizado os requisitos que non cumpre o devandito proxecto.

Terceiro.

A solicitude, acompañada da documentación indicada nos puntos anteriores, será elevada á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros que dictará resolución, á vista do informe emitido pola unidade técnica da delegación provincial respectiva, sobre a adecuación das edificacións propostas ós requisitos mínimos que no relativo a instalacións sinala a lexislación vixente para as distintas ensinanzas, logo da audiencia ó interesado, de se-lo caso.

Esta resolución, que se dictará no prazo máximo de dous meses desde a data en que o promotor do centro completase a documentación a que se refire o punto primeiro desta orde, non porá fin á vía administrativa, podendo interpoñer recurso ordinario ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

Cuarto.

1. Aprobadas as edificacións propostas e realizadas, se é o caso, as obras necesarias, o interesado solicitará a autorización definitiva presentando na delegación provincial correspondente unha solicitude dirixida ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria. Engadiráselle á dita solicitude unha relación do persoal docente de que disporá o centro desde o momento do inicio da súa actividade, con indicación das súas titulacións respectivas.

A dita relación poderá ser substituída polo compromiso de ser achegada antes do inicio das actividades educativas e deberá ser aprobada expresamente pola delegación provincial correspondente, logo de informe da Inspección Educativa.

2. A delegación provincial, logo das verificacións oportunas levadas a cabo pola unidade técnica e, de se-lo caso, pola Inspección Educativa, remitirá o expediente co seu informe, no prazo máximo de dous meses, á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros. Esta formulará proposta de resolución ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

3. Unha vez cuberto, se procede, o trámite de vista e audiencia ó interesado, o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria concederá a autorización de apertura e funcionamento do centro sempre que as obras fosen realizadas conforme o proxecto aprobado pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros. Noutro caso, denegará a autorización mediante resolución motivada. A resolución do conselleiro, que deberá producirse no prazo máximo de tres meses a partir da recepción do expediente remitido pola delegación provincial, porá fin á vía administrativa.

Quinto.

1. No caso de que a resolución fose positiva, publicarase no Diario Oficial de Galicia e nela constarán os datos seguintes:

a) Titular do centro.

b) Domicilio, localidade, concello e provincia.

c) Denominación específica.

d) Ensinanzas que se autorizan.

e) Número de postos escolares autorizados.

2. A modificación de calquera dos datos enumerados no apartado anterior requirirá a correspondente autorización administrativa, que deberá ser publicada no Diario Oficial de Galicia.

Sexto.

1. Considéranse circunstancias que dan lugar á modificación da autorización as seguintes:

a) Cambio de denominación específica do centro.

b) Modificación das instalacións, tanto as que supoñan alteración das dimensións dos espacios, como o cambio no uso ou destino dos ditos espacios.

c) Ampliación e reducción de postos escolares.

d) Modificación das ensinanzas cando se realice con carácter experimental, manténdose o mesmo grao ou nivel para o que foi autorizado o centro.

e) Ampliación, reducción ou substitución de especialidades ou opcións no caso de centros que impartan música, danza, arte dramática e ensinanzas superiores de artes plásticas e deseño, manténdose o mesmo grao ou nivel para o que se autorizou o centro.

f) Cambio de titularidade do centro.

2. Considéranse circunstancias que dan lugar a unha nova autorización as seguintes:

a) Cambio de domicilio do centro por traslado de instalacións.

b) Cambio no grao ou nivel para o que foi autorizado o centro, salvo o disposto no apartado 1. d) e 1.e) anteriores.

3. As solicitudes para a modificación da autorización tramitaranse segundo o modelo establecido no anexo II desta orde e presentaranse na delegación provincial correspondente.

As solicitudes de nova autorización tramitaranse segundo o punto 1º desta orde.

4. A delegación provincial elevará a solicitude de modificación da autorización, segundo os casos, acompañada dos informes da unidade técnica ou/e da Inspección Educativa, á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros; esta proporalle ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria a oportuna resolución.

5. A resolución que poña fin ó expediente, logo da audiencia ó interesado, de se-lo caso, dictarase nun prazo máximo de tres meses, contados desde a presentación da solicitude ou, se é o caso, desde a rectificación dos reparos que se formulasen. Esta resolución porá fin á vía administrativa.

6. A resolución adoptada seralle notificada ó interesado e, de ser positiva, publicada nos termos que se establecen no punto quinto.1 desta orde.

7. A modificación que se aprobe dará lugar á correspondente modificación da inscrición do centro no rexistro establecido para o efecto.

8. En ningún caso se poderán poñer en funcionamento novas ensinanzas ou ciclos sen contar coa oportuna autorización administrativa.

Sétimo.

A extinción da autorización poderá acordarse:

1. Por instancia do titular do centro.

2. Declararase de oficio pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, logo de audiencia ó interesado, cando un centro docente cesase de feito nas súas actividades durante os dous cursos inmediatamente anteriores á orde que se dicte.

3. Por revogación expresa da Administración segundo o establecido nos artigos 14 e 16 do Decreto 253/1995, do 29 de setembro.

Consideraranse como incumprimento de normas de réxime académico, segundo o sinalado no artigo 16 citado, o non respecta-los decretos que establecen o currículo das distintas etapas educativas impartidas no centro, así como as ordes e resolucións que os desenvolven, referidas á implantación e desenvolvemento das ensinanzas e á avaliación delas. O incumprimento das ditas normas de réxime académico comunicaráselle ó interesado para a súa emenda. De non facelo así no prazo dun mes, iniciarase o procedemento de revogación da autorización, segundo o disposto no artigo 16 do Decreto 253/1995.

Oitavo.

1. Na orde pola que se autorice o cesamento de actividades dun centro e na que se acorde a revogación da autorización, poderá establecerse que os efectos daquela sexan progresivos, co fin de que os alumnos matriculados no centro non sufran alteración na súa traxectoria educativa.

2. As ordes a que se refire o apartado anterior darán lugar á correspondente inscrición de baixa no Rexistro de Centros Docentes.

Disposición adicional

Os centros privados a que se refire a presente norma serán adscritos, para efectos administrativos, a un centro público na correspondente orde de autorización.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros a dicta-las resolucións das solicitudes de modificación da autorización a que se refire o artigo 11 do Decreto 253/1995, do 29 de setembro.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 1995.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

96-611