Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Martes, 30 de xaneiro de 1996 Páx. 742

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 21/1996, do 12 de xaneiro, polo que se lles oferta a posibilidade de integración como persoal laboral ós funcionarios pertencentes ós corpos de conductores e conductores mecánicos.

Mediante o Decreto 304/1992, do 30 de xullo, publicado no DOG nº 219, do 10 de novembro de 1992, regulouse a opción de integración como persoal laboral dos funcionarios pertencentes ós corpos de conductores e conductores mecánicos, grupo E, ó servicio da Administración da Xunta de Galicia.

Considerando que parte deste colectivo continúa na súa condición de funcionario pero ocupando prazas reservadas a persoal laboral e considerándose pertinente abrir por última vez e sen prórroga posible a posibilidade de que o referido colectivo poida exercita-la opción de integración regulada no Decreto 304/1992, do 30 de xullo, no uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, por proposta

do Conselleiro da Presidencia e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión celebrada o día doce de xaneiro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Os funcionarios do corpo de conductores e conductores mecánicos, grupo E, ó servicio da Administración da Xunta de Galicia que, á entrada en vigor deste decreto, se atopen desempeñando postos de traballo que aparecen reservados ó persoal laboral nas correspondentes relacións de postos de traballo, poderán optar por integrarse como persoal laboral fixo da Xunta de Galicia nas categorías e grupos que correspondan e nos termos e condicións que se establecen.

Artigo 2º.-O prazo para exercita-la opción será de 30 días naturais, contados desde a publicación do presente decreto no Diario Oficial de Galicia.

O procedemento e condicións da opción de integración realizarase de conformidade co establecido nos artigos 2, 3, 4, 5, 6 e anexo do Decreto 304/1992, do 30 de xullo (DOG nº 219, do 10 de novembro).

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, doce de xaneiro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

293