Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Martes, 19 de decembro de 1995 Páx. 9.459

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 322/1995, do 2 de decembro, polo que se acepta a cesión a título gratuíto dunha parcela de 902,50 metros cadrados, sita no polígono 19 do Peri do Calvario, feita a favor do Servicio Galego de Saúde polo Concello de Vigo para a construcción dun centro de saúde.

O Concello de Vigo, en sesión celebrada o vinteseis de outubro de mil novecentos noventa e cinco modifica parcialmente os acordos de datas 30 de xuño de 1989, 30 de setembro de 1991, 20 de xuño de 1994 e 31 de marzo de 1995, e acorda ceder ó Servicio Galego de Saúde unha parcela de 902,50 m, sita no polígono 19 do Peri do Calvario, Concello de Vigo, para a construcción dun centro de saúde.

Conforme o artigo 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril do patrimonio da Comunidade Autónoma, requírese decreto do Consello da Xunta de Galicia, para a adquisición de bens a título gratuíto. Por outra banda, o artigo 23.1º da mesma lei establece que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames cargas ou afeccións impostos sobre estes supere o seu valor intrínseco, se ben non se consideran cargas, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para dá-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente.

En cumprimento do disposto na Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma, de conformidade coa proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais e presidente do Servicio Galego de Saúde e coas condicións estipuladas nos acordos dos plenos do concello ó comezo sinalados, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dous de decembro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Acéptase a cesión a título gratuíto dun inmoble, propiedade do Concello de Vigo, feita a favor do Servicio Galego de Saúde para a construcción dun centro de saúde.

2. O inmoble cedido ten unha superficie de 902,50 m e está sito no Polígono 19 do Peri do Calvario, Concello de Vigo, sendo os seus lindes os seguintes:

-O norte: zona verde.

-O sur: terreo cedido ó Insalud-ambulatorio.

-O leste: rúa Faisán.

-O oeste: vía de acceso á parte de atrás do ambulatorio e ós sotos dos edificios estremeiros á vía.

3. A parcela obxecto de cesión está inscrita no Rexistro da Propiedade, favor do Concello de Vigo,

Núm. 2, a favor do Concello de Vigo, por título de cesións por actuacións do Peri do Calvario no libro 696, folio 222, predio nº 44.235, inscrición terceira

Artigo 2º

O inmoble cédese libre de cargas e destinarase á construcción dun centro de saúde.

Artigo 3º

O Servicio Galego de Saúde a través do seu órgano competente procederá á formalización da aceptación no correspondente documento público, inscribíndose no Rexistro da Propiedade o seu nome e integrándose no seu patrimonio propio.

Disposición derradeira

O Servicio Galego de Saúde, a través do seu órgano competente levará a cabo os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón neste decreto.

Santiago de Compostela, dous de decembro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Manuel Romay Beccaría

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais e presidente do Servicio Galego de Saúde

95-07996