Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Martes, 23 de xaneiro de 1996 Páx. 602

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 16 de novembro de 1995, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo do sector de comercio maior de froitas, hortalizas e plátanos.

Visto o expediente do convenio colectivo do sector do comercio maior de froitas, hortalizas e plátanos, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 2-11-1995, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Asentadores Maioristas de Froitas, e, da parte social, por Comisións Obreiras, o día 3 de xullo de 1995, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma

de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo desta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicacióin no BOP e no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 16 de novembro de 1995.

Fernando Rodríguez Corcoba

Delegado provincial da Coruña

Convenio colectivo de 1995 do sector de maioristas de froitas varias, hortalizas e plátanos da provincia da Coruña

Artigo 1º.-Ámbito.

O presente convenio é de aplicación para tódalas empresas dedicadas ó comercio por xunto de froitas varias, hortalizas e plátanos, radicadas na provincia da Coruña, e para os seus traballadores.

Artigo 2º.-Vixencia.

Este convenio entrará en vigor o 1 de xaneiro de 1995 e estará vixente para tódolos efectos ata o 31 de decembro de 1995.

Artigo 3º.-Denuncia.

Prorrogarase de ano en ano se ningunha das dúas partes o denuncia cunha antelación dun mes á data de termo da súa vixencia. A dneuncia terá que comunicárselle ó organismo competente da Administración e á outra parte interesada.

Artigo 4º.-Normas supletorias.

Consideraranse normas supletorias deste convenio as de carácter xeral, a ordenanza laboral de traballo para o comercio, do 24 de xullo de 1971 e modificacións posteriores, así como os regulamentos de réxime interior daquelas empresas que o teñan en vigor, máis todo o que en materia laboral teña plena vixencia e non vaia contra o pactado neste convenio colectivo.

Artigo 5º.-Comisión paritaria.

Cantas dúbidas e diverxencias poidan xurdir na interpretación deste convenio someteránselle obrigatoriamente á comisión paritaria, que estará integrada por catro membros da parte social e outros catro pola parte económica.

Parte social:

Juan C. Esparza Fernández.

Olga Montes Gómez.

Alfonso Lado Silva.

Vicente Silvestre Gómez.

Parte económica:

Víctor Dopico Vázquez.

José Yepes Vargas.

Ángel González Río.

Artigo 6º.-Enfermidade, accidente e maternidade.

As empresas aboaranlle ó traballador en situación de baixa por IT, accidente laboral ou maternidade, e por un período máximo de doce meses, un complemento que, sumado á prestación da Seguridade Social, alcance o 100% do importe íntegro do seu salario. O importe non poderá ser nunca superior ó que perciba en situación de alta no traballo.

Artigo 7º.-Xornada de traballo.

As empresas e traballadores manterán, durante a vixencia do presente convenio, con carácter xeral, unha xornada semanal de 40 horas, de luns a venres. Esta xornada adecuarase no caso da Coruña á apertura do mercado central de froitas da Coruña, que quedará establecida da seguinte maneira: de maio a setembro, o horario de mañá será de 6.30 a 12 horas e o de tarde, de 16.30 a 19.30. De outubro a abril, o horario de mañá será de 6.30 a 12 e o de tarde, de 16.30 a 19 horas.

Se, por necesidades do mercado, se tivese que abri-los domingos, a xornada sería só de mañá.

Estas aperturas, polo seu carácter excepcional, compensaranse en tempo libre equivalente a un día completo por cada mañá traballada, ou o seu equivalente económico.

As empresas acollidas a este convenio e non situadas no mercado central de froitas da Coruña, poderán establecer sobre este horario as modificacións permitidas pola lei.

Destes horarios quedan excluídos os vixilantes e serenos, pola especificidade do seu traballo por quendas.

Artigo 8º.-Vacacións.

Os traballadores afectados por este convenio desfrutarán de trinta días naturais de vacacións anuais retribuídas. Os traballadores coñecerán as datas que lles corresponden dous meses antes, polo menos, do inicio do desfrute das súas vacacións.

Artigo 9º.-Salario hora profesional.

Para a súa determinación, teranse en conta os conceptos seguintes:

a) Salario base.

b) Pagas extraordinarias de beneficios, xullo e Nadal.

c) Plus de antigüidade.

Os conceptos anteriores refírense a unha xornada de 1.826 horas en cómputo anual.

Artigo 10º.-Estructura salarial.

A estructura salarial de retribucións deste convenio preséntase e defínese de acordo co Decreto de ordenación de salario, do 17 de agosto de 1973.

Salario base: retribución establecida para cada categoría profesional por unidade de tempo.

Complementos do salario: cantidade que, se é o caso, debe engadírselle ó salario por algún dos seguintes conceptos:

-Persoais: antigüidade.

-Por calidade ou cantidade de traballo: horas extras.

-Por vencemento periódico superior ó mes: paga de xullo, paga de Nadal e paga de beneficios.

-Devengos non salariais: plus de transporte.

Artigo 11º.-Horas extraordinarias.

Aboaranse de acordo co establecido no Decreto do 17 de agosto de 1973 e disposicións vixentes en materia de complementarias, e cunha recarga do 75% sobre o valor da hora ordinaria.

A teor do exposto, neste sector as horas extraordinarias realizada en domingos e festivos aboaranse cunha recarga do 100% do seu valor.

Ámbalas partes acordan a conveniencia de reducir ó mínimo indispensable as horas extraordinarias, consonte os seguintes criterios:

1. Horas extraordinarias habituais: supresión.

2. Horas extraordinarias que veñan esixidas pola necesidade de reparar sinistros e outros danos extraordinarios urxentes, así como no caso de risco de perda de materias primas: realización e sen ningunha recarga sobre o valor da hora ordinaria.

3. Horas extraordinarias estructurais, que son as necesarias para pedidos ou períodos punta de producción, ausencias imprevistas, cambios de quenda e outras circunstancias de carácter estructural derivadas da natureza da actividade da que se trate: mantemento, sempre que non caiba a utilización das modalidades de contratación temporal ou parcial previstas na lei.

Será obrigatorio facer constar na nómina oficial de salario o número ou importe das horas extraordinarias realizadas.

Artigo 12º.-Gratificacións extraordinarias.

Aboaranse tres pagas extras que se farán efectivas nos días laborables inmediatamente anteriores ó 20 de xullo, 22 de decembro e 22 de marzo. A contía das tres pagas será de 30 días de salario real, máis antigüidade.

Artigo 13º.-Licencias retribuídas.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo, con dereito a remuneración, por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) 15 días naturais por casamento.

b) 3 días nos casos de nacemento de fillo ou enfermidade grave ou falecemento de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

Cando, con tal motivo, o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de dous días máis.

c) 2 días por traslado de domicilio habitual.

d) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal. Cando conste nunha norma legal e convencional e un período determinado, haberá que aterse ó que esta dispoña en canto a duración a ausencia e á súa compensación económica.

Cando o cumprimento do deber antes referido supoña a imposibilidade da prestación do traballo debido en máis do vinte por cento das horas laborables nun período de tres meses, poderá a empresa pasa-lo traballador afectado á situación de excedencia, regulada no apartado 1) do artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

No suposto de que o traballador, por cumprimento do deber ou desempeño do cargo, perciba unha indemnización, descontaráselle o importe desta do salario ó que tivese dereito na empresa.

e) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

As traballadoras, por lactancia dun fillo menor de nove meses terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións.

A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito pola reducción da xornada laboral en media hora coa mesma finalidade.

Quen por razóns de garda legal teña ó seu coidado algún menor de seis anos ou un diminuído físico ou psíquico que non desempeñe outra actividade retribuída, terá dereito a unha reducción da xornada de traballo coa diminución proporcional do salario entre, polo menos, un tercio e un máximo da metade de duración daquela.

Artigo 14º.-Roupas de traballo.

Haberá que aterse ó disposto na ordenanza laboral do comercio, aínda que se lles entregarán a tódolos traballadores dúas pezas de roupa ó ano, como mínimo, sempre e cando o necesiten en función da actividade que van desenvolver e de acordo coas normas de seguridade e hixiene no traballo.

Artigo 15º.-Plus de transporte.

Establécese un plus de transporte cunha cantidade de 5.615 ptas. mensuais para axudar a gastos de desprazamentos, aboables en 12 pagas.

Por razón da súa natureza, este plus non será absorbible nin compensable por ningún outro concepto.

Artigo 16º.-Período de xubilación anticipada e voluntaria.

As empresas aboaranlles un complemento de xubilación a aqueles traballadores que, con dez anos de antigüidade como mínimo nela, se xubilen de

mutuo acordo coa empresa. A súa contía irá en pesetas:

Por xubilación voluntaria ós 60 anos: 350.000.

Por xubilación voluntaria ós 61: 300.000.

Por xubilación voluntaria ós 62: 250.000.

Por xubilación voluntaria ós 63: 200.000.

Por xubilación voluntaria ós 64: 150.000.

Para a percepción, terá que solicitarse no prazo de tres meses desde o cumprimento da idade correspondente. Se, cumpridos os 64 anos de idade e seis meses máis, o traballador non solicitase a xubilación, perderá o dereito a ese complemento.

Este artigo quedará en suspenso no caso de que, por disposición de rango superior, se reducise a idade de xubilación.

Artigo 17º.-Despedimento por reestructuración do cadro de persoal.

As empresas quedan obrigadas á readmisión prioritaria dos traballadores despedidos en caso dunha nova ampliación do cadro de persoal. A antigüidade, no caso de que percibisen indemnización, será a da data de reingreso; en caso contrario, respectarase a antigüidade primitiva.

Artigo 18º.-Plus de antigüidade.

Aboarase consonte o importe do cuadrienio fixado nas táboas salariais anexas.

Artigo 19º.-Condicións máis beneficiosas.

Respectaranse aquelas condicións individualmente recoñecidas que no seu conxunto sexan máis beneficiosas cás estipuladas neste convenio.

As táboas salariais serán as que figuran no anexo ó texto deste convenio.

Artigo 20º.-Axudas de custo.

Os traballadores afectados polo presente convenio nos casos en que, por razón do seu traballo, teñan que comer, cear, pasa-la noite, etc. fóra do seu domicilio habitual, cobrarán as seguintes axudas de custo: comida, 932 ptas.; comida e cea, 1.449 ptas.; comida, cea e durmida, 2.484 ptas. En caso de superar estas condicións, presentaranse as facturas correspondentes.

Artigo 21º.-Dereitos sindicais.

As empresas respectarán o dereito de tódolos traballadores a sindicárense libremente, admitirán que os traballadores afiliados a un sindicato poidan recadar cotas, distribuír información sindical fóra de horas de traballo e sen perturba-la actividade normal das empresas. Non poderán suxeita-lo emprego dun traballador á condición de que se afilie ou renuncie á súa afiliación sindical, e tampouco despedir a un traballador ou prexudicalo de calquera outra forma, a causa da súa afiliación ou actividade sindical. Os sindicatos poderán remitir información a todas aquelas empresas nas que dispoñan de afiliación apreciable, co fin de que sexa dis

tribuída fóra das horas de traballo e sen que, en todo caso, o exercicio de tal práctica puidese interrompe-lo desenvolvemento do proceso productivo.

Cota sindical. A requirimento dos traballadores afiliados ás centrais ou sindicatos que ostenten a representación á que se refire este apartado, as empresas descontarán, na nómina mensual dos traballadores, o importe da cota sindical correspondente. O traballador interesado na realización de tal operación remitiralle á dirección da empresa un escrito no que explicará con claridade a orde do desconto, a central ou sindicato ó que pertence, a contía da cota así como o número da conta corrente ou cartilla da caixa de aforros á que debe ser transferida a correspondente cantidade. As empresas efectuarán as devanditas detraccións, agás indicación en contrario, durante períodos dun ano.

A dirección da empresa entregaralle copia da transferencia á representación sindical da empresa, se a houber.

Excedencias. Poderá solicita-la situación de excedencia aquel traballador activo que ostentase cargo sindical de relevancia provincial e nacional en calquera das súas modalidades. Permanecerá en tal situación mentres se atope no exercicio do dito cargo, e reincorporarase á súa empresa se o solicitase no termo dun mes, ó finaliza-lo desempeño deste. Nas empresas con cadro de persoal inferior a 50 traballadores, os afectados polo termo da súa excedencia cubrirán a primeira vacante que do seu grupo profesional se produza no seu cadro de persoal de pertenza, salvo pacto individual en contrario.

Participación das negociacións de convenios colectivos. Ós delegados sindicais ou cargos de relevancia nacional das centrais sindicais recoñecidas no contexto do presente convenio implantados nacionalmente e que participan nas comisións negociadoras de convenios colectivos, mantendo a súa vinculación como traballadores en activo dalgunha empresa, seranlles concedidos permisos retribuídos por estas, co fin de facilitárlle-lo seu labor como negociadores e durante o transcurso da devandita negociación, sempre que a empresa estea afectada pola negociación en cuestión.

Función dos delegados de persoal. Ademais dos dereitos recoñecidos polas leis, terán dereito a seren informados con carácter previo á súa execución pola empresa, sobre a reestructuración do cadro de persoal, peches totais ou parciais, definitivos ou temporais e as reduccións de xornada, sobre o traslado total ou parcial das instalacións empresariais e sobre os plans de formación profesional da empresa.

En función da materia da que se trate, deberán ser informados:

Sobre a implantación ou revisión de sistemas de organización do traballo e calquera das súas posibles consecuencias (estudios de tempos establecidos de sistemas, de primas ou incentivos e valoración de postos de traballo).

Sobre a función, absorción ou modificación do status xurídico da empresa, cando iso supoña calquera incidencia que afecte o volume de emprego.

O empresario facilitaralle ó delegado de persoal o modelo ou modelos de contratos de traballo que habitualmente se utilicen.

Sobre sancións impostas por faltas moi graves e, en especial, en supostos de despedimento.

Exerce-lo labor de vixilancia sobre as seguintes materias:

1. Cumprimento das normas vixentes en materia laboral e de Seguridade Social, así como respecto ós pactos, condicións e usos de empresa en vigor, formulando, se é o caso, as accións legais oportunas ante as empresas e os organismos ou tribunais competentes.

2. As condicións de seguridade e hixiene no desenvolvemento do traballo na empresa.

Colaborar coa dirección da empresa para consegui-lo cumprimento de cantas medidas procuren o mantemento e o incremento da productividade da empresa.

Velarán, non só porque nos procesos de selección de persoal se cumpra a normativa vixente, senon tamén polos principios de non discriminación, igualdade de sexo ou fomento dunha política racional de emprego.

Garantías. Ningún membro do comité de empresa ou delegado de persoal poderá ser despedido ou sancionado durante o exercicio das súas funcións, nin dentro do ano seguinte ó seu cesamento, agás que este se produza por renovación ou demisión, e sempre que o despedimento ou sanción se baseen na actuación do traballador no exercicio legal da súa representación. Se o despedimento ou calquera outra sanción por supostas faltas graves ou moi graves, obedecese a outras causas, deberá tramitarse o expediente contradictorio, no que serán oídos, á parte do interesado, o delegado de persoal e o delegado do sindicato ó que pertenza, no suposto de que se atopase recoñecido como tal na empresa.

Posuirán prioridade de permanencia na empresa ou centro de traballo respecto ós demais traballadores, nos supostos de suspensión ou extinción por causas tecnolóxicas ou económicas.

Non poderán ser discriminados na súa promoción económica ou profesional por causa ou en razón do desempeño da súa representación.

Poderán exerce-la liberdade de expresión no interior da empresa, nas materias propias da súa representación, e poderán publicar e distribuír sen prexudica-lo normal desenvolvemento do proceso productivo, aquelas publicacións de interese laboral ou social, logo de comunicarlle todo iso á empresa e de exercer tales tarefas de acordo coa normativa legal vixente para tal efecto.

Disporán do crédito de horas mensuais retribuídas que a lei determine.

Artigo 22º.-Incremento salarial e revisión.

Para o presente ano establécese un incremento salarial do 4,5% sobre as táboas salariais de 1994, e os seus salarios resultantes recóllense na táboa salarial anexa ó presente convenio.

Así mesmo, páctase unha revisión salarial deste convenio nos seguintes termos:

-Efectuarase unha revisión tan pronto se constate un crecemento do IPC superior ó 4,5%, o 31 de decembro de 1995. A dita revisión, se se produce, terá efectos sobre tódolos efectos económicos e aplicarase con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro de 1995.

-Ámbalas partes acordan mante-lo establecido nos convenios, Estatuto dos traballadores, ordenanzas laborais e disposicións legais durante 1995.

Artigo 23º.-Contratos de aprendizaxe.

Poderanse celebrar contratos de aprendizaxe para tódalas categorías profesionais, mesmo para os mozos e mozos especializados, os cales, se cumpren os tres anos de contrato de aprendizaxe e continúan prestando os seus servicios á empresa, pasarán automaticamente á categoría de envasador/a ou repoñedor/a.

Os ditos contratos de aprendizaxe poderanse efectuar con idades comprendidas entre os 16, e 24 anos.

A aqueles traballadores menores de 24 anos e maiores de 21 que sexan contratados a través do dito contrato de aprendizaxe, mesmo cando superen a idade de 24 anos, poderánselles prorroga-los ditos contratos ata o tempo máximo de tres anos.

As retruibucións salariais para os traballadores contratados con esta modalidade de contratos serán iguais ó 80%, 90% e 100% do salario base da súa categoría profesional vixente en cada momento, durante e respectivamente, o primeiro, segundo e terceiro ano de vixencia do contrato.

Artigo 24º.-Contratos en prácticas.

A retribución dos traballadores cun contrato en prácticas será do 80% e 90% do salario base da súa categoría profesional durante o primeiro ou segundo ano de contrato, respectivamente.

Artigo 25º.-Cláusula de desenganche salarial.

Os compromisos en materia salarial contidos no presente convenio serán de aplicación para tódalas empresas afectadas polo ámbito funcional.

Para as empresas que pretendan acollerse á cláusula regulada no presente artigo, establécense os seguintes mecanismos:

1. Comisión paritaria do convenio.

2. Mecanismos do AGA.

A tódolos mecanismos citados anteriormente achegaráselle-la seguinte documentación:

-Acreditación, por medio da contabilidade oficial, dos resultados dos dous últimos exercicios nos que se demostre que, durante eles, se producen perdas reais. Non obstante, naqueles casos en que a estabilidade do emprego se vexa seriamente comprometida por causas económicas, para a aplicación da citada cláusula, teranse en conta soamente os datos económicos do exercicio anterior.

-Plan de viabilidade para o período que se pretende a aplicación da dita cláusula de exención e a xustificación económica e a súa repercusión real no melloramento global dos resultados da empresa.

Convenio colectivo do sector de comercio de maioristas de froitas varias, hortalizas e plátanos da Coruña

CategoríaSalario

mensual

AntigüidadeSalario

anual

Director comercial88.3802.9951.325.700
Encargado xeral88.3802.9951.325.700
Dependente80.0912.9951.201.363
Oficial administrativo82.6122.9951.239.187
Axudante79.0902.9951.186.347
Chófer80.0912.9951.201.363
Chófer repartidor80.0912.9951.201.363
Mecánico80.0912.9951.201.363
Axdte. mecánico77.9512.9951.201.363
Aux. administrativo79.0902.9951.201.363
Aux. Admtvo. <18 anos68.9442.9951.034.158
Mozos77.9512.9951.169.261
Axdte. <18 anos66.9442.9951.169.261
Vix.-sereno-ordenanza77.9502.9951.169.261
Persoal limpeza77.9502.9951.169.261

95-0169