Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Xoves, 14 de decembro de 1995 Páx. 9.354

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 4 de decembro de 1995 pola que se crea o ficheiro automatizado de datos de carácter persoal denominado sistema de tarxeta sanitaria.

O Decreto 177/1995, do 16 de xuño, regulou a tarxeta sanitaria como un medio de identificación e acreditación dos cidadáns galegos para o acceso ós servicios e prestacións sanitarias. A Orde do 12 de xullo de 1995 desenvolveu o devandito decreto recollendo nos seus anexos o modelo de tarxeta e a información que contén, que vai servir de apoio técnico á aplicación de medidas tendentes a optimiza-lo gasto sanitario e asegurar unha maior eficiencia dos recursos.

Por esixi-la Lei orgánica 5/1992, do 29 de outubro, reguladora do tratamento automatizado de datos de carácter persoal, que a creación de ficheiros se realice por medio de disposición publicada en diario oficial, na que deben consta-los datos que sinala o apartado segundo do seu artigo 18, en virtude das facultades que me confiere a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Créase nesta orde o ficheiro denominado sistema de tarxeta sanitaria e relaciónanse no anexo os datos referentes a el, de conformidade co previsto no artigo 18 da Lei orgánica 5/1992, do 29 de outubro, de regulación do tratamento automatizado de datos de carácter persoal.

Artigo 2º

A responsabilidade do ficheiro recaerá no secretario xeral e nos directores provincias do Servicio Galego de Saúde, e poderán exercerse ante estes últimos os dereitos de acceso, rectificación ou cancelación, sen prexuízo da responsabilidade directa que na xestión e custodia dos datos corresponda ó empregado público que estea a cargo do ficheiro correspondente.

Artigo 3º

No suposto de cesión de datos ós servicios estatísticos das administracións públicas terase en conta a normativa vixente da Comunidade Autónoma en materia estatística.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 1995.

José Manuel Romay Beccaría

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO

-Nome do ficheiro:

Sistema de tarxeta sanitaria.

-Usos e fins:

Dispoñer dunha base de datos con información real dos cidadáns protexidos polo sistema sanitario público, cunha asistencia sanitaria financiada a través da Xunta de Galicia que sexa últil para:

Planificación e ordenación dos recursos.

Xestión sanitaria no ámbito da atención primaria e especializada.

Xestión económica e administrativa.

Mercadotecnia interna e externa.

Investigación clínica e epidemiolóxica.

-Persoas ou colectivos afectados:

Cidadáns protexidos polo sistema sanitario público, con asistencia sanitaria financiada a través da Xunta de Galicia.

-Procedementos de recollida de datos:

Os datos persoais, sanitarios e administrativos correspondentes a cada cidadán obteranse por declaración do propio interesado. Posteriormente, esta información actualizarase a petición deles ou a través dos datos facilitados pola Seguridade Social e as entidades correspondentes do sistema sanitario.

Os datos correspondentes ós profesionais facultativos e non facultativos obteranse a partir dos subsistemas de información xa existentes.

-Estructura básica:

Base de datos.

-Tipo de datos:

1. Datos relativos ós cidadáns:

a) Nome, primeiro apelido e segundo apelido.

b) Número do documento nacional de identidade ou número de identificación de estranxeiros.

c) Número de identificación persoal de tarxeta sanitaria.

d) Data de nacemento.

e) Sexo.

f) Enderezo e teléfono.

g) Número de afiliación á Seguridade Social.

h) Titularidade.

i) Tipo de réxime, patronal, entidade xestora ou colaboradora.

j) Entidades financiadoras, compradoras e provedoras de servicios.

k) Tipo de prestación famacéutica habitual e provisional.

l) Motivo de asignación ou reasignación de facultativo.

2. Datos relativos á tarxeta sanitaria:

a) Causa de emisión.

b) Data de emisión e data de caducidade.

c) Lugar de remisión e prioridade.

d) Control de fabricación.

e) Estado de acreditación e circulación da tarxeta.

3. Datos relativos ós profesionais sanitarios.

a) Nome e apelidos.

b) Número de documento nacional de identidade ou número de identificación de estranxeiros.

c) Data de nacemento.

d) Sexo.

e) Enderezo.

f) Número de colexiado/a.

g) Titulación e especialidade.

h) Situación administrativa.

4. Datos relativos a prazas sanitarias:

a) Código de identificación da praza.

b) Tipo de categoría da praza segundo o procedemento que anualmente establece a Consellería da Presidencia e Administración Pública para a cobertura e seguimento do cadro do persoal do Sergas.

c) Tipo de praza en función da titulación esixida, especialidade e tipo de vinculación administrativa.

d) Unidade funcional dos distintos niveis ós que pertenze.

5. Datos relativos ás unidades funcionais:

a) Código de identificación da unidade funcional.

b) Tipo de unidade funcional.

c) Nome da unidade funcional.

d) Nome e apelidos do responsable da unidade funcional.

e) Consultorio sede.

f) Consultorio de soporte ós servicios administrativos.

g) Centro de xestión asociado.

h) Actividades acreditadas.

6. Datos relativos ós centros sanitarios:

a) Código de identificación do centro.

b) Nome do consultorio.

c) Enderezo e telefóno.

d) Ano de construcción.

e) Superficie construída en metros cadrados.

f) Relación de espacios de edificio.

g) Dependencia patrimonial.

h) Horario de apertura e peche.

i) Unidades funcionais asociadas.

7. Datos relativos á cota:

a) Código de identificación da cota.

b) Praza sanitaria á que pertence.

c) Praza sanitaria á que está asignado.

d) Rango mínimo e máximo de idades.

e) Situación da cota.

f) Teléfonos de urxencias e de cita previa.

-Cesións previstas:

Organismos sanitarios e organismos oficiais de estatística, cando o autorize a normativa vixente.

-Órganos da Administración responsables:

Secretario xeral do Servicio Galego de Saúde.

Directores provinciais do Servicio Galego de Saúde.

8170