Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Luns, 22 de xaneiro de 1996 Páx. 553

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 11 de xaneiro de 1996 pola que se aproba a reordenación dos polígonos de bateas denominados «A» e «B» do distrito marítimo de Bueu na provincia de Pontevedra.

Os polígonos de bateas denominados «A» e «B» situados no distrito marítimo de Bueu foron creados por orde do Ministerio de Comercio do 14 de febreiro de 1974 (BOE do 28 de marzo).

O Real decreto 3318/1982, do 24 de xullo, transfírelle á Xunta de Galicia as competencias en materia de marisqueo e acuicultura co carácter de exclusivas, de acordo co artigo 27.15º do Estatuto de autonomía e o 148.1º 11 da Constitución. No exercicio destas competencias e en cumprimento do disposto no artigo 1 do Decreto 197/1986, do 12 de xuño, e o 3 do Regulamento para explotación de bateas situadas en zona marítima, aprobado polo Decreto 2559/1961, do 30 de novembro, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, en virtude da Orde do 23-1-1987 (DOG nº 29), declara de interese marisqueiro e urxente execución a revisión e reordenación dos polígonos «A» e «B» do distrito marítimo de Bueu.

En consecuencia, unha vez redactado o proxecto e mailo acordo de reordenación, tramitados conforme co procedemento establecido no Decreto 197/1986, do 12 de xuño, e declarado firme o acordo de reordenación por resolución da Dirección Xeral de Marisqueo e Acuicultura do 5 de xuño de 1995,

por proposta da Dirección Xeral de Marisqueo e Acuicultura, esta consellería,

DISPÓN:

1. Quedan constituídos e delimitados os novos polígonos «A» e «B» do distrito marítimo de Bueu, que sustitúen os antigos «A» e «B» coa capacidade, situación e circunstancias que se indican no anexo desta orde.

2. As concesións administrativas de bateas existentes nos polígonos obxecto de reordenación e pertencentes ós concesionarios recoñecidos nas bases de revisión, mantéñense nas mesmas condicións das súas respectivas ordes de outorgamento, agás no que se refire á cuadrícula ou punto de fondeo, que quedan anuladas pola presente orde e substituídas polas cuadrículas asignadas no acordo de reordenación.

Quedarán igualmente rectificadas as concesións no tocante ás dimensións do artefacto, número de cordas e cultivo autorizado, que terán que axustarse ás determinacións do Decreto 423/1993, do 17 de decembro (DOG nº 13 do 20-1-1994), e ó prazo da concesión, que se limita a 30 anos, conforme coa Lei 6/1993, do 11 de maio.

3. Os concesionarios de bateas deberán traslada-los artefactos no prazo máximo de 3 meses, e facer efectiva a toma de posesión das novas cuadrículas. Transcorrido este prazo, a consellería incoará o correspondente expediente da caducidade por aplicación do Decreto 423/1993, do 17 de decembro, ás concesións das bateas que non estean no punto asignado no acordo de reordenación.

4. Os artefactos fondeados nos polígonos pertencentes a propietarios que non fosen recoñecidos como concesionarios nas bases de revisión e mailos de propietario descoñecido, serán considerados clandestinos, e procederase á súa retirada, en aplicación dos artigos 42 e 44 do Decreto 423/1993, do 17 de decembro.

5. As peticións de concesión administrativa de bateas referentes a cuadrículas antes existentes nos polígonos obxecto de reordenación e que estean en tramitación no momento de entrar en vigor esta orde, quedan desestimadas en aplicación do artigo 24.3º do Decreto 423/1993, do 17 de decembro.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas tódalas disposicións de igual ou inferior categoría que se opoñan ó disposto na presente orde, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, especialmente a Orde do 14 de febreiro de 1974, no relativo ós polígonos «A» e «B» do distrito marítimo de Bueu.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 1996.

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

ANEXO

POLÍGONO «A»

Situación xeográfica dos vértices, segundo as coordenadas obtidas da carta nº 9251 da ría de Pontevedra, publicada polo Instituto Hidrográfico da Mariña.

LatitudeLonxitude

Vértice A42º 21' 48''8º 46' 01''

Vértice B42º 21' 43''8º 45' 35''

Vértice C42º 20' 31''8º 46' 13''

Vértice D42º 20' 37''8º 46' 37''

Consta de 112 puntos de fondeo ou cuadrículas, das cales se ocupan 104 con bateas procedentes dos antigos polígonos «A» e «B».

POLÍGONO «B»

Situación xeográfica dos vértices, segundo as coordenadas obtidas da carta nº 9251 da ría de Pontevedra, publicada polo Instituto Hidrográfico da Mariña.

LatitudeLonxitude

Vértice A42º 20' 28''8º 47' 46''

Vértice B42º 20' 27''8º 47' 26''

Vértice C42º 20' 04''8º 47' 21''

Vértice D42º 20' 06''8º 47' 45''

Consta de 25 puntos de fondeo ou cuadrículas, na súa totalidade con bateas procedentes dos antigos polígonos «A» e «B».

7744