Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 02 de febreiro de 1996 Páx. 890

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 16 de xaneiro de 1996 pola que se convoca un curso de capacitación para mandos de policía local, dirixido ós mandos de policía local das categorías de cabo, sarxento e suboficial, que accederon a estas tanto por oposición libre como por promoción interna, dos distintos concellos de Galicia.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 1996, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dun curso de capacitación para mandos de policía local, segundo o previsto no artigo 23 da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

O curso ten por obxectivos dotar-los mandos da policía local nas distintas categorías dos coñecementos necesarios para o mellor desempeño da súa laboura profesional.

Destinatarios.

O curso vai dirixido ós mandos da policía local das categorías de cabo, sarxento e suboficial, que accederon a estas, tanto por oposición libre como por promoción interna, dos distintos concellos de Galicia.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta, e deberase comunicar esta, antes do 22 de febreiro de 1996, para efectua-la correspondente reserva de praza.

Prazas.

Sen límite.

Solicitudes.

1.-Os concellos que se atopen nesta situación deberán remitir un escrito á Academia Galega de Seguridade, no que soliciten a participación no curso, e no que figure a lista de persoas que superaron as correspondentes probas de oposición ou a fase de concurso ás categorías de cabo, sarxento e suboficial da policía local e os datos das persoas incluídas na lista referidos ás probas de oposición ou fase de concurso; para efectua-la correspondente reserva de praza para a realización do devandito curso.

2.-O prazo para a remisión de escritos rematará o día 22 de febreiro de 1996.

3.-Os escritos deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: rúa de Madrid, 2-4 polígono das Fontiñas, 15703, Santiago de Compostela.

Contido e duración.

O curso celebrarase na sede da Academia Galega de Seguridade en sesións de mañá e tarde, de luns a venres, e nel trataranse, entre outras, as seguintes materias:

-Área xurídica

Dereito constitucional.

Dereito procesual-penal.

Dereito administrativo policial.

Dereito penal.

Dereito estatutario.

-Área humanística

Ética e función policial.

Psicoloxía do mando.

Técnicas asistenciais de urxencia.

Socioloxía.

Incendios.

-Área técnica policial.

Normativa sobre seguridade vial.

Policía científica.

Criminoloxía.

-Área xerencial.

Técnicas de dirección.

-Área operativa policial.

Tiro policial.

O curso terá unha duración de dous meses de formación teórica na sede da Academia Galega de Seguridade.

Datas.

O curso principiará o vindeiro día 4 de marzo de 1996.

O horario será de 9.30 a 20 horas.

Desenvolvemento do curso.

Os alumnos da Academia Galega de Seguridade durante o seu período de permanencia nesta rexeranse polo regulamento de réxime interior desta, publicado no DOG do 28-7-1995, nº 144.

Certificado.

Para obte-lo correspondente diploma será requisito indispensable superar tódalas materias que figuren no programa.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 1996.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

693