Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Luns, 29 de xaneiro de 1996 Páx. 707

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

RESOLUCIÓN conxunta do 15 de xaneiro de 1996, da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde, pola que se ordena a publicación do pacto subscrito pola Administración sanitaria coas centrais sindicais CIG, CC.OO, UXT, CSIF e CESM, en condición esta última de central adherida, sobre nomeamentos de médicos especialistas en pediatría que presten os seus servicios na atención primaria de saúde da Comunidade Autónoma galega.

No marco da Mesa Sectorial de Persoal Sanitario, coa finalidade de establecer un sistema de nomeamentos temporais do persoal estatutario facultativo especialista en pediatría que preste servicios na atención primaria de saúde da Comunidade Autónoma galega, adaptado as prescripcións da disposición adicional 4ª do Real decreto 118/90, do 25 de xaneiro, negociaronse e suscribíronse os pactos de data 16 de xuño de 1993, e de 6 de outubro de 1994.

Concluída a vixencia dos citados pactos, dentro do marco aludido negociouse coas organizacións sindicais representadas na mesa sectorial un novo pacto, regulador así mesmo dos nomeamentos temporais para o persoal estatutario facultativo especialista en pediatría que preste servicios na atención primaria dependente do Servicio Galego de Saúde.

Como consecuencia de tal proceso negociador resultou o pacto anexo, subscrito entre a Administración sanitaria e as centrais sindicais CIG, CC.OO, UXT, CSIF e CESM, celebrado de conformidade co artigo 3 da Lei 9/1987, do 9 de xuño, pola que se regulan os órganos de representación, determinacións das condición de traballo e participación do persoal ó servicio das administracións públicas.

O contido do devandito pacto é o que figura como anexo á presente resolución.

Para xeral coñecemento, de acordo co disposto no artigo 36 da citada Lei 9/1987, faise necesaria a súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Na súa virtude,

RESOLVEMOS:

Acorda-la publicación do pacto sobre nomeamentos temporais do persoal estatutario da categoría de médico especialista en pediatría con destino na atención primaria de saúde, que se inclúe como anexo da presente resolución.

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 1996.

Carlos Negreira Souto

Director xeral da Director Xeral de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde

Alberto Núñez Feijoo

Secretario xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO

En Santiago de Compostela o quince de xaneiro de mil novecentos noventa e seis, tralo proceso negociador mantido no seo dos relatorios técnicos de traballo creados «ad hoc» pola Mesa Sectorial de negociación do persoal sanitario, os representantes da Administración sanitaria de Galicia e as centrais sindicais CIG, CC.OO, UXT, CSIF e CESM, subscriben o presente pacto sobre nomeamentos temporais de médicos especialistas en pediatría con destino na atención primaria da Comunidade Autónoma galega, co contido que a continuación se expón:

Normas xerais

1. Ámbito de aplicación do pacto.

Territorio: será de aplicación en toda a Comunidade Autónoma galega.

Persoal: afecta ós nomeamentos e contratacións temporais do persoal estatutario facultativo especialista en pediatría con destino na atención primaria de Saúde do Servicio Galego de Saúde.

2. Vixencia do pacto.

O presente pacto terá a vixencia dun ano a partir da data da súa publicación, poderá prorrogarse mediante acordo expreso das partes asinantes.

3. Sistema que se aplicará ós nomeamentos.

Para efectua-los nomeamentos elaboraranse unhas listas, que serán por área sanitaria cando se trate da cobertura en réxime de substitución ou eventualidade de duración inferior a un ano e de ámbito provincial cando se trate da cobertura de prazas vacantes ou nomeamentos de duración igual ou superior ó ano.

Os aspirantes só poderán solicita-la súa inclusión nunha única lista, debendo indicar claramente nas solicitudes que formulen a área de xestión sanitaria e a provincia a que opten.

4. Formalización das solicitudes.

Unha vez publicado o presente pacto no Diario Oficial de Galicia, convocarase ós aspirantes, mediante resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde, que se publicará nos taboleiros de anuncios das direccións provinciais do Sergas e das Xerencias de Atención Primaria do devandito organismo, e concederáselles ós interesados un prazo máximo de 15 días naturais a partir do seguinte á data da publicación da convocatoria, para que presenten a súa solicitude en modelo normalizado, en unión da documentación acreditativa dos méritos alegados. Igualmente daráselle a publicidade adecuada á convocatoria, a través da inserción dun anuncio dela na prensa.

Para poder formula-la súa solicitude, os aspirantes deberán acreditar, no momento da súa presentación, a nacionalidade española ou dun país da Unión Europea (en adiante UE), ou se é o caso, dispoñer da autorización para poder residir e traballar legalmente en España.

Non poderán presenta-la súa solicitude os aspirantes que foran excluídos das listas confeccionadas en aplicación dos pactos de data 16 de xuño de 1993 e de 6 de outubro de 1994, por non ter superado o período de proba previsto no contrato ou nomeamento sempre que a exclusión non fora exceptuada, ou tamén por acordo de exclusión firme fundado en incumprimento grave do aspirante ou finalmente ter sido penalizado con tal medida por renuncias reiteradas inxustificadas a nomeamentos ou contratacións.

As solicitudes poderanse presentar nas direccións provinciais do Servicio Galego de Saúde e nos centros de xestión de atención primaria, no prazo sinalado.

Os méritos admisibles serán os causados ata o día anterior, inclusive, á data de publicación do presente pacto no Diario Oficial de Galicia.

A acreditación dos méritos alegados, que deberán inescusablemente aportarse dentro do prazo de presentación das solicitudes, requirirá a presentación de documentos auténticos, sen prexuízo da posible compulsa que, sobre as copias fotoestáticas deles, se leve a efecto polo persoal competente.

Aplicaráselles ós aspirantes o criterio corrector consistente na exclusión da lista, de solicita-los aspirantes no caso da cobertura de prazas vacantes ou nomeamentos dun ano ou máis de duración a súa inclusión en máis dunha provincia, e no resto de nomeamentos e contratacións a súa inclusión en máis dunha área de xestión sanitaria.

5. Elaboración das listas.

Rematado o prazo de presentación de solicitudes e trala baremación correspondente, publicaranse nos taboleiros de anuncios das direccións provinciais e dos centros de xestión de atención primaria as listas provisionais de aspirantes coas puntuacións asignadas, tanto no que respecta ós nomeamentos inferiores a un ano (por área de xestión sanitaria) como ós nomeamentos de interinidade en praza vacante ou de un ano ou duración superior (ámbito provincial) concedéndolles ós aspirantes un prazo de 10 días para efectuar reclamacións, que deberán dirixirse, se se trata de interinidades en vacante ou nomeamentos dun ano ou duración superior, á Dirección Xeral de Recursos Humanos, e se se trata de substitucións, á Dirección Provincial do Sergas correspondente.

Resoltas as reclamacións publicaranse as listas definitivas nos mesmos lugares que as provisionais.

Polo que respecta á formalización dos nomeamentos, e coa finalidade de acredita-la situación de desemprego, os aspirantes deberán presenta-la

tarxeta de demanda de emprego do INEM, no momento de realizaren a formalización.

No caso de que se esgote algunha lista farase unha nova oferta de contratacións, de acordo co procedemento regulado no presente pacto, provéndose, en tanto, as contratacións urxentes a través da utilización das listas das áreas de xestión máis próximas.

Para tal efecto considéranse áreas de xestión máis próximas as que se determinan, respecto de cada área concreta, no anexo I deste pacto.

De existir prórroga do presente pacto consonte o previsto na norma xeral segunda, farase unha nova oferta de nomeamentos e contratacións durante o primeiro trimestre do ano 1997.

6. Xestión das listas.

Xestionaranse nas direccións provinciais do Sergas no que concerne ás listas para nomeamentos inferiores ó ano. A cobertura de prazas vacantes ou nomeamentos dun ano ou máis de duración serán xestionadas pola Dirección Xeral de Recursos Humanos.

Os chamamentos ós aspirantes serán efectuados, a demanda da institución sanitaria correspondente, pola dirección provincial comprensiva no seu ámbito da localidade onde se produza a necesidade de cobertura ou pola Dirección Xeral de Recursos Humanos, según proceda, seguíndose a orde rigorosa de puntuación que acrediten os aspirantes.

Sempre que sexa posible, por dispor de prazo suficiente, avisarase ós aspirantes a través de carta ou telegrama. Nos supostos en que exista inmediatez ou urxencia no chamamento, farase telefonicamente, debendo quedar constancia, en todo caso, da data e hora en que cada aspirante sexa requirido, mediante dilixencia emitida para o efecto, levándose un libro de rexistro das chamadas efectuadas.

A determinación das necesidades de contratación competélles ós directores xerentes dos respectivos centros de atención primaria, de acordo coas súas competencias de xestión normativamente recoñecidas, sen prexuízo da preceptiva información sobre os nomeamentos efectuados, que periodicamente debe facilitarse ás xuntas de persoal da área sanitaria, nos termos recoñecidos no artigo 9 da Lei 9/1987, do 12 de xuño, de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio das administracións públicas (BOE nº 145, do 18-6-1987), e así mesmo nos artigos concordantes da Lei orgánica 11/1986, de liberdade sindical.

A referida información poderá ser pedida, tamén, polas comisións provinciais de seguimento, dos directores xerentes, que a deberán facilitar nun prazo razoable.

7. Promoción profesional.

Farase unha reserva do 50 % das prazas a cubrir nos respectivos centros de atención primaria, nos

supostos de necesidades de cobertura dunha praza vacante e demais que se coiden, inicialmente, de duración igual ou superior ó ano, polos médicos xerais con praza en propiedade no centro de xestión de atención primaria coa especialidade en pediatría.

Para este persoal confeccionarase unha lista por centro de atención primaria, coa mesma vixencia das anteriores e aplicación dos criterios de selección e restantes prescricións establecidos neste pacto.

8. Seguimento do pacto.

Constituiranse unhas comisións paritarias para o seguimento do pacto, unha central e catro provinciais, integradas por 10 membros, 5 designados pola Administracion, e 5 polas centrais sindicais asinantes deste pacto.

A comisión central, sen prexuízo das explicitamente recoñecidas ó longo do presente pacto, terá competencias para unifica-los criterios de actuación e interpretación das comisións provinciais.

As comisións provinciais coñecerán, en única instancia, ademais das cuestións que teñen explicitamente asignadas ó longo do presente pacto, tódalas incidencias e reclamacións que se produzan en aplicación del, formulando as propostas de resolución con carácter vinculante que procedan ás direccións provinciais do Sergas para o seu traslado, se é o caso, ós interesados.

Os acordos adoptaranse por maioría dos presentes; requirirase un quórum de 7 membros e, será decisorio, en caso de empate, o voto do presidente.

A presidencia das comisións corresponderalle a un dos membros designados pola Administración, actuando como secretario delas, con voz e voto, outro dos seus representantes.

As comisións reuniranse, ben con carácter ordinario, unha vez ó trimestre a central, e unha vez ó mes as provinciais; ou ben con carácter extraordinario, nas ocasións en que concorran as circunstancias que o fagan preciso.

A solicitude da convocatoria extraordinaria, na que necesariamente se fixará a orde do día, farase a instancia, polo menos, de 2 dos membros da comisión, e cunha antelación mínima de 48 horas.

9. Penalización.

De non existiren causas xustificadas de renuncia á oferta dun nomeamento ou contrato, ou ben a un xa formalizado, penalizarase ó aspirante, no caso da primeira renuncia, pasándoo ó cabo da lista correspondente. De existir unha segunda renuncia inxustificada, excluirase ó aspirante incurso nela das listas nas que figure (provincial, de área ou centro de xestión) como aspirante.

Admitirase renuncia á oferta sen penalización ningunha sempre que se xustifique de forma suficiente, nos seguintes supostos:

a) Servicio militar ou prestación social substitutoria.

b) Maternidade ou adopción legal.

c) Exercicio de representación sindical.

d) Casamento.

e) Falecemento de familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

f) Calquera outra de entidade suficiente que se considere oportuno a criterio da comisión central de seguimento.

Así mesmo serán excluídos da lista os aspirantes que incorran en incumprimento grave, tanto derivado da súa calidade de aspirante inscrito na lista como do concreto desempeño do posto de traballo.

Considéranse incumprimentos graves tódalas conductas cualificadas como faltas moi graves ou graves no Estatuto de persoal aplicable.

Para facer efectivas as exclusións derivadas dos citados incumprimentos seguirase un procedemento, perante a Dirección Xeral de Recursos Humanso do Sergas, no que se garanta, en todo caso, a audiencia do interesado.

10. Supostos especiais.

I) Para poder aspirar ós nomeamentos será requisito imprescindible a acreditación do título de especialista en pediatría.

Non obstante, no suposto de non existir médico pediatra inscrito nas listas que poida efectua-la cobertura de substitucións ou eventualidades necesariamente inferiores a un ano, poderase utiliza-los servicios de licenciados en medicina que acrediten o diploma de posgraduado en puericultura.

Confeccionarase unha lista de médicos xerais que acrediten o diploma de posgraduado en puericultura por área de xestión sanitaria, co fin de poder chama-los incluídos nela por orde de puntuación para cubri-las necesidades asistenciais sinaladas no parágrafo anterior.

II) Cando un aspirante figure con dereito preferente, pola puntuación que acredite, para ocupar unha praza vacante con carácter interino ou para subscribir outro tipo de contratación ou nomeamento de duración igual ou superior ó ano, e se atope efectuando unha substitución, será requirido para que ocupe a citada praza, correspondéndolle a outro aspirante o desempeño da substitución agora vacante.

III) Para a cobertura de nomeamentos ou contratacións de duración igual ou superior ó ano terase en conta sempre a maior puntuación acreditada na lista que corresponda.

Non obstante, á vista dos recentes pronunciamentos do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e en cumprimento deles, nos casos en que un nomeamento ou contratación por substitución derive, por calquera circunstancia, na cobertura de praza vacante ou reservada, permanecerá o mesmo aspirante xa nomeado ou contratado para tal sustitución.

O mantemento da medida reflectida no parágrafo anterior estará a resultas ou penderá do definitivo pronunciamento do Tribunal Supremo que se dicte en resolución do recurso de unificación de doutrina promovido perante o mesmo.

IV) Cando un aspirante sexa cesado por non supera-lo período de proba que no contrato asinado se estipule quedará automaticamente excluído da lista.

Poderán ser exceptuados da aplicación da anterior medida aqueles casos que, excepcional e motivadamente, se considere oportuno pola comisión central de seguimento.

Para os fins indicados, deberá comunicárselle con toda celeridade á citada comisión as exclusións que procedan por tal motivo e, de se-lo caso, as causas xustificativas para exceptuar algunha daquelas.

Baremo

Seguiuse para a súa confección a estructura establecida no Real decreto 118/1991, sobre selección e provisión de prazas de persoal estatutario.

A) Formación académica (máximo 3 puntos).

1. Estudios de licenciatura:

-Cada matrícula de honra: 1,5 puntos.

-Cada sobresaliente: 1 punto.

-Cada notable: 0,5 puntos.

A suma das puntuación dividirase polo número total de materias da carreira, expresando o cociente cos dous primeiros decimais obtidos.

Non se valorarán as materias de idioma, relixión, formación política e educación física.

2. Exame de grao (licenciatura): 0,25 puntos.

-Premio extraordinario: 0,75 puntos.

-Cursos monográficos de doutoramento ou de 3º ciclo: 0,25 puntos.

(Máximo 1 punto polos tres epígrafes anteriores).

3. Grao de doutor: 1,5 puntos.

A puntuación máxima dos puntos 2 e 3 é de 1,5 puntos.

B) Formación especializada (máximo 7 puntos).

1. Aspirantes que se encontren en posesión do título de especialista en pediatría expedido ou homologado polo Ministerio de Educación e Ciencia: 2 puntos.

2. Aspirantes que cumprisen o período completo de formación na especialidade de pediatría como residentes do programa MIR, ou que cumprisen nesa especialidade o período completo de formación, como residentes nun centro estranxeiro, con programa recoñecido de docencia para posgraduados na especialidade e coa titulación de especialistas validada polo Ministerio de Educación e Ciencia: 5 puntos.

C) Experiencia profesional (máximo 7 puntos).

1. Por cada mes de servicios prestados como pediatra en institucións sanitarias da Seguridade Social dependentes do Sergas ou noutras institucións sanitarias da Seguridade Social integrantes do Sistema Nacional da Saúde: 0,08 puntos.

2. Por cada mes de servicios prestados como pediatras noutras institucións sanitarias públicas: 0,04 puntos.

3. Por cada mes de servicios prestados como pediatras en institucións sanitarias privadas: 0,02 puntos.

A acreditación dos servicios prestados en institucións sanitarias públicas españolas farase a través de certificación expedida polo responsable do servicio de persoal ou servicio equiparable do centro público que corresponda.

A prestación de servicios en institucións sanitarias privadas deberá acreditarse por aportación de certificación da empresa na que se faga consta-la categoría, duración e xornada do facultativo pediatra; así, e igualmente, aportarase informe do órgano corespondente da Seguridade Social de cotizacións como facultativo pediatra.

D) Outros méritos (máximo 3 puntos).

Pola asistencia debidamente acreditada a cursos de formación e perfeccionamento convocados e impartidos pola Administración estatal, autonómica e universidades, Real Academia de Medicina e colexos oficiais de médicos ou acreditados polos organismos competentes, sempre que teñan un contido relacionado coa atención pediátrica ou a atención primaria de saúde, a razón de:

-De 40-100 horas: 0,10 puntos.

-De 101-300 horas: 0,20 puntos.

-De 301-500 horas: 0,40 puntos.

-De 501 en diante: 1,20 puntos.

Acreditación dos cursos: deberán conte-la sinatura do responsable do órgano convocante e/ou do profesional responsable que o imparta. Así mesmo deberá constar, claramente, o número de horas do curso, as datas de comezo e finalización, o seu contido, e maila localidade onde foi impartido.

Cando a convocatoria e o desenvolvemento dos cursos estean feitas conforme a unha disposición normativa que regule as características xerais deles, será innecesario acreditalos conforme se esixe no parágrafo anterior, sendo documento suficiente a certificación de asistencia (con expresión, se é o caso, da cualificación de aptitude) a este.

E) Coñecementos de lingua galega.

1. Pola realización do curso de iniciación de lingua galega: 0,5 puntos.

2. Pola realización do curso de perfeccionamento de lingua galega: 1 punto.

(Máximo 1 punto).

Cuestións específicas da baremación.

-No que respecta á lista de médicos xeneralistas que acrediten o diploma de posgraduado de puericultura teranse en conta os méritos anteriormente sinalados con exclusión, obviamente, da formación especializada e coa precisión de que a experiencia profesional se refire á acreditada como médicos xeneralistas en prazas de atención pediátrica.

-O réxime de homologacións dos coñecementos de lingua galega será o seguinte:

O grao de iniciación á lingua galega ten o seguinte réxime de homologación:

-En bacharelato (incluído COU): un ano cursado e aprobado da materia de lingua galega.

-En formación profesional: un ano cursado e aprobado da materia de lingua galega.

-Na universidade: un ano cursado e aprobado de lingua galega.

O grao de perfeccionamento de lingua galega ten o seguinte réxime de homologación:

-En bacharelato: dous anos cursados e aprobados da materia de lingua galega (incluído COU).

-En formación profesional: tres anos cursados e aprobados da materia de lingua galega.

-Na universidade: Dous anos cursados e aprobados da materia de lingua galega.

Os certificados de homologación serán expedidos, no caso do bacharelato e da formación profesional, polos propios servicios administrativos dos centros onde se cursaron os estudios, por solicitude dos interesados.

No caso dos estudios universitarios o certificado será solicitado polos interesados á Dirección Xeral de Política Lingüística, órgano competente para tal acreditación.

Normativa aplicable:

-Orde do 25 de abril de 1989 da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (DOG nº 101, do 29-5-1989).

-Orde do 19 de xaneiro de 1989 da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (DOG nº 27, do 8-2-1989).

ANEXO I

A) Provincia da Coruña:

-Área da Coruña.

Áreas máis próximas:

Ferrol.

Santiago de Compostela.

-Área de Ferrol.

Áreas máis próximas:

A Coruña.

Lugo.

-Área de Santiago de Compostela.

Áreas máis próximas:

Coruña.

Pontevedra.

B) Provincia de Lugo.

-Área de Lugo.

Áreas máis próximas:

Ferrol.

C) Provincia de Ourense.

-Área de Ourense.

Áreas máis próximas:

Pontevedra sur.

D) Provincia de Pontevedra.

-Área de Pontevedra norte.

Áreas máis próximas:

Santiago de Compostela.

Pontevedra sur.

-Área de Pontevedra sur.

Áreas máis próximas:

Pontevedra norte.

96-311