Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Martes, 02 de xaneiro de 1996 Páx. 77

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 9 de novembro de 1995, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo da empresa Consorcio de la Zona Franca de Vigo.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Consorcio de la Zona Franca de Vigo, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 7-11-1995, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social, polo comité de empresa en data

31-10-1995; de conformidade co disposto no artigo 90, 2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación, no BOP e no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 9 de novembro de 1995.

Antonio Coello Bofill

Delegado provincial de Pontevedra

CONSORCIO DA ZONA FRANCA DE VIGO

CONVENIO COLECTIVO PARA OS ANOS 1995 E 1996

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación e vixencia.

Este convenio colectivo, pactado entre o comité de empresa do Consorcio da Zona Franca de Vigo, en representación do persoal, e os directivos designados para o efecto polo comité executivo, en representación do consorcio, regulará as relacións laborais existentes entre a citada empresa e o seu persoal e terá vixencia desde o momento da súa sinatura ata o 31 de decembro de 1996.

Non obstante, as melloras económicas pactadas entrarán en vigor con efectos retroactivos do 1º de xaneiro de 1995.

Queda expresamente exceptuado do ámbito de aplicación o persoal directivo e asesor que poida contratarse.

Para que non haxa lugar á prórroga automática prevista no nº 2 do Art. 86 do Estatuto dos traballadores, será preciso que, dous meses antes da expiración do prazo de vixencia, a parte interesada formule a oportuna denuncia do convenio mediante escrito que se axustará ó establecido no nº 1 do Art. 89 do citado estatuto, debendo seguirse a tramitación conforme as prescricións do capítulo II do título II da dita lei.

Artigo 2º.-Clasificación do persoal e funcións

As funcións do persoal serán as que correspondan ás dos postos de traballo en que presten servicio, segundo a seguinte clasificación e descrición:

-Técnico en sistemas de información:

É a persoa que, con titulación adecuada, controla a posta en marcha dos novos circuítos de información así como as modificacións necesarias nos

actuais. É así mesmo responsable de elabora-la documentación para os usuarios dos sistemas de información, de formar a estes e de face-las probas que garantan o bo funcionamento daqueles.

-Delineante proxectista de CAD:

É a persoa que, con titulación de delineante proxectista, proxecta ou detalla os traballos do técnico superior, ás ordes do cal actúa. É así mesmo o responsable do deseño asistido por ordenador, de manter operativas as instalacións do CAD e de ter ó día os planos de edificacións e instalacións así como os arquivos dos proxectos.

-Analista de sistemas:

É a persoa que, con titulación adecuada, realiza análises orgánicas de aplicacións complexas para obte-la solución mecanizada delas en canto se refire a: cadea de operacións a seguir, documentos a obter, deseño deles, definición de ficheiros a tratar, posta a punto das aplicacións, creación de xogos de ensaio, enumeración das anomalías que poidan producirse e definición do seu tratamento. O analista colaborará co programa das probas de lóxica de cada programa e finalizará os expedientes técnicos de aplicacións complexas.

-Programador de ordenador:

É a persoa, con titulación mínima de formación profesional de 2º grao, rama informática, á que lle corresponde estudia-los procesos definidos polos analistas, confeccionar organigramas detallados de tratamento, redactar programas na linguaxe de programación que lle sexa indicada, confeccionar xogos de ensaio, poñer a punto os programas, tanto os elaborados na propia empresa como os adquiridos a terceiros, completa-los expedientes técnicos dos mesmos e realiza-las documentacións e traballos que lle sexan encomendados polos analistas e o director do Departamento de Informática.

-Secretario de dirección:

É a persoa que, con titulación mínima de formación profesional de 2º grao, rama secretariado e con dominio do idioma inglés, realiza as seguintes funcións: organización dos traballos propios de secretaría de dirección á que estea adscrita; rexistro; correspondencia; actas e informes; custodia, tramitación e arquivo de documentación e expedientes; axenda de traballo; preparación de reunións e entrevistas; recepción de visitas e xestión en xeral de todos aqueles asuntos reservados ou de confianza, que se lle encomendan.

-Administrativo de nivel 5:

É a persoa que, con titulación mínima de formación profesional de 2º grao, rama administrativa, e baixo a dependencia directa do director dun departamento, realiza con regularidade funcións de responsabilidade que requiran iniciativa, tales como: asentos de contabilidade, carpetas mensuais de contas, balances de situación, control orzamentario e contable, facturación, xestión comercial, aplicación de tarifas, control e tramitación de documentos de exportación e tránsitos aduaneiros e

seguimentos deles con aduanas nacionais e estranxeiras, confección de nóminas de persoal, liquidacións de seguridade social e declaracións de IRPF.

Englóbanse nesta categoría, entre outras, as persoas que viñan ocupando os postos de traballo que no estudio de valoración realizado na empresa se definen como:

Operadoras de contabilidade, de sistemas e de explotación.

Administrativo A de contabilidade.

Administrativo A de intervención-Tranf./Export.

-Administrativo de nivel 4:

É a persoa que, con titulación mínima de formación profesional de 2º grao, rama administrativa, realiza con regularidade algunhas das seguintes funcións: comprobación de facturación, xestión de compras e distribución de material de oficinas e outros, control de execución de obras e bens inventariables, confección de mandamentos de ingreso e libramentos de pago e control de movementos de caixa.

Englóbanse nesta categoría as persoas que viñan ocupando os postos de traballo que no estudio de valoración realizado na empresa se definen como:

Administrativo B de contabilidade.

-Administrativo de nivel 3:

É a persoa que, con titulación mínima de formación profesional de 2º grao, rama administrativa, realiza con regularidade algunhas das seguintes funcións: rexistrar e dilixenciar documentos aduaneiros de entrada, saída, operacións interiores e de transformación; leva-lo control da dita documentación ata a súa cancelación; control dos listados informáticos de movementos e stocks dos operadores en zona franca; cancelación e arquivo de documentación aduaneira; estatísticas de movemento de mercadorías; xestión e recompilación de datos e documentación de compra de terreos; comprobación de partes diarios e de facturación; envío e recepción por fax e arquivo e clasificación de documentación e planos.

Englóbanse nesta categoría as persoas que viñan ocupando os postos de traballo que no estudio de valoración realizado na empresa se definen como:

Administrativo A de intervención-transformación

Administrativo A de intervención-entradas

Administrativo A de intervención-saídas

Administrativo B de intervención-Transf./Export.

Administrativo B de intervención-transformación

Administrativo B de intervención-entradas

Administrativo B de intervención-saídas

Administrativo C de intervención-Transf./Export.

-Conserxe maior:

É a persoa que, con titulación mínima de formación profesional de 1º grao e un mínimo de cinco persoas ás súas ordes, ten a responsabilidade dos servicios subalternos que se lle encomenden.

-Almaceneiro:

É a persoa que, con titulación mínima de graduado escolar (EXB) e aptitude no manexo de carretas elevadoras, ten como misión o control de entradas, saídas e existencias de mercadorías nos almacéns e dependencias intervidas, vixiando e realizando, se é o caso, por si mesmos ou mediante carretas elevadoras, os traballos previstos nas tarifas de manipulacións do consorcio; todo isto á vista dos oportunos documentos que dilixenciará coa súa conformidade ou reparos, reténdoos no seu poder ata o seu total despacho e efectuando as comprobacións oportunas cando un documento definitivo refunda varios provisionais.

-Subalterno de oficinas:

É a persoa que, con titulación mínima de graduado escolar (EXB) e dispoñendo do permiso de conducción de vehículos automóbiles, ten como cometido facer recados fóra ou dentro das oficinas, realiza-las funcións de chofer, recoller e entregar correspondencia, cobrar talóns bancarios e efectuar ingresos en bancos, entidades de crédito e organismos oficiais ou privados, manexar máquinas fotocopiadoras e de fax, realizar traballos de arquivo así como aqueloutros de carácter secundario que se lle encomenden nas dependencias administrativas.

-Oficial de segunda de oficios varios:

É a persoa que, con titulación mínima de formación profesional de 1º grao, realiza traballos de carácter manual para o mantemento e conservación dos bens e instalacións da entidade, para os que se require coñecementos de electricidade, mecánica, carpintería e outros propios de calquera oficio.

-Vixilante motorizado:

É a persoa que, con titulación mínima de graduado escolar (EXB) e dispoñendo do permiso de conducción de vehículos-motocicletas, ten como misión vixia-los recintos, dependencias e accesos da entidade, regula-lo tráfico dos mesmos e recoller ou entregar correspondencia e documentación, tanto diariamente, desprazándose ás distintas dependencias do consorcio, Aduana e Xefatura da Policía Municipal, como eventualmente a outro destino cando así o requira o carácter urxente da correspondencia ou documentación.

-Conserxe:

É a persoa que, con titulación mínima de graduado escolar (EXB), ten como misión a vixilancia diúrna ou nocturna dos recintos e dependencias da entidade, así como das portas e accesos a eles, coidando de comprobar que as mercadorías que entren e sallan respondan ás consignadas na documentación en cada caso establecida e controlando así mesmo a entrada e saída do persoal das empresas establecidas en zona franca, así como dos usuarios dos demais servicios do consorcio.

As funcións anteriormente expresadas formúlanse con carácter xeral e, en todo caso, para a súa valoración, será de aplicación o estudio sobre valoración

de postos de traballo realizado na empresa. O feito de que para realiza-las funcións en calquera posto se precise utilizar un terminal informático a nivel de usuario, non significará a adscrición a superior categoría ou clasificación noutra distinta, se ben a empresa deberá proporcionar para o efecto a aprendizaxe necesaria ó empregado ó que se lle esixa o uso.

Artigo 3º.-Ascensos e provisión de vacantes.

Como regra xeral o persoal da entidade terá preferencia para ocupa-las vacantes que se produzan en categoría superior, sempre que reúna as condicións esixibles en cada caso e obteña igual puntuación cós demais aspirantes nas probas que se convoquen para tal fin.

Artigo 4º.-Salarios base.

Establécense para o exercicio de 1995 e 1996, para as distintas categorías laborais, os niveis salariais básicos seguintes:

CATEGORÍA LABORALS. BASE 1995S. BASE 1996

Analista de sistemas 195.231 204.387

Técnico en sistemas de información 195.231 204.387

Delineante proxectista de CAD 170.280 178.266

Programador 170.280 178.266

Administrativo nivel 5 156.507 163.847

Secretaria 156.507 163.847

Administrativo nivel 4 143.718 150.458

Administrativo nivel 3 131.914 138.101

Conserxe maior 150.112 157.152

Oficial 2ª de oficios varios 150.112 157.152

Subalterno de oficina 137.798 144.261

Vixilante motorizado 137.798 144.261

Almaceneiro 137.798 144.261

Conserxe 126.041 131.952

Artigo 5º.-Incentivo de especial dedicación

Os traballadores con xornada de 39 horas e condición máis beneficiosa de 34 horas que, voluntariamente, opten por traballar 5 horas máis á semana, percibirán nas doce mensualidades e nas catro pagas extraordinarias, mentres realicen esta xornada, un incentivo de especial dedicación, co importe para os anos 1995 e 1996, en función da categoría do traballador, seguinte:

CATEGORÍA LABORALI.E.D. 1995I.E.D. 1996

Analista de sistemas 32.952 34.270

Técnico en sistemas de información 32.952 34.270

Delineante proxectista de CAD 28.741 29.891

Programador 28.741 29.891

Administrativo nivel 5 26.417 27.474

Secretaria 26.417 27.474

Administrativo nivel 4 24.259 25.229

Administrativo nivel 3 22.265 23.156

A solicitude para optar á realización das 5 horas adicionais e, polo tanto, percibi-lo incentivo de especial dedicación farase mediante escrito dirixido ó delegado do Estado na Zona Franca e terá validez mentres non se renuncie expresamente. A dita renuncia formalizarase de idéntica maneira, con preaviso dun mes para que a empresa poida proceder á reorganización dos servicios afectados.

O incentivo de especial dedicación manterase en convenios sucesivos, revisándose nas contías que se determinen neles, sempre que o traballador cumpra as condicións establecidas neste artigo para a súa percepción.

Artigo 6º.-Complemento de antigüidade

Establécese sobre bienios por un importe, para o ano 1995, de 2.659 ptas./mes cada un, a percibir nas doce mensualidades correntes e nas catro pagas extraordinarias, cos límites que se establezan de común acordo entre as partes.

Para o ano 1996 o importe do bienio non experimentará variación, aínda que si se devengarán os novos bienios que correspondan.

Artigo 7º.-Pagas extraordinarias

Nos primeiros quince días dos meses de marzo, xuño, setembro e decembro o persoal percibirá unha paga extraordinaria por importe de unha mensualidade de salario base, antigüidade e incentivo de especial dedicación se procede.

Artigo 8º.-Festividades

A parte das festas laborais establecidas por disposicións legais, consideraranse inhábiles para tódolos efectos os días 24 e 31 de decembro cando coincidan en día laborable.

Artigo 9º.-Xornada e horario de traballo

A xornada de traballo para o persoal suxeito a este convenio será de 39 horas semanais en cómputo anual; é dicir, de 1.777 horas anuais de traballo efectivo tanto no ano 1995 coma no ano 1996.

O procedemento de cálculo da xornada anual convense polas partes que se realice descontándolle ó número total de días de cada ano o total de domingos, o total de festivos e o número teórico de días hábiles dun mes tipo de vacacións que se establece en 24,6 días. A cifra así obtida multiplicarase por 6,5 horas diarias e o resultado de horas anuais de traballo efectivo redondearase ó número enteiro máis próximo.

Para o persoal que teña recoñecida a condición máis beneficiosa de 34 horas semanais, e que non opte pola realización das cinco horas adicionais mencionadas no Art. 5º deste convenio, o horario será de 8 a 14.30 horas, de luns a venres, e unha garda sabatina cada tres sábados, de 9 a 13 horas, establecendo a dirección da empresa un sistema de gardas pola tarde, reducíndose o tempo empregado nelas do horario da mañá do día en que se realicen.

Aqueles traballadores que, aínda tendo recoñecida a condición máis beneficiosa de 34 horas semanais, voluntariamente opten por traballar cinco horas máis, desempeñando unha xornada efectiva de 39 horas semanais, cumprirán un horario de 8 a 15 horas de luns a venres e de 17 a 19 horas dúas tardes cada semana ou, no lugar destas últimas, a mañá do sábado de 9 a 13 horas, debendo en todo caso cubrirse o servicio a criterio da empresa.

Os administrativos adscritos ós servicios de aduanas e comercial que voluntariamente realicen xornada de 39 horas, poderán optar, sempre que se

cubran as necesidades dos devanditos servicios, a algún dos seguintes horarios:

-Tres días da semana de 8 horas a 15 horas e dous días de 8 a 14 horas e de 16 a 19 horas.

-Cinco días da semana de 8 a 15 horas e o sábado de 9 a 13 horas.

Se debido ás opcións de horario do dito persoal non se cubrisen as necesidades do servicio, será facultade da empresa establecer un sistema de quendas para cubrilas, podendo autorizar, logo de acordo cos interesados, un horario distinto ou crear postos de traballo novos con horarios especiais, sempre que, computados por períodos determinados, totalicen a mesma xornada.

O horario dos traballadores adscritos a un servicio a quendas será o que lles corresponda nos cadros en cada caso establecidos: de 6 a 14 horas, de 14 a 22 horas ou de 22 a 6 horas do día seguinte.

A aqueles traballadores que presten servicio en quendas de oito horas diarias (40 semanais, podendo estas computarse en períodos de 2 ou 4 semanas segundo as necesidades do servicio) concederánselle-los descansos necesarios para non superar ou, no caso de que isto ocorra, igualar, a xornada anual anteriormente establecida para cada ano. O mesmo procedemento de descansos utilizarase para acada-la igualdade de xornada, en número de horas anuais, para todo o persoal.

Como norma xeral, o horario a cumprir, tendo en conta a obrigada diversidade de servicios de Zona Franca e as necesidades a cubrir en cada un deles, será o que en todo momento estea implantado no posto de traballo asignado ó traballador. Isto non poderá supoñer en ningún caso a adscrición non voluntaria a unha xornada nocturna con carácter permanente. En tódolos supostos de xornada continuada, o tempo de descanso de quince minutos non se considerará tempo de traballo efectivo.

Artigo 10º.-Complemento por non desfrute de xornada continuada.

Dado que a xeneralidade do persoal desfruta de xornada continuada, establécese, para o ano 1995 e para aqueles traballadores que pola súa función teñan xornada partida, un complemento de 2.315 ptas. mensuais.

Para o ano 1996 o importe deste complemento será de 2.408 ptas. mensuais.

Artigo 11º.-Complemento por nocturnidade

En relación con este complemento acórdase:

A. Que o período con esta retribución específica será o comprendido entre as 22 e as 7 horas.

B. Que a devandita retribución específica se establece en 207 ptas./h para 1995 e en 215 ptas./h para 1996.

C. Que en todo caso e esta é a vontade das partes, as diferencias que puidesen existir entre o establecido en calquera disposición legal e o que aquí se acorda, se entenden compensadas en cómputo anual polo conxunto de retribucións e condicións acordadas neste convenio.

Artigo 12º.-Plus de distancia e transporte

No ano 1995 percibirase, por día puntual e efectivamente traballado, a suma de 585 ptas. por este concepto, que non se devengará en calquera suposto de xornada non traballada (domingos, festivos, vacacións, ILT, etc.) nin cando aquela non fose completa, salvo que a interrupción fose autorizada polo Consorcio.

Para o ano 1996 o importe deste plus será de 608 ptas./día.

Artigo 13º.-Vacacións

O traballador terá dereito a desfrutar dunha vacación anual retribuída de 30 días naturais. A contía da retribución establécese polo importe dunha mensualidade de salario base e antigüidade e, se é o caso, o incentivo de especial dedicación e o complemento por non desfrute de xornada continuada. A aqueles traballadores que realicen xornada nocturna engadiráselles unha cantidade equivalente á media mensual percibida polo concepto de nocturnidade no ano anterior.

O período vacacional coincidirá no mes de agosto por se-lo de menor actividade da empresa, manténdose en todo caso os servicios mínimos que, fixados pola empresa, se consideren imprescindibles para o normal funcionamento dela. Os traballadores que cubran estes servicios mínimos desfrutarán as súas vacacións nos períodos inmediatamente anterior e posterior ó do mes de agosto, excepto aqueles adscritos a un sistema de traballo a quendas que o farán en función das necesidades do servicio.

Se o traballador, por necesidades do servicio e en función do sistema de quendas de vacacións establecido, non tivese opción a desfruta-las súas vacacións no período comprendido entre o 1 de abril e o 30 de setembro, percibirá no ano 1995 unha indemnización de 12.674 pesetas.

Para o ano 1996 o importe desta indemnización será de 13.181 pesetas.

Artigo 14º.-Permisos retribuídos

Os empregados interesados concederánselles necesariamente os seguintes permisos retribuídos:

A. Casamento do empregado: 15 días.

B. Intervención cirúrxica ou enfermidade grave de pais, irmáns, pais políticos, fillos ou cónxuxe: 4 días

C. Parto da esposa: 3 días

D. Morte do cónxuxe, pais políticos, ascenden- tes, descendentes ou irmáns do empregado:

1. Fóra da provincia: 6 días

2. Na provincia: 4 días

E: Morte ou enterramento de tíos, tíos políticos ou cuñados:

1. Fóra da provincia: 3 días

2. Na provincia: 1 día

F. Cambio de domicilio: 2 días

G. Necesidade de atender asuntos propios que non admitan demora, o tempo preciso para iso, outorgándose o permiso unha vez demostrada a necesidade.

H. Cumprimento dun deber de carácter público, o tempo necesario para iso.

I. Os derivados do exercicio de cargos públicos, así como do de representante sindical, rexeranse en cada caso polo disposto nas correspondentes disposicións legais.

Para a obtención destes permisos retribuídos será necesario solicitalos previamente do delegado do Estado, a través dos directores de departamento respectivos, debendo xustifica-lo interesado a realidade do feito que motiva a súa petición. Nos casos do apartado G, corresponderalle ó delegado do Estado decidir sobre a procedencia ou non do seu outorgamento.

Artigo 15º.-Licencias

Nos casos xustificados previamente, poderánselle conceder licencias sen soldo ó persoal que leve un mínimio de cinco anos de servicio na empresa, por un prazo non superior a seis meses, sempre que a xuízo desta o permitan as necesidades do traballo.

A petición e xustificación de tales licencias farase por escrito ó delegado do Estado a través do director do departamento correspondente e o expediente resolverase como máximo no prazo de trinta días.

Artigo 16º.-Excedencias

Para estes efectos observarase o disposto no artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 17º.-Premios por anos de servicio

Co fin de premia-la vinculación dos empregados á entidade, aboaráselle-lo importe de dúas mensualidades do módulo de retribución establecido no artigo 24º deste convenio, ó cumpriren os 15, 25, 35 e 45 anos de servicio na empresa.

Artigo 18º.-Faltas e sancións

As faltas cometidas polos traballadores clasificaranse, atendendo á súa importancia e reincidencia, en leves, graves e moi graves, de conformidade co disposto a seguir:

Consideraranse faltas leves:

1º. Tres faltas de puntualidade durante un mes sen que exista causa xustificada.

2º. A non comunicación coa antelación debida da súa falta ó traballo, a non ser que acredite razoable dificultade ou imposibilidade de facelo.

3º. Falta de atención e dilixencia co público.

4º. Discusións que repercutan na boa marcha dos servicios.

5º. Faltar ó traballo un día ó mes sen causa xustificada.

6º. A embriaguez ocasional durante o traballo.

Son faltas graves:

1º. Faltar dous días ó traballo sen xustificación.

2º. Simular enfermidade ou accidente.

3º. Simula-la presencia doutro traballador, valéndose da súa ficha, firma ou tarxeta de control.

4º. Cambiar, mirar ou remexe-los armarios e roupas dos compañeiros sen a debida autorización.

5º. As cometidas contra a disciplina no traballo e ou contra o respecto debido ós superiores.

6º. A reincidencia nas faltas leves, salvo as de puntualidade, aínda que sexan de distinta natureza, dentro dun trimestre, cando mediasen sancións.

7º. O abandono do traballo sen causa xustificada.

8º. A neglixencia no traballo cando causa prexuízo grave.

Son faltas moi graves:

1º. Faltar ó traballo máis de dous días ó mes sen causa xustificada.

2º. A fraude, a deslealdade e o abuso de confianza nas xestións encomendadas.

3º. O furto e mailo roubo, tanto ós demais traballadores como á empresa ou a calquera persoa dentro dos locais da empresa ou fóra dela, durante acto de servicio. Quedan incluídos neste apartado o falsear datos ante o xurado, se tales falsidades teñen como finalidade maliciosa o conseguir algún beneficio.

4º. A simulación comprobada de enfermidade; inutilizar, esnaquizar ou causar desperfectos en máquinas, aparellos, instalacións, edificios, utensilios e departamentos da empresa; a embriaguez reiterada durante o traballo; dedicarse a traballos da mesma actividade que impliquen competencia desleal á empresa, se non media autorización desta; os malos tratos de palabra ou obra ou a falta grave de respecto e consideración cos xefes, compañeiros ou subordinados; abandona-lo traballo en postos de responsabilidade; a reincidencia en falta grave, aínda que sexa da mesma natureza, dentro do mesmo trimestre, sempre que fosen obxecto de sanción.

As sancións que a empresa pode aplicar, segundo a gravidade e as circunstancias das faltas cometidas serán as seguintes:

Faltas leves:

Amoestación verbal.

Amoestación por escrito.

Suspensión de emprego e soldo por un día.

Faltas graves:

Suspensión de emprego e soldo de un a dez días.

Inhabilitación, por un prazo non superior a un ano, para o ascenso a categoría superior.

Suspensión de emprego e soldo de un a seis días.

Faltas moi graves:

Suspensión de emprego e soldo de once días a dous meses.

Despedimento.

Artigo 19º.-Incapacidade laboral transitoria.

En tanto dure esta continxencia o consorcio aboaralles ós empregados, nas baixas por enfermidade ou accidente, a diferencia ata completa-lo salario que lle correspondese en activo.

Os traballadores que causen baixa por enfermidade ou accidente, calquera que sexa a súa causa, ou por maternidade, presentaranlle á empresa, como máximo dentro do prazo de cinco días, contados a partir do seguinte ó da data da súa expedición, os partes médicos de baixa, de notificación de parto ou de prognóstico de parto, entregados polos facultativos.

En igual prazo deberán presentarse os correspondentes partes médicos de alta.

Os exemplares do parte de confirmación da incapacidade expedidos polos facultativos, con destino á empresa, deberán ser presentados nesta polos traballadores no prazo de dous días, contados a partir do seguinte ó da súa expedición.

O non cumprimento do disposto anteriormente considerarase falta leve, grave ou moi grave, segundo a importancia e o prexuízo que puidese causar á empresa en virtude das disposicións legais establecidas para o efecto.

Artigo 20º.-Xubilacións e cesamentos.

Coa finalidade de regula-la xubilación dos traballadores e promove-lo cesamento voluntario, establécese durante a vixencia deste convenio o seguinte sistema:

Xubilación obrigatoria.- Os traballadores deberán xubilarse obrigatoriamente o último día do mes en que cumpran os 65 anos de idade, percibindo unha indemnización a cargo da empresa de oito mensualidades do módulo de retribución establecido no artigo 24º deste convenio.

Cesamentos voluntarios.- Os traballadores que a partir dos 60 anos de idade e ata os 64 anos cesen voluntariamente percibirán a cargo da empresa oito mensualidades do módulo de retribución mailas seguintes indemnizacións segundo a idade do traballador e o ano en cuestión:

IDADE DE XUBILACIÓN INDEMNIZ. 1995 INDEMNIZ. 1996

64 ANOS 1.000.000 1.040.000

63 ANOS 1.700.000 1.768.000

62 ANOS 2.400.000 2.496.000

61 ANOS 3.000.000 3.120.000

60 ANOS 3.700.000 3.848.000

Artigo 21º.-Indemnización por falecemento

Cando ocorra o falecemento dun traballador en activo, sempre que teña unha antigüidade mínima dun ano na entidade, aboaráselle o importe de tres mensualidades do módulo de retribución establecido no artigo 24º deste convenio, en concepto de axuda económica, á viúva ou viúvo, ou no seu defecto, a quen convivise co causante no momento do seu falecemento, determinándose, neste último suposto, o ou os beneficiarios, atendendo ás circunstancias de feito en cada caso concorrentes, das que informará o comité de empresa.

Artigo 22º.-Anticipos.

Todo o persoal con máis dun ano de antigüidade na empresa terá dereito a solicitar, en caso de necesidade xustificada, un anticipo sen xuros ata o importe de tres mensualidades do módulo de retribución establecido no artigo 24º deste convenio.

A amortización do anticipo será do 10 por 100 do salario percibido en cada paga polo empregado, incluíndo as pagas extraordinarias.

Non se poderá solicitar outro anticipo sen que transcorra, desde a cancelación do anterior, un período mínimo de tres meses.

Artigo 23º.-Axuda escolar.

O consorcio destinará, en concepto de axuda escolar ós seus traballadores, para o curso académico 1995/1996 a suma máxima de 2.818.470 pesetas (dous millóns oitocentas dezaoito mil catrocentas setenta pesetas).

Para o curso académico 1996/1997 a contía destinada a este fin polo consorcio será de 2.917.116 pesetas (dous millóns novecentas dezasete mil cento dezaseis pesetas).

A citada axuda repartirase entre os ditos traballadores de acordo coas seguintes regras:

1ª. Terán dereito a ela os citados traballadores do consorcio, para si ou para os fillos que convivan con eles e ás súas expensas, sempre que uns e outros cursen estudios con validez académica oficialmente recoñecida polo Estado ou a Comunidade Autónoma de Galicia, debendo acredita-la efectiva realización deles.

2ª. Establécense como cantidades máximas a percibir, para os anos 1995 e 1996, por cada nivel e estudiante, as seguintes contías:

NIVEL DE ESTUDIOS 19951996

Preescolar 12.276 12.706

EGB (ayuda adquisición de libros) 17.281 17.886

FP de 1º grao 36.813 38.101

BUP 36.813 38.101

COU 49.102 50.821

FP de 2º grao 49.102 50.821

Estudios universitarios ata o grao de licenciado ou equivalente:

Estudios que poidan ser realizados en Vigo, por existir centro oficial que os imparta: como máximo o importe da matrícula correspondente a curso completo. En caso de matriculación por materias soltas, cando o seu importe sexa inferior ó máximo anteriormente establecido, aboarase o inferior importe que corresponda.

Estudios que deban ser realizados fóra de Vigo, por non existir centro oficial que os imparta: aboarase o importe que corresponda seguindo o mesmo procedemento ca no caso anterior, máis 60.758 pesetas (sesenta mil setecentas cincuenta e oito pesetas) en 1995 e 62.885 pesetas (sesenta e dúas mil oitocentas oitenta e cinco pesetas) en 1996.

3ª. A axuda escolar a que se refire este artigo aterase ás seguintes condicións limitativas:

a) Non terán dereito a ela os que a desfrutasen durante un curso máis dos normais conforme o nivel de estudios que se cursen.

b) Elixida rama, especialidade ou carreira, nun concreto nivel, poderá pasarse a outra rama, especialidade ou carreira do mesmo nivel, pero, para os efectos do apartado A, seranlles computados os cursos da anterior en que se lles concedese axuda.

De igual maneira, a quen, sen concluí-los estudios dun nivel, pase a outro superior, mediante cursos de adaptación oficialmente recoñecidos, computaráselle para os ditos efectos como prestada a axuda polos cursos do novo nivel validados pola adaptación.

c. Non se terá dereito á axuda escolar máis ca unha vez por cada nivel, aínda que se trate de rama, especialidade ou carreira distinta.

4ª. No suposto de que a suma total das axudas a conceder, conforme as regras anteriores, supurasen a cifra máxima sinalada para cada ano nos parágrafos primeiro e segundo deste artigo, rebaixarase proporcionalmente a contía de cada unha das axudas, tendo en conta o exceso que sobre aquela se produza.

5ª. As solicitudes de axuda escolar presentaranse en 1995 no prazo de quince días desde a sinatura do presente convenio e en 1996 nos primeiros vinte días do mes de outubro. A solicitude presentarase en instancia dirixida ó delegado do Estado, facendo consta-los beneficiarios para os que se solicita e estudios que van realizar no curso respectivo.

A dita solicitude debe ir acompañada de xustificación bastante da efectiva realización dos estudios.

Posto que a citada xustificación, de facerse mediante certificacións dos centros académicos, podería supoñerlle ó peticionario o desembolso de certas cantidades en concepto de taxas ou outro análogo, poderá substituírse por declaración xurada do solicitante. As solicitudes serán resoltas no prazo de quince días hábiles, procedéndose inmediatamente ó aboamento das sumas correspondentes.

Artigo 24º.-Módulo de retribución.

Enténdese por módulo de retribución anual, exclusivamente para os efectos previstos nos artigos 17º, 20º, 21º e 22º deste convenio, a suma de tódalas retribucións que, fixas na súa contía e periódicas no seu vencemento, perciba o traballador, excluíndose expresamente as retribucións por horas extraordinarias, complemento por nocturnidade, plus de distancia e transporte e indemnización por vacacións.

A mensualidade do módulo de retribución será o resultado de dividir por doce a súa contía anual.

Artigo 25º.-Uniformidade.

O consorcio obrígase a proporcionarlle uniformes ó persoal subalterno, cada dous anos, un para inverno e outro para verán. O persoal de oficios varios terá dereito ó vestiario que determinan as disposicións sobre seguridade e hixiene no traballo.

Artigo 26º.-Absorbilidade e compensación.

As condicións laborais establecidas ou que se establezan por disposicións legais ou convencio

nais, só terán eficacia se, consideradas no seu conxunto e en cómputo anual, superasen o nivel total das establecidas neste convenio. De non ser así entenderanse compensadas e, se é o caso, absorbidas, polas melloras aquí pactadas.

Artigo 27º.-Cláusula de revisión.

En caso de que o índice de prezos ó consumo (IPC) establecido polo Instituto Nacional de Estatística (INE) rexistrase a 31 de decembro de 1995 un incremento superior ó 4,5% respecto á cifra do dito IPC a 31 de decembro de 1994, efectuarase unha revisión salarial tan pronto como se constate oficialmente a dita circunstancia, no que exceda da dita porcentaxe. Tal incremento, que se calculará sobre os importes retributivos que serviron de base para aplica-los aumentos pactados para o ano 1995, aboaráselle ó persoal con efectos retroactivos do 1 de xaneiro de 1995, e as novas retribucións que resulten da dita revisión servirán, pola súa vez, de base de cálculo para acha-lo incremento salarial do ano 1996. Polo que respecta ó importe do bienio manterase sen actualiza-lo seu valor, e o incremento global que por este concepto corresponda trasladarase ós salarios base seguindo o mesmo procedemento acordado nas negociacións do presente convenio.

No caso de que o IPC establecido polo INE rexistrase o 31 de decembro de 1996 un incremento superior ó 3,5% respecto á cifra do dito IPC ó 31 de decembro de 1995, efectuarase unha revisión salarial, tan pronto como se constate oficialmente a dita circunstancia, no que exceda da dita porcentaxe. Tal incremento, que se calculará sobre os importes retributivos que serviron de base para aplica-los aumentos pactados para o ano 1996, aboaráselle ó persoal con efectos retroactivos do 1º de xaneiro de 1996, e as novas retribucións que resulten da dita revisión servirán, pola súa vez, de base de cálculo para acha-lo incremento salarial do ano 1997. Polo que respecta ó importe do bienio manterase sen actualiza-lo seu valor, e o incremento global que por este concepto corresponda trasladarase ós salarios base seguindo o mesmo procedemento acordado nas negociacións do presente convenio.

Artigo 28º.-Comisión paritaria.

Formarán a comisión paritaria prevista no apartado e) do nº 2 do Art. 85 do Estatuto dos traballadores o presidente, o secretario e un vocal do comité de empresa por parte do persoal e, por parte da entidade, o persoal de dirección que subscribe este convenio.

Nos casos de ausencia ou enfermidade, os representantes do consorcio serán substituídos polos seus respectivos suplentes nomeados pola entidade e os do persoal, polos vocais do comité de empresa que este nomee.

Ámbalas partes poderán estar asistidas nas deliberacións por un asesor que designarán libremente.

A comisión paritaria así constituída exercerá funcións mediadoras en canto á interpretación xeral do presente convenio e na solución dos conflictos colectivos que ó respecto puidesen suscitarse durante a súa vixencia.

Artigo 29º.-Vinculación á totalidade.

Sendo as condicións pactadas un todo orgánico e indivisible, o presente convenio será nulo e quedará sen efecto ningún no suposto de que a autoridade ou a xurisdicción competente no exercicio das facultades que lle son propias, obxectase ou invalidase algún dos seus artigos, ou parte deles, xa que o convenio debe ser un e indivisible na súa aplicación.

95-8497