Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Xoves, 07 de decembro de 1995 Páx. 9.230

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 310/1995, do 23 de novembro, polo que se aproba o réxime xurídico do servicio público do Laboratorio de Metais Preciosos de Galicia.

En virtude do disposto no artigo 7 do Real decreto 1634/1980, do 31 de xullo, e no apartado B).I.3 do anexo do Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas, a Xunta de Galicia exerce as funcións e servicios que realizaban no seu ámbito territorial as delegacións provinciais do Ministerio de Industria e Enerxía relativos á execución da lexislación estatal en materia de metais preciosos, levando a cabo as análises e, se é o caso, o posterior contraste dos obxectos de platino, ouro e prata no Laboratorio Oficial de Contrastación de Metais Preciosos.

O Decreto 209/1990, do 15 de marzo, modificado polo Decreto 292/1995, do 3 de novembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, no seu artigo 5, apartado 3º, establece que o citado Laboratorio de Metais Preciosos forma parte da estructura da Dirección Xeral de Industria.

Os mencionados antecedentes requiren que se dote o dito laboratorio dun rango e dun réxime de organización e funcionamento acorde cos seus cometidos e coa normativa, tanto legal como regulamentaria, que lle afecta.

Na súa virtude, por proposta da Consellería de Industria e Comercio e previa deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintetrés de novembro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º.

O Laboratorio de Metais Preciosos de Galicia, integrado na Consellería de Industria e Comercio e adscrito á Dirección Xeral de Industria, configúrase como un servicio público para o desenvolvemento daquelas actividades que, sendo propias daquela, aparecen comprendidas na Lei 17/1985, do 1 de xullo, e no seu regulamento aprobado por Real decreto 197/1988, do 22 de xaneiro, modificado polo Real decreto 968/1988, do 9 de setembro, e que se concretan, fundamentalmente, na certificación de que un metal precioso cumpre a citada normativa que lle é de aplicación.

Artigo 2º.

1.-O servicio público de xestión do Laboratorio de Metais Preciosos de Galicia poderá xestionarse directamente ou por xestión indirecta a través de calquera das modalidades previstas no artigo 157 da Lei de contratos das administracións públicas, quedando asu

mida, en todo caso, a actividade propia do servicio pola Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia.

2.-Calquera que sexa o réxime de explotación do servicio público de xestión do citado laboratorio, non implicará incremento de gasto orzamentario.

3.-No suposto de que a xestión do servicio non se leve a cabo de forma directa pola Administración, a adxudicación efectuarase polo procedemento de concurso.

Disposicións derradeiras.

Primeira.-O réxime xurídico de explotación do servicio rexerase polo establecido no presente decreto e, se é o caso, polas normas que o desenvolvan; polos pregos de cláusulas administrativas particulares e de prescricións técnicas e pola normativa vixente en materia de contratación que lle sexa de aplicación.

Segunda.-Autorízase o conselleiro de Industria e Comercio para dicta-las resolucións e instruccións que sexan precisas para a aplicación e interpretación do presente decreto.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintetrés de novembro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

9507886