Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 16 de xaneiro de 1996 Páx. 416

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 26 de decembro de 1995 pola que se clasifica como cultural a Fundación Ara-Solís.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Ara-Sois, con domicilio na Coruña, rúa de Noya, 47.

Supostos de feito.

1. Que Francisco José Pérez González, en representación da fundación, en escrito de 20 de outubro de 1995, formulou solicitude de clasificación dela para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. Que a fundación foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña, o día 11 de outubro de 1995, ante o notario desa cidade Francisco Manuel Ordóñez Armán, co número dous mil douscentos vintedous do seu protocolo, por Álvaro Marcos Garzón, José Raul Seoane Prieto, Armando Amodia Doval, Francisco José Pérez González, Carlos Juan Díaz Martínez e Feliciano Andrés Crespo Rego. Con data 5 de decembro e, ante o mesmo notario Álvaro Marcos Garzón na súa calidade de presidente do padroado da fundación, formaliza escritura complementaria da de constitución.

3. Que, segundo consta no artigo dous dos seus estatutos, o obxecto e finalidade da fundación é a defensa dos dereitos humanos e, de xeito moi especial, o fomento de todas aquelas actividades que sirvan para o desenvolvemento dentro do ámbito territorial da comunidade galega, dos principios de tolerancia ideolóxica e de filantropía, a través da organización de seminarios e exposicións, celebración de conferencias, promoción de estudios e outros medios encamiñados ó fin indicado.

4. Que o padroado da fundación estará constituído por Álvaro Marcos Garzón como presidente, Feliciano Andrés Crespo Rego como vicepresidente, José Raul Seoane Prieto como secretario, Armando Amodia Doval, Carlos Juan Díaz Martínez e Francisco José Pérez Gonzalez como vocais.

5. Que a comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevou ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como cultural da Fundación Ara-Solis, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do

6 de abril ); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Fundamentos de dereito.

1. Que o artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e que o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia lle outorga competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. Que, de acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Que, á vista do que antecede, se poden considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 22 de decembro de 1995.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como cultural Fundación Ara-Solis e adscribida á Consellería de Cultura, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 1995.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

95-08531