Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Xoves, 25 de xaneiro de 1996 Páx. 639

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 2/1996, do 12 de xaneiro, polo que se declara a urxente ocupación de bens e dereitos co obxecto de impoñe-la servidume de paso para o establecemento e conservación da liña eléctrica aérea, a 15/20 kV ó C.T. da Póboa, nos concellos de Santiago de Compostela e Teo (A Coruña) (expediente número 52669).

Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., con domicilio para efectos de notificacións na r/ Fernando Macías nº 2 da Coruña, solicitou desta Consellería de Industria e Comercio a concesión dos beneficios de expropiación forzosa e a declaración de urxente ocupación dos terreos afectados pola execución do proxecto de construcción da liña eléctrica aérea a 15/20 kV de 898 m de lonxitude, en conductor LA-56, sobre apoios metálicos e de formigón, con orixe na L.M.T. Milladoiro-As Galanas e remate no C.T. de 100 kVA proxectado na Póboa, afectando ós termos municipais de Santiago de Compostela e Teo (A Coruña) (Expte. nº 52786).

A dita instalación autorizouse, declarouse de utilidade pública e aprobouse o seu proxecto de execución por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña do 21-12-1993, a cal foi obxecto de publicación, inseríndose no DOG do 16-3-1994, no BOP da Coruña do 10-2-94, e no BOE do 2-2-1994.

A solicitude de urxente ocupación fíxose de acordo co disposto no artigo 31 do regulamento que desenvolve a Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aplicable ó presente expediente en virtude do establecido pola alínea 2 da disposición transitoria segunda da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional.

Os anuncios de información pública aberta en función desta petición, coa relación de interesados, bens e dereitos afectados, publicáronse no DOG do 28-4-1994, no BOP da Coruña do 7-5-1994, no xornal El Ideal Gallego do 11-5-1994, a simple referencia no BOE do 13-6-1994, e nos taboleiros de anuncios da Casa do Concello de Santiago de Compostela e de Teo e nos da delegación provincial; ó mesmo tempo na forma regulamentaria notificouse individualmente a cada un dos interesados que figuran na dita relación.

A tramitación do expediente fíxose de acordo coa Lei 10/1966, do 18 de marzo, e co seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, durante o período en que se someteu a trámite de información pública formulou alegación de desconformidade co trazado da liña o propietario do predio nº 2, a que se desestima xa que a variante proposta supera as porcentaxes de prezo e lonxitude que establece o artigo 26 do citado

decreto, ó mesmo tempo a propietaria dos predios números: 17, 20, 22 e 24 e a representante dos herdeiros dos predios números: 5, 8, 11, 14, 18, 21, 23, 23 bis, 28 e 30, solicitan diversa información para a identificación dos bens e das superficies de afección, a cal lles foi achegada pola empresa beneficiaria.

Unha vez efectuada por técnicos da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña a inspección sobre o terreo seguindo o trazado aprobado para a instalación desta liña, púidose comprobar que nos bens afectados sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da imposición de servidume, non se dan os supostos prohibitivos previstos nos artigos 6 de Lei 10/1966, do 18 de marzo, e 25 de Decreto 2619/1966, nin lles son de aplicación as limitacións do artigo 26 do dito decreto.

Estímase xustificada a urxente ocupación solicitada pola compañía Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., xa que con esta liña se pretende amplia-las redes de distribución de enerxía, para mellora-la subministración eléctrica nos sectores de establecemento das instalacións e poder garanti-las máximas condicións de seguridade da subministración nas ditas zonas, atendendo as constantes reclamacións polo mal servicio no sector e debido a que a imposición da servidume de paso, polo procedemento ordinario, faría imposible cumpri-los prazos previstos para estas instalacións.

Na súa virtude, e por proposta do conselleiro de Industria e Comercio, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día doce de xaneiro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo único.- Para os efectos previstos na Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, e no seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, declárase urxente a ocupación de terreos e bens gravados coa servidume de paso imposta co alcance previsto no artigo 4 da lei citada, para realiza-la instalación proxectada e proposta por Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., da liña eléctrica aérea ó C.T. da Póboa.

Os bens e dereitos a que afecta esta disposición sitúanse nos termos municipais de Santiago de Compostela e Teo (A Coruña) e son tódolos que figuran na relación presentada pola empresa solicitante dos beneficios de expropiación, que consta no expediente, o cal se someteu a información pública na forma e datas anteriormente descritas. Por solicitude de beneficiario, por chegar ó mutuo acordo entre as partes, exclúense desta disposición os predios números: 1, 6, 7, 9, 10, 12, 13, 15, 16, 23/1, 25, 27, 29, 31, 34 e 35.

Santiago de Compostela, doce de xaneiro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

95-0247