Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Martes, 26 de decembro de 1995 Páx. 9.650

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 29 de novembro de 1995 pola que se convoca concurso público para a provisión de diversas prazas de corpos docentes universitarios (1337/1995 e dúas máis).

De acordo co establecido no artigo 38.2º da Lei 11/1983, do 25 de agosto e o artigo 2.4º do Real decreto 1888/1984, do 26 de setembro, este rectorado resolveu convocar a concurso as prazas que

se relacionan no anexo I da presente resolución, de acordo coas seguintes bases:

Primeira: os ditos concursos rexeranse polo disposto na Lei orgánica 11/1983, do 25 de agosto (BOE do 1 de setembro); Real decreto 1888/1984, do 26 de setembro (BOE do 26 de outubro), corrixido parcialmente polo Real decreto 1427/1986, do 13 de xuño; Orde do 28 de decembro de 1984 (BOE do 16 de xaneiro de 1985), e, no non previsto, pola lexislación xeral de funcionarios civís do Estado, e tramitaránse independentemente para cada unha das prazas convocadas.

Segunda.-Para ser admitido ós ditos concursos cómpren os seguintes requisitos xerais:

a) Ser español. Así mesmo poderán accede-los nacionais dos países ós que se refire o Real decreto 800/1995, que desenvolve a Lei 17/1993.

b) Estar en posesión da titulación suficiente ou estar en condicións de obtela na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes para tomar parte nas probas selectivas.

c) Non ter sido separado do servicio de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin atoparse inhabilitado por sentencia firme para o exercicio de funcións públicas.

d) Ter cumpridos os 18 anos de idade e non ter cumpridos os 70 anos de idade.

e) Cumpri-los requisitos para exerce-las funcións que dentro do corpo lle poidan ser encomendadas, conforme o previsto regulamentariamente.

Terceira.-deberán reunir ademais as condicións específicas que se sinalan no artigo 4.1º ou 2º, do Real decreto 1888/1984, do 26 de setembro, segundo a categoría das prazas e a clase de concurso.

Cando, estando en posesión do título de doutor, se concorra a prazas de catedrático de universidade, de acordo co previsto no artigo 4.1º c) do Real decreto 1888/1984, do 26 de setembro, e non pertenza a ningún dos corpos que nel se sinalan, os interesados deberán acredita-lo feito de seren eximidos de tales requisitos.

Non poderán concursar a prazas de profesor titular de universidade os que estivesen contratados durante máis de dous anos como axudantes nesta universidade, salvo as excepcións previstas no artigo 37.4º da Lei 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria.

Cuarta.-Os aspirantes, por dereitos de exame e no prazo de presentación de solicitudes, deberán aboar na conta corrente 48/2, «Outros ingresos», Caixa Galicia, oficina principal de Santiago de Compostela, segundo se detalla a continuación e para cada caso, a cantidade de: doutores, 1.500 pesetas (400 pesetas, en concepto de formación de expediente e 1.100 pesetas, por dereitos de exame); licenciados, 1.340 pesetas (240 pesetas en concepto

de formación de expediente e 1.100 pesetas por dereitos de exame); diplomados, 1.260 pesetas (160 pesetas en concepto de formación de expediente e 1.100 por dereitos de exame).

Quinta.-Quen desexe tomar parte no concurso remitirá a correspondente instancia, debidamente cuberta, segundo o modelo que figura no anexo II ó rector da Universidade de Santiago de Compostela, por calquera dos procedementos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común no prazo de 20 días hábiles a partir do día seguinte a aquel no que teña lugar a publicación desta convocatoria no BOE, achegando xustificante do pagamento de dereitos de exame e os documentos que acrediten reuni-los requisitos para participar no concurso. A concorrencia dos ditos requisitos deberá estar referida sempre a unha data anterior á da expiración do prazo fixado para solicita-la participación no concurso.

Sexta.-Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o rector da universidade, por calquera dos procedementos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, remitiralles a tódolos aspirantes unha relación completa de admitidos e excluídos, con indicación das causas de exclusión.

Contra a dita resolución os interesados poderán presentar unha reclamación perante o rector no prazo de quince días hábiles contados desde o seguinte ó da notificación da relación de admitidos e excluídos.

Sétima.-O presidente da comisión, dentro do prazo habilitado regulamentariamente para a constitución, dictará unha resolución que deberá ser notificada a tódolos interesados cunha antelación mínima de quince dias naturais respecto da data o acto o que é citado, convocando a:

a) Tódolos membros titulares da comisión e, se é o caso, ós suplentes necesarios para efectua-lo acto de constitución desta.

b) Tódolos aspirantes admitidos a participar no concurso, para realizaren o acto de presentación dos concursantes e con fixación do día, hora e lugar de celebración do dito acto.

Oitava.-No acto de presentación, os concursantes entregaranlle ó presidente da comisión a documentación sinalada nos artigos 9 e 10 do Real decreto 1888/1984, do 26 de setembro, corrixido polo Real decreto 1427/1986, do 13 de xuño, se é o caso, segundo se trate de concurso ou concurso de méritos.

Novena.-Os candidatos propostos para a provisión das prazas deberán presentar na Secretaría Xeral

da Universidade, no prazo de quince días hábiles seguintes ó de concluí-la actuación da comisión por calquera dos medios sinalados no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, os seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade.

b) Declaración xurada de que non foi separado da Administración do Estado, institucional ou local, nin das administracións das Comunidades Autónomas, en virtude do expediente disciplinario e non acharse inhabilitado para o exercicio da función pública.

Os que tivesen a condición de funcionarios públicos de carreira estarán exentos de xustificar tales documentos e requisitos, e deberán presentar unha certificación do ministerio ou organismo do que dependan, acreditativa da súa condición de funcionarios e cantas circunstancias consten na folla de servicios.

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 1995.

F. Darío Villanueva Prieto

Rector da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO

Número de prazas: 1

Praza número: 1337/1995.

Corpo ó que pertence a praza: profesor titular de universidade.

Área de coñecemento á que corresponde: comunicación audiovisual e publicidade.

Departamento ó que está adscrita: Filoloxía Galega.

Actividades que realizará quen obteña a praza: materias de área en Santiago de Compostela.

Clase de convocatoria: concurso.

Numero de prazas: 1

Praza número 1338/1995.

Corpo ó que pertence a praza: profesor titular de universidade.

Área de coñecemento á que corresponde: filoloxía grega.

Departamento ó que está adscrita: Latín e Grego.

Actividades que realizará quen obteña a praza: materias da área en Santiago de Compostela.

Clase de convocatoria: concurso.

Número de prazas: 1

Praza número: 1339/1995.

Corpo ó que pertence a praza: profesor titular de universidade.

Área de coñecemento á que corresponde: filoloxía latina.

Departamento á que está adscrita: Latín e Grego.

Actividades que realizará quen obteña a praza: materias da área en Santiago de Compostela.

Clase de convocatoria: concurso.

8136