Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 09 de xaneiro de 1996 Páx. 238

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 336/1995, do 27 de decembro, polo que se aproba o escudo heráldico do Concello de Lobeira.

O Concello de Lobeira considerou conveniente adopta-lo seu escudo heráldico para perpetuar, con simboloxía adecuada e conforme as normas da heráldica, os feitos máis relevantes e peculiares do seu pasado histórico. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións vixentes, elevou o correspondente informe e memoria descritiva para a súa aprobación definitiva.

A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos e bandeiras dos concellos e doutras entidades locais, correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

O expediente instruiuse conforme as normas do procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo R.D. 2568/1986, do 28 de novembro, e mais no Decreto 258/1992, do 10 de setembro, da Xunta de Galicia, polo que se regula o procedemento e normas heráldicas para a adopción, modificación ou rehabilitación dos escudos e bandeiras das corporacións locais e doutras entidades locais.

Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vintesete de decembro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aproba-lo escudo heráldico do Concello de Lobeira, que quedará organizado do seguinte xeito: de sinople, un lobo de ouro, linguado e uñado de gules; xefe encaixado de ouro. No timbre, coroa real pechada.

Santiago de Compostela, vintesete de decembro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

95-8432