Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 26 de xaneiro de 1996 Páx. 659

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 4/1996, do 12 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do imposto sobre a contaminación atmosférica.

A entrada en vigor da Lei 12/1995, do 29 de decembro, do imposto sobre a contaminación atmosférica supuxo o establecemento e aplicación a partir do 1 de xaneiro de 1996 dun novo imposto que recae sobre a contaminación atmosférica, producida por emisións de dióxido de xofre ou calquera outro composto osixenado do xofre e de dióxido de nitróxeno ou calquera outro composto osixenado do nitróxeno.

Co obxecto de lle dar cumprimento ó texto legal, é preciso dictar normas de desenvolvemento que regulen, entre outras materias, os aspectos de xestión e liquidación do citado tributo.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de xaneiro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º

O imposto sobre a contaminación atmosférica recaerá sobre as emisións producidas polos focos que se encontren situados dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º

1. Os ingresos provenientes do imposto sobre a contaminación atmosférica, deducidos os custos de xestión, destinaranse a financia-las actuacións da Comunidade en materia de protección medioambiental e conservación dos recursos naturais de Galicia.

2. Cun 5% dos ingresos obtidos en cada exercicio dotarase un fondo de reserva para atender danos extraordinarios e situacións de emerxencia provocados por catástrofes medioambientais ata acada-la contía de mil millóns de pesetas, cantidade que será reposta a medida que sexa utilizada mediante novas dotacións anuais en porcentaxe non superior á citada.

As prestacións do fondo terán carácter de anticipo reintegrable.

3. Anualmente elaborarase un informe referido ós aspectos citados nos anteriores apartados deste artigo, que será remitido ó Consello Galego de Medio Ambiente.

Artigo 3º

A xestión, inspección e recadación do imposto sobre a contaminación atmosférica correspóndelle á Consellería de Economía e Facenda.

Capítulo II

Elementos do imposto

Artigo 4º

1. Constitúe o feito impoñible a emisión á atmosfera de calquera das seguintes substancias:

a) Dióxido de xofre ou calquera outro composto osixenado do xofre.

b) Dióxido de nitróxeno ou calquera outro composto osixenado do nitróxeno.

2. Presumirase realizado o feito impoñible mentres as instalacións emisoras non cesen na súa actividade e tal circunstancia sexa posta en coñecemento da Administración.

Artigo 5º

Serán suxeitos pasivos en calidade de contribuíntes as persoas ou entidades que sexan titulares das instalacións ou actividades que emitan as substancias contaminantes gravadas.

Artigo 6º.

1. Constitúe a base impoñible a suma das cantidades emitidas de cada unha das substancias contaminantes por un mesmo foco emisor.

Para estes efectos:

a) As cantidades emitidas de dióxido de xofre e de dióxido de nitróxeno expresaranse en toneladas.

b) As cantidades emitidas de compostos osixenados de xofre expresaranse en toneladas equivalentes de dióxido de xofre e,

c) As cantidades emitidas de compostos nitroxenados expresaranse en toneladas equivalentes de dióxido de nitróxeno.

2. A cuantificación da base impoñible referirase ó ano natural.

Artigo 7º

Para os efectos de aplicación do imposto entenderase por foco emisor o conxunto de instalacións de calquera natureza que emitan á atmosfera substancias contaminantes gravadas.

Artigo 8º

Créase o Rexistro de focos emisores de substancias contaminantes incluídas no feito impoñible da Lei do imposto sobre a contaminación atmosférica, con sede nas delegacións territoriais da Consellería de Economía e Facenda respecto dos situados no ámbito da súa demarcación territorial. Procederá a inscrición no citado rexistro dos focos emisores que superen as 100 toneladas anuais de emisión das substancias contaminantes gravadas.

Artigo 9º

1. Tódolos titulares de focos emisores están obrigados a presentar unha declaración de alta, no modelo que se aprobe para o efecto, perante a delegación da Consellería de Economía e Facenda correspondente.

2. No caso do establecemento e posta en marcha dun novo foco emisor, a dita declaración indicará o número de toneladas das substancias gravadas que se prevé emitir no ano. O prazo para realizala será

o dun mes a contado desde o día da súa posta en funcionamento.

3. Os titulares de focos emisores en funcionamento á entrada en vigor da Lei 12/95, do 29 de decembro, do imposto sobre a contaminación atmosférica, consignarán na oportuna declaración os datos relativos a 1995.

4. Se dos datos obtidos da declaración a que se refiren os apartados 2 e 3 anteriores se deduce que non procede a inscrición no Rexistro de focos emisores, conforme co establecido no artigo 8 anterior, persistirá a obriga de efectuar nova declaración de alta no suposto de que a contaminación efectiva anual superase as 100 toneladas A dita declaración presentarase dentro do mes de xaneiro seguinte.

Artigo 10º

Cando se produza unha circunstancia modificativa dos extremos que figuran na declaración a que se refire o artigo anterior, e segundo o que se dispoña na orde de desenvolvemento do presente decreto, o titular do foco emisor, no prazo dun mes a contar desde o día que aquela circunstancia se producise, estará obrigado a comunicarllo á mesma delegación segundo o modelo que para o seu efecto se aprobe.

Artigo 11º

A base impoñible determinarase por estimación directa, deducida da declaración do suxeito pasivo e verificada pola Administración en casos nos que as instalacións incorporen sistemas de medida de cantidade de substancias contaminantes emitidas.

Artigo 12º

Nos supostos de focos emisores que non conten cos aparellos de medición a que se refire o artigo anterior, procederase á determinación da base impoñible mediante a estimación obxectiva que resulte dos indicadores que se aproben por decreto, tomando en consideración os parámetros máis significativos.

Artigo 13º

A Administración poderá sinalar de oficio, coa información dispoñible, a base que corresponda a aquel suxeito pasivo que, incumprindo as normas fiscais, fixera imposible a súa determinación a través das vías ordinarias previstas no presente decreto.

Artigo 14º

O gravame sobre a contaminación atmosférica esixirase conforme á seguinte tarifa por tramos de base:

Tramos de basePtas./T.

1. De 0 a 1.000 T. anuais0

2. De 1.001 a 50.000 T. anuais5.000

3. De 50.001 T. anuais en adiante5.500

Artigo 15º

O gravame devengarase no momento da emisión de calquera das substancias contaminantes gravadas.

Capítulo III

Outras normas

Artigo 16º

Os suxeitos pasivos están obrigados a presentar unha declaración liquidación segundo o modelo aprobado para o efecto, dentro de cada mes, ante a delegación da Consellería de Economía e Facenda correspondente.

A devandita declaración liquidación referirase á base impoñible acumulada no ano ata o final do mes inmediatamente anterior, ingresándose a diferencia que resulte entre a cota correspondente á dita base e a ingresada nos meses anteriores referida ó exercicio obxecto de liquidación.

No mes de xaneiro presentarase a declaración liquidación correspondente a decembro. Ademais, nos tres primeiros meses de cada ano, e no modelo que para tal efecto se aprobe, presentarase un resumo anual.

Os ingresos correspondentes efectuaranse na caixa da delegación territorial da Consellería de Economía e Facenda.

Artigo 17º

Non estarán obrigados a presenta-las correspondentes declaracións liquidacións mensuais e o resumo anual, os suxeitos pasivos que, respecto a un foco emisor, non superasen as 800 toneladas emitidas das substancias gravadas no ano inmediato anterior.

Nestes casos, se ó longo dun exercicio se chegasen a supera-las 1.000 toneladas emitidas, presentaranse as oportunas declaracións liquidacións a partir do mes seguinte a aquel en que se producise esa circunstancia e, no prazo indicado no artigo precedente, o correspondente resumo anual.

Da forma expresada no parágrafo anterior procederán os suxeitos pasivos titulares de novos focos emisores a partir da súa posta en funcionamento.

Artigo 18º

As declaracións liquidacións presentadas conforme ós artigos anteriores serán obxecto de comprobación por parte dos Servicios de Xestión da Delegación Territorial de Economía e Facenda e, para estes efectos, poderase solicitar dos servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio a información precisa.

Artigo 19º

Contra os actos de xestión, liquidación, inspección e recadación do tributo poderase reclamar ante o Tribunal Económico-Administrativo da Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo da vía contenciosa.

Artigo 20º

As infraccións tributarias do imposto sobre a contaminación atmosférica serán cualificadas e sancionadas de acordo co establecido na Lei xeral tributaria.

Disposición transitorias

Primeira.-Os titulares de focos emisores en funcionamento á entrada en vigor da Lei 12/1995, do

29 de decembro, do imposto sobre a contaminación atmosférica deberán efectua-la declaración a que se refire o artigo 9.3º deste decreto no prazo do mes seguinte ó da entrada en vigor deste.

Segunda.-O decreto que fixe os indicadores utilizados para o sistema de determinación obxectiva da base á que se refire o artigo 12 será aplicable, se é o caso, ós feitos impoñibles producidos a partir do 1 de xaneiro de 1996.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Economía e Facenda para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de xaneiro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

554