Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Venres, 24 de novembro de 1995 Páx. 8.633

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 14 de novembro de 1995 pola que se aproba o Regulamento da denominación producto galego de calidade Mexillón de Galicia e do seu consello regulador.

O Decreto 421/1993, do 17 de decembro, regula a denominación producto galego de calidade para o sector da pesca, o marisqueo e acuicultura, e no seu artigo 4 establece que o regulamento específico de cada denominación deberá ser aprobado pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Por Orde do 26 de xaneiro de 1994 (DOG nº 50 do 14-3-1994) recoñeceuse a denominación de pro

ducto galego de calidade para o mexillón de Galicia e nomeouse o seu consello regulador provisional.

Visto o proxecto de Regulamento da denominación producto galego de calidade «Mexillón de Galicia» que figura no anexo á presente orde,

DISPOÑO:

Artigo único.-Apróbase o regulamento da denominación producto galego de calidade «Mexillón de Galicia» que figura no anexo á presente orde.

Disposicións adicionais

Primeira.-O consello regulador queda autorizado para establece-los acordos e dicta-las normas necesarias para o mellor cumprimento do sinalado neste regulamento, debendo poñelo en coñecemento da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Segunda.-Contra as decisións do consello regulador da denominación poderase formular recurso ordinario perante o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 2 de marzo pola que se aproba o Regulamento da denominación producto galego de calidade «Mexillón de Galicia» e do seu consello rector.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Pesca e Industrias Pesqueiras para dicta-las normas para o desenvolvemento establecido na presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 1995.

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

Regulamento da denominación producto galego de calidade «Mexillón de Galicia»

Capítulo I

Xeneralidades

Artigo 1º

De acordo co disposto no Decreto 421/1993, do 17 de decembro, polo que se regula a denominación producto galego de calidade, para o sector da pesca, o marisqueo e a acuicultura, quedan protexidos coa denominación «Mexillón de Galicia» os mexillóns que reúnan as características que se definirán a continuación, cando nos seus procesos de producción, transformación e comercialización se observen as condicións establecidas nesta regulamentación e na lexislación vixente.

Artigo 2º

A denominación producto galego de calidade «Mexillón de Galicia» non se poderá aplicar a ningún outro tipo de mexillón que non sexa o definido polo presente

regulamento, non podéndose utilizar termos, expresións, distintivos ou marcas que, pola súa similitude fonética ou gráfica con esta, poidan inducir a confusión ou erro coa citada denominación.

Artigo 3º

A defensa da citada denominación, a aplicación do presente regulamento, a vixilancia do seu cumprimento e o fomento do control da calidade do producto protexido quédanlles encomendados ó consello regulador da denominación, á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura da Xunta de Galicia e demais órganos da Administración autonómica, no ámbito das súas respectivas competencias.

Capítulo II

Definición e ámbito

Artigo 4º

Denomínase mexillón de Galicia, mejillón de Galicia, en castelán, o mexillón producido no ámbito que se fixa no artigo 5 en artefactos flotantes, que será comercializado única e exclusivamente envasado.

Artigo 5º

1. A zona de producción do mexillón amparado pola denominación de producto galego de calidade «Mexillón de Galicia» e polo presente regulamento será a correspondente ó ámbito xeográfico da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos polígonos e zonas existentes ou que puidese establecer nun futuro a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura ou órgano que puidese substituíla.

2. A actividade de envasado, transformación, manipulación, depuración, reinstalación, expedición e calquera outra de transformación do mexillón quedará limitada ó ámbito xeográfico da Comunidade Autónoma de Galicia.

Non obstante, a Administración autonómica, por proposta do consello regulador, poderá autoriza-la realización das ditas actividades fóra do citado ámbito xeográfico.

Capítulo III

Da producción

Artigo 6º

Os mexillóns amparados no presente regulamento serán da especie Mytilus galloprovincialis, convenientemente depurados ou manipulados, con suxeición estricta á normativa nacional e comunitaria en canto a normas sanitarias de producción e comercialización de moluscos.

Artigo 7º

A producción clasificarase, en función das pezas que conteña un quilogramo de producto, nas clases seguintes:

-Normal: entre 26 e 35 pezas por quilo.

-Especial: entre 20 e 25 pezas por quilo.

-Selección: menos de 20 pezas por quilo.

En calquera das clases mencionadas o mexillón observará un rendemento mínimo do 16% calculado segundo o seguinte procedemento:

Tómase unha mostra de 2,5 quilogramos, aproximadamente, de mexillón da clase que se vai examinar, limpo, sen adherencias, pésase nunha báscula de precisión, gardando o resultado en gramos.

A continuación, nunha pota de aluminio con testo de 26 cm de diámetro métense os mexillóns limpos sen auga.

Póñense ó lume co testo posto e espérase a que o vapor levante o testo. Cando se levante tres veces, retíranse do lume. Énchese a pota con auga fría para os arrefriar.

Retíranse as viandas das cunchas e pésase a vianda en gramos. O rendemento obtense pola fórmula:

Rendemento en gramos de vianda x 100: gramos de mostra.

Artigo 8º

As técnicas de producción utilizadas serán as adecuadas para obter unha máxima calidade.

Artigo 9º

Poderanse establecer, de acordo co establecido no artigo 7º, baixo o amparo da presente denominación e en funcións das características de cada tipo de mexillón, máis dunha categoría deste último na súa comercialización.

Capítulo IV

Da comercialización

Artigo 10º

Para a súa comercialización en fresco os mexillóns deberán ser expedidos por aqueles establecementos debidamente autorizados sen ningunha transformación posterior, debendo en todo momento mante-las valvas pechadas. Terán que reuni-las características seguintes:

a) Limpos, debéndose proceder previamente ó seu lavado con auga do mar limpa para eliminar todas aquelas adherencias brandas da súa cuncha.

b) Deberán ser sometidos, se é o caso, a depuración ou reinstalación, de acordo coa normativa nacional ou comunitaria e, tamén conforme a dita normativa, pasar obrigatoriamente por un dos centros de expedición, reunindo os parámetros esixidos pola normativa vixente en cada momento.

Artigo 11º

1. A presentación dos mexillóns será en envases etiquetados e inviolables de rede con capacidade para 2, 3 e 5 kg embalados en continentes de madeira ou plástico, con capacidade para un máximo de 10 kg, que levarán o distintivo de producto galego de calidade.

2. O consello poderá propoñerlle á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura a autorización de calquera outro tipo de envase con idoneidade comprobada a través de ensaios previos, así como varia-la súa capacidade.

3. Para a comercialización do mexillón de calidade trala súa transformación, o consello establecerá a correspondente normativa.

Artigo 12º

O consello poderá establecer un prezo unitario de venda en orixe do mexillón amparado baixo a presente denominación.

Capítulo V

Rexistros

Artigo 13º

O consello regulador do producto galego de calidade «Mexillón de Galicia» levará os rexistros seguintes:

a) Rexistro de productores.

b) Rexistro de centros de expedición.

c) Rexistro de comercializadores.

d) Rexistro de empresas transformadoras.

Artigo 14º

As peticións de inscrición remitiránselle ó consello con indicación dos datos, documentos e comprobantes seguintes:

1. No rexistro de productores: nome do titular da explotación, asociación ou cooperativa, nome e número de batea ou artefacto de producción (polígono, cuadrícula, e todos aqueloutros complementarios que fosen necesarios para a súa completa identificación).

2. No rexistro de centros de expedición: nome e enderezo do titular, número de rexistro de industria, número de rexistro sanitario e alta no imposto especial de actividades.

3. No rexistro de comercializadores: nome e enderezo do titular, número de rexistro de industria, número de rexistro sanitario e alta no imposto especial de actividades.

4. No rexistro de empresas transformadoras: nome e enderezo do titular, número de rexistro de industria, número de rexistro sanitario e alta no imposto especial de actividades.

Artigo 15º

Para a inscrición nos rexistros da denominación de calidade será condición necesaria que se cumpran as condicións que se establezan no regulamento.

Capítulo VI

Dereitos e obrigas

Artigo 16º

Só se lles pode aplica-la denominación producto galego de calidade «Mexillón de Galicia» ós mexillóns procedentes das explotacións das que sexan titulares os inscritos nos rexistros de productores correspon

dentes, que se producisen de conformidade coas normas esixidas por este regulamento e que reúnan as condicións técnicas que os deben caracterizar. Tódolos inscritos deberán servir ou vende-lo mexillón que teña as características definidas neste regulamento, baixo a denominación de producto galego de calidade.

No caso de incumprimento do exposto no parágrafo anterior por parte de calquera membro inscrito no rexistro, procederase a dalo de baixa nel.

Artigo 17º

Os productos protexidos serán, necesariamente, expedidos ó mercado cunha marca de identificación de deseño especial e, ademais, levarán unha etiqueta que determinará o consello.

Artigo 18º

1. O consello levará un control das etiquetas para vixiar que non se produzan imitacións, que a súa presentación ou redacción non vaia en desprestixio da denominación producto galego de calidade, e que, ó mesmo tempo, cumpran a lexislación vixente sobre a etiquetaxe dos alimentos.

2. A utilización de novas etiquetas obrigará as empresas a lle transmitir ó consello os novos exemplares para a súa revisión para efectos de autorización.

3. Tódalas informacións que figuran no texto das etiquetas terán que estar de acordo coa lexislación vixente e deberán probarse por requirimento do consello.

Artigo 19º

Nas etiquetas figurará obrigatoriamente o seguinte, producto galego de calidade «Mexillón de Galicia», en lugar visible e ben destacado, ademais dos datos que con carácter xeral se determinen na lexislación vixente e, ademais, cumprirán cos requisitos de toda índole que estableza o consello.

Artigo 20º

O dereito ó uso da denominación producto galego de calidade «Mexillón de Galicia», en propaganda, publicidade, documentación ou etiqueta é exclusivo das firmas inscritas nos rexistros. Fóra destes casos, só o consello poderá autoriza-lo uso por persoas ou entidades distintas das autorizadas expresamente por este regulamento.

Artigo 21º

Os productos destinados á venda no mercado serán sometidos á inspección do consello para a comprobación da súa calidade, se así se considerase conveniente.

Capítulo VII

Do consello

Artigo 22º

O consello é o órgano con atribucións decisorias nas funcións que este regulamento lle encomenda, de acordo co que determina a lexislación vixente.

Artigo 23º

1. O consello constituirano:

a) Un presidente, designado pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, por proposta do consello, elixido entre os vocais deste último, e terá voto de calidade. O consello regulador poderá esixir responsabilidades do seu presidente mediante unha moción para o efecto e por proposta, cando menos, da metade máis un dos seus membros, logo de convocatoria específica, e da que poderá resulta-la proposta dun novo presidente que designará, se fora o caso, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura. A adquisición da condición de presidente levará consigo a súa vacante como vocal, debéndose proceder á súa substitución de acordo co previsto no parágrafo segundo do apartado b) do presente artigo.

b) Dez vocais de entre os inscritos nos rexistros, con voz e voto. A distribución dos vocais será da seguinte forma:

-6 vocais de entre os inscritos no rexistro de productores.

-4 vocais de entre os inscritos no rexistro de centros de expedición, comercializadores e empresas transformadoras.

c) Tres asesores técnicos da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e un da Consellería de Sanidade, todos eles con voz pero sen voto.

Os vocais referidos no apartado b) serán nomeados polas entidades asociativas máis representativas en cada rexistro, que, así mesmo, designarán os correspondentes substitutos para os supostos de ausencia ou enfermidade ou vacante dos titulares.

2. A renovación do consello farase cada dous anos e os seus membros poderán ser reelixidos.

Artigo 24º

O consello reunirase, como mínimo, unha vez cada trimestre con carácter ordinario, e con carácter extraordinario en calquera momento, logo de convocatoria do seu presidente ou por petición de cinco dos seus compoñentes.

No caso de non existir convocatoria previa, o consello quedará validamente constituído cando estean presentes a totalidade dos seus compoñentes e así o acorden por unanimidade.

A convocatoria ordinaria do consello efectuarase como mínimo con cinco días de antelación, e a extraordinaria polo menos con 24 horas.

Artigo 25º

1. As convocatorias para as sesións efectuaranse a través de calquera medio postal, telegráfico ou telefax, con especificación da orde do día, non podéndose tratar asuntos distintos dos especificados nela, agás que se encontren presentes tódolos membros e decidan incluír algún outro punto de interese.

2. Para que o órgano rector quede validamente constituído e os seus acordos sexan decisorios será necesario que asistan a maioría dos seus compoñentes.

3. Os acordos tomaranse pola maioría simple dos presentes. No caso de empate, decidirá o voto do presidente.

Artigo 26º

Os cargos do órgano rector serán gratuítos, sen prexuízo do dereito ó cobro dos gastos que no exercicio das súas funcións teñan os seus compoñentes.

O presidente, en función da súa dedicación, terá dereito a percibir unha compensación económica, que establecerá o consello regulador.

Artigo 27º

1. Para o exercicio das súas funcións o consello contará co persoal necesario, que figurará no orzamento do órgano colexiado.

2. O consello terá un secretario, designado por el mesmo e por proposta do seu presidente, que asistirá ás sesións con voz pero sen voto.

Artigo 28º

As funcións do órgano rector son as que determina o Decreto 421/1993 e, en particular, aplica-los preceptos deste regulamento, así como vixia-lo seu cumprimento, dándolle conta á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura de cantas anomalías se produzan.

Artigo 29º

O órgano rector determinará a forma de efectua-lo control dos modelos e a frecuencia das declaracións dos inscritos nos rexistros, os documentos que deberán xuntárselles ás transaccións comerciais, así como os medios necesarios para o desenvolvemento destas funcións.

Artigo 30º

1. Correspóndelle ó órgano rector preparar e presentarlle á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura a memoria anual, confecciona-los orzamentos, así como as fórmulas de ingresos para o financiamento das súas actividades.

2. Así mesmo, correspóndelle autorizar ou denega-la inscrición nos rexistros, instruí-los expedientes disciplinarios oportunos para o cumprimento do establecido no presente regulamento, aplicando as sancións previstas, contratar ou despedir empregados, realiza-las accións necesarias para o mellor cumprimento dos seus fins e, en concreto, tódalas accións destinadas á formación dos axentes participantes nos distintos niveis de cadea do mexillón, a promoción do mexillón galego, o coñecemento do mercado e dos distintos procesos que ten que soporta-lo mexillón; en xeral, calquera outra competencia que lle asigne a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Artigo 31º

O consello determinará a forma de efectua-lo control dos diversos procesos de producción, transformación e comercialización, e os medios que se utilizarán nestas actividades, sen prexuízo das propostas que se

lles eleven ós distintos organismos competentes para a mellor defensa dos seus intereses.

Capítulo VIII

Infraccións, procedemento sancionador e sancións

Artigo 32º

Sen prexuízo das sancións que poidan corresponder polas infraccións da lexislación vixente, o consello poderá sanciona-los titulares inscritos nos rexistros que fagan uso da denominación de calidade con: aviso, advertencia de suspensión temporal, suspensión temporal e suspensión definitiva.

Artigo 33º

Serán sancionadas con aviso as infraccións das normas de producción e comercialización establecidas neste regulamento, a expedición de partidas que no seu conxunto sexan de características inferiores ás establecidas no capítulo IV do presente regulamento, así como a falta de marca de identificación de deseño especial que determina o artigo 18.

Artigo 34º

1. En caso de reincidencia, sancionarase con advertencia de suspensión temporal da utilización da denominación producto galego de calidade «Mexillón de Galicia».

2. Trala advertencia, será sancionada con suspensión temporal, por un máximo de tres meses, a reincidencia.

Artigo 35º

Unha vez cumprida a anterior suspensión, en caso de nova reincidencia, procederase á suspensión definitiva que levará emparellada a expulsión do infractor dos seus correspondentes rexistros, dándose coñecemento público deste feito.

Artigo 36º

Independentemente do establecido nos artigos anteriores, o producto que por calquera circunstancia presente defectos ou alteracións sensibles, ou na súa producción non se cumprisen os preceptos deste regulamento ou os que sinala a lexislación vixente, será descualificado polo consello, non podendo ir amparado baixo a presente denominación de calidade.

Artigo 37º

Para os efectos de poder levar a cabo o control de calidade a que se refire este regulamento, o consello poderá contrata-los servicios de entidades de recoñecida solvencia dedicadas a esta actividade.

Disposición transitoria

Única.-O órgano rector provisional da denominación producto galego de calidade «Mexillón de Galicia» asumirá a totalidade das funcións que lle corresponden, segundo o establecido neste regulamento, e os seus compoñentes continuarán nos seus cargos ata que o órgano rector quede constituído tal como prevé o artigo 23 deste regulamento.

9507307