Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 02 de febreiro de 1996 Páx. 847

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 18 xaneiro de 1996 pola que se desenvolve o Decreto 291/1995, do 3 de novembro, relativo ós rexistros de entidades prestadoras de servicios sociais.

En cumprimento do disposto no artigo 32.3º da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, polo Decreto 95/1994, do 8 de abril, reguláronse os rexistros de entidades prestadoras de servicios sociais dependentes das consellerías de Sanidade e Servicios Sociais e de Familia, Muller e Xuventude.

O posterior desenvolvemento normativo da Lei galega de servicios sociais requiriu a modificación dos devanditos rexistros co fin de axustarse ás novas esixencias legais, o que se realizou polo Decreto 291/1995, do 3 de novembro.

Ante a nova organización rexistral, considérase necesario unha norma que regule polo miúdo os seus instrumentos materiais así como as correspondentes solicitudes normalizadas relativas ós procedementos rexistrais.

Por todo o exposto, en virtude das competencias que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Para a inscrición dunha entidade no rexistro de entidades prestadoras de servicios sociais depen

dente da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, o seu representante legal deberá presentar solicitude normalizada conforme modelo establecido no anexo I acompañada da documentación referida no artigo 14 do Decreto 291/1995, do 3 de novembro.

2. Para os efectos de dar cumprimento á obriga establecida no artigo 17 do Decreto 291/1995, o representante legal da entidade deberá presentar solicitude normalizada de modificación segundo modelo do anexo II, xunto coa documentación acreditativa dela.

3. Para obte-la cancelación da inscrición por petición da entidade, o seu representante legal presentará solicitude normalizada conforme o anexo III, acompaña da de certificación expresiva do correspondente acordo adoptado pola entidade cando se trate de persoas xurídicas.

4. Tódalas solicitudes dirixiranse á secretaria xeral da consellería, quen resolverá os expedientes, todo isto sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 2º

A anotación dos centros realizarase de oficio trala concesión do correspondente permiso de inicio de actividades.

Artigo 3º

O rexistro constará materialmente de libro diario, libro de rexistro de entidades, ficheiro auxiliar de centros e arquivo de documentación. O libro de rexistro e o ficheiro levaranse simultaneamente sobre soportes escritos e informáticos.

Artigo 4º

1. O libro diario e o de rexistro constarán de 500 follas útiles, máis a portada e unha final en branco. Tódalas follas estarán seladas e numeradas correlativamente no ángulo superior dereito.

Na parte superior da folla de portada estamparanse as seguintes palabras: libro diario ou libro rexistro, segundo corresponda, seguido de «Rexistro de Entidades Prestadoras de Servicios Sociais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude» e debaixo «tomo nº...».

Na parte media da dita folla estenderase polo secretario xeral, certificación expresiva de que o libro reúne o número de follas esixidas, que estas están numeradas, a circunstancia de non estar ningunha delas riscada ou utilizada e a data da súa apertura. Finalmente, o secretario xeral selará e asinará esta certificación.

2. Os tomos de ámbolos dous libros numeraranse por orde de antigüidade.

Artigo 5º

No libro diario farase o correspondente asento de todo escrito ou documentación que afecte a este rexistro.

Os asentos anotaranse respectando a orde temporal de recepción e indicarán a data dela, sen deixar claros entre eles.

Este libro levarase exclusivamente en soporte escrito.

Artigo 6º

1. No libro rexistro inscribiranse as entidades prestadoras de servicios sociais, debendo anotarse, así mesmo, os seus centros autorizados.

2. Este libro constará de follas móbiles, numeradas e seladas, estendendo o secretario xeral dilixencia de apertura, nos termos establecidos no artigo 4.1º da presente orde.

3. Cada entidade abrirá folio no rexistro e concederáselle un número diferente e correlativo. Cando sexa preciso engadir novos datos da entidade, acudirase a un libro rexistro complementario que terá as mesmas garantías formais que o principal. O responsable do rexistro identificará, ó pé da páxina da última folla reservada á entidade, o libro complementario onde se recollen os posteriores datos relativos a ela.

A primeira anotación que se fará no libro rexistro complementario será a referencia ó tomo e folio na que está inscrita a entidade.

Artigo 7º

1. No libro rexistro reflectiranse, entre outros, os seguintes datos da entidade:

a) Denominación.

b) Nº de rexistro asignado.

c) Data de resolución da inscrición.

d) Código ou número de identificación fiscal.

e) Categoría.

f) Ámbito xeográfico de actuación.

g) Áreas de actuación dos servicios sociais nas que incide a súa actividade.

h) Enderezo social.

i) Datos identificativos do representante legal.

2. Igualmente, farase constar no devandito libro os centros de que dispón cada entidade, dándolles un número de identificación a cada un deles e anotando sobre eles os seguintes datos:

a) Denominación e tipoloxía.

b) Data de concesión do permiso de inicio de actividades.

c) Data de concesión do permiso de cesamento total e definitivo das actividades do centro e da correspondente cancelación.

d) Data da concesión da acreditación do centro, se é o caso.

Artigo 8º

1. O ficheiro auxiliar de centros configúrase como un instrumento de apoio ó rexistro, e nel farase constar por extenso os datos máis relevantes dos centros autorizados de que dispoña cada entidade.

2. Levarase unha ficha de cada centro, que deberá actualizarse periodicamente, e na que figurará o seu número de identificación e os seguintes datos:

a) Denominación.

b) Entidade da que depende.

c) Número de identificación.

d) Tipoloxía.

e) Área de actuación.

f) Beneficiarios.

g) Enderezo.

h) Datos identificativos do director/responsable.

i) Datas de autorización, acreditación e peche.

j) Número total de prazas.

k) Número de prazas concertadas ou conveniadas.

l) Cadro de persoal.

ll) Custo praza no centro.

m) Outras prestacións ou servicios.

n) Subvencións percibidas e convenios asinados coa Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

ñ) Outros datos de interese.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o seguinte día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 1996.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

8475