Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Martes, 02 de xaneiro de 1996 Páx. 55

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 4 de decembro de 1995 pola que se regula a tarxeta acreditativa do persoal da Inspección de Servicios Sociais.

O Decreto 175/1995, do 16 de xuño, sobre inspección e réxime sancionador, en desenvolvemento da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, establece no seu artigo 8 a existencia dun documento oficial que acredite a personalidade dos inspectores de servicios sociais.

Por todo o ante dito e facendo uso das facultades que me confiren os artigos 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Acreditación.

1. Os inspectores de servicios sociais acreditarán a súa personalidade no desenvolvemento das funcións inspectoras establecidas no Decreto 175/1995, do 16 de xuño, polo que se desenvolve a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais no relativo á inspección e réxime sancionador e demais disposicións vixentes na materia.

Artigo 2º.-Tarxetas de acreditación.

1. As tarxetas de acreditación do persoal da Inspección de Servicios Sociais serán expedidas pola

Dirección Xeral de Servicios Sociais, con indicación da data da súa emisión. As ditas tarxetas renovaranse como mínimo cada cinco anos.

2. O anverso da tarxeta estará encabezado polo anagrama da Xunta de Galicia e figurará a mención da Dirección Xeral de Servicios Sociais, con expresión do nome, DNI, así como unha fotografía deste. O reverso da tarxeta incluirá unha referencia ó artigo 70 da Lei 4/1993 de servicios sociais e ó artigo 8 do Decreto 175/1995, do 16 de xuño, relativo a inspección e réxime sancionador.

Artigo 3º.-Solicitude.

O persoal inspector de servicios sociais tramitará a solicitude de tarxeta a través do Servicio de Inspección da Dirección Xeral de Servicios Sociais.

Artigo 4º.-Rexistro.

No Servicio de Inspección da Dirección Xeral de Servicios Sociais levarase o rexistro correspondente ós inspectores de servicios sociais nos que figurarán os datos identificativos destes e a data de expedición da tarxeta.

Disposición transitoria

No prazo de 30 días a partir da entrada en vigor da presente orde a Dirección Xeral de Servicios Sociais expedirá as tarxetas correspondentes ó seu persoal inspector.

Os documentos acreditativos da personalidade dos inspectores que se veñan utilizando na actualidade continuarán vixentes ata o momento da emisión da nova tarxeta.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Servicios Sociais para adopta-las medidas necesarias para o desenvolvemento e execución do establecido na presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 1995.

José Manuel Romay Beccaría

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

8277