Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Mércores, 31 de xaneiro de 1996 Páx. 796

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 2 de xaneiro de 1996 pola que se regula o procedemento para o reintegro individual de gastos por asistencia a actividades de formación do profesorado de niveis non universitarios.

O plan de formación continuada do profesorado de niveis non universitarios da Comunidade Autónoma de Galicia persegue, como obxectivos xerais, mellora-la competencia profesional do profesorado, fomenta-la reflexión crítica sobre a súa actividade cotiá e crear actitudes proclives á investigación e á experimentación educativas.

Coa finalidade de facilita-la participación do profesorado en actividades de formación que contribúan á consecución dos obxectivos anteriormente sinalados a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria organiza distintas actividades de formación orientadas a conxuga-las necesidades derivadas do propio sistema educativo coas demandas xurdidas do mesmo profesorado.

Non obstante o anterior, a especificidade dalgunhas actividades de formación, ou as características especiais que a súa celebración esixe, desaconsella a súa organización pola propia consellería ou os centros de Formación continuada do profesorado dependentes dela, sen que iso poida supoñe-la imposiblidade para o profesorado de asistir a este tipo de actividades, e que, de non facilitarse a dita opción, suporía discrimina-los profesores afectados por tales circustancias.

É por iso polo que procede establecer un sistema que permita o reintegro, polo menos parcial, dos gastos orixinados pola asistencia a este tipo de actividades de formación do profesorado. En consecuencia esta consellería,

DISPÓN:

Primeiro.

Establece-lo procedemento para o reintegro individual de gastos derivados da asistencia a actividades de formación non organizadas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou os centros de formación continuada do profesorado dela dependentes que se desenvolvan na Comunidade Autónoma de Galicia, no resto do territorio español ou no estranxeiro que comecen entre os días 1 de setembro de 1995 e o 30 de xuño de 1996, ámbolos dous inclusive, e que rematen no ano 1996. En ningún caso se concederán reintegros para a asistencia a actividades de formación de carácter reglado conducentes á obtención dun título, así como para actividades de formación inherentes a estudios reglados.

Segundo.

Poderán solicita-los devanditos reintegros os profesores de niveis non universitarios con destino en centros docentes, públicos ou privados concertados, en equipos psicopedagóxicos de apoio e centros de recursos, así como os asesores técnico-pedagóxicos dependentes desta comunidade e sempre que, para a asistencia a mesma actividade non perciban axudas de ningún tipo e que non recibisen reintegros individuais nas dúas últimas convocatorias (ano 1995). Así mesmo, non se lles concederán reintegros ós devanditos profesores que estean desfrutando de licencias por estudios durante o período de celebración da actividade de formación.

Terceiro.

Os reintegros concederanse para actividades de formación, cursos, xornadas, encontros, conferencias, congresos e outras análogas, directamente relacionadas coa disciplina, área, ciclo ou especialidade que imparta o solicitante, e para os seguintes tipos e cos límites que se indican:

Lugar de celebraciónContía máxima

Tipo IComunidade galega 40.000 ptas.

Tipo IIResto do territorio español75.000 ptas.

Tipo IIIExtranxeiro 150.000 ptas.

Cuarto.

4.1. O reintegro concederase de forma individual e a súa contía fixarase tendo en conta o centro en que estea destinado/a o candidato/a no momento de cursa-la instancia, as características da actividade, e lugar de celebración, os gastos de inscrición e a adecuación ó nivel de docencia ou especialización que imparta o solicitante.

4.2. A valoración dos méritos e demais circustancias da solicitude para a concesión de reintegros,

serán estimadas por unha comisión que estará integrada por:

Presidente: a subdirectora xeral de Ordenación Educativa ou persoa na que delegue.

Vocais: a xefa do Servicio de Formación do Profesorado.

Un funcionario destinado no Servicio de Formación do Profesorado.

Un membro da Inspección Coordinadora.

Un funcionario desta consellería, adscrito á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros, que actuará como secretario.

4.3. A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros, en vista da proposta da devandita comisión, resolverá a concesión ou denegación do reintegro solicitado.

Quinto.

5.1. Os interesados deberán dirixi-la súa solicitude, segundo o modelo que figura no anexo I da presente orde, na delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da que dependan, directamente ou mediante calquera dos procedementos establecidos no artígo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, polo menos un mes antes do comenzo da actividade para a que solicitan o oportuno reintegro. Para as actividades que comecen antes do día 1 de marzo de 1996, o prazo de solicitude do reintegro rematará o día 15 de febreiro.

5.2. Á solicitude engadiráselle a seguinte documentación.

A) Orixinal ou fotocopia da convocatoria da actividade para a que se solicita o reintegro.

B) Currículum vitae do solicitante.

C) Certificación do director do centro onde se xustifique que o solicitante exerce actualmente nel e na que se especifique a disciplina, área, ciclo ou especialidade que imparte. A dita certificación substituirase por outra expedida polo servicio de inspección correspondente no caso de que o solicitante estea destinado nunha escola unitaria. No caso de profesorado de centros concertados, farase constar explicitamente a condición de centro concertado.

D) Orzamento dos gastos de matrícula e desprazamento. En ningún caso se farán constar gastos de mantenza e aloxamento.

E) Breve explicación dos motivos polos que se desexa asistir á actividade e repercusión da asistencia a esta na súa función docente.

F) Declaración xurada de non ter recibido reintegro individual nas convocatorias do ano 1995, así como de non estar desfrutando de licencia por estudios

durante o período de celebración da actividade de formación.

Sexto.

As delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, dentro dos 10 días seguintes ó da súa recepción, remitiranlle á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros os expedientes de solicitude co seu informe, segundo o modelo que figura no anexo II da presente orde.

As solicitudes que non obteñan resposta expresa consideraranse denegadas.

Sétimo.

A concesión ou denegación do reintegro seralle notificado directamente ó interesado/a pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros que, así mesmo, a poñerá en coñecemento das delegacións provinciais.

Oitavo.

O aboamento do reintegro tramitarase unha vez que finalice a actividade. Para iso, o interesado/a deberá remitir á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros, dentro dos dez días seguintes ó da finalización da actividade, a seguinte documentación:

a) Breve memoria con informe crítico da actividade desenvolvida.

b) Documento orixinal que justifique o pagamento da matrícula ou inscrición na actividade e que especifique o importe do gasto realizado.

c) Xustificación dos gastos de desprazamento segundo corresponda (billete de avión, de tren ..., factura da axencia-ou declaración xurada de ter realizado o desprazamento en vehículo propio) tal e como se establece no Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño), modificado polo Decreto 21/1994, do 4 de febreiro (DOG do 14). Todo iso en documentos orixinais.

f) Fotocopia debidamente compulsada do certificado de asistencia expedido pola entidade organizadora.

Noveno.

Os reintegros individuais financiaranse con cargo ó concepto orzamentario 07.03.322I.640.1 do presente exercicio económico, correspondente ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

Décimo.

A presente orde entrará en vigor ó día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 1996.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

96-0378