Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Venres, 17 de novembro de 1995 Páx. 8.468

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 8 de novembro de 1995 pola que se aproban os modelos de declaracións de actividades e intereses e de bens patrimoniais dos altos cargos da Xunta de Galicia.

O novo réxime de incompatibilidades dos membros do Goberno e altos cargos da Administración aparece regulado, para a Administración xeral do Estado, pola Lei 12/1995, do 11 de maio; norma na que se establecen os supostos de incompatibilidade, as obrigas que a súa condición de alto cargo leva consigo e o modo de facer efectiva e plasmar material e documentalmente o cumprimento desta obriga. Establécense os principios xerais e o mecanismo do seu cumprimento, o que se leva a efecto a través dos rexistros de actividades e de bens e dereitos patrimoniais de altos cargos.

Ante esta nova regulación a Xunta de Galicia co obxecto de recolle-las peculiaridades propias da nosa Administración adaptou a normativa autonómica á nova lei estatal a través do decreto 169/1995, do 16 de xuño (DOG nº 117, do 20 de xuño, e corrección de erros no DOG nº 172, do 7 de setembro), co fin de garantir no ámbito da Xunta de Galicia o seu efectivo cumprimento.

Na disposición transitoria primeira do decreto citado establécese que mediante a correspondente orde se aprobarán os modelos das declaracións co fin de dar cumprimento á normativa xeral de incompatibilidades de altos cargos.

Por outra parte, esta disposición transitoria diferiu a obriga dos altos cargos da Xunta de Galicia de presenta-las novas declaracións conforme o novo réxime de incompatibilidades á data de entrada en vigor da presente orde.

En consecuencia, tendo en conta que a disposición derradeira primeira do decreto que regula os rexistros de altos cargos da Xunta de Galicia faculta o conselleiro da Presidencia e Administración Pública para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e execución do citado decreto,

DISPOÑO:

Primeiro.-De conformidade co disposto no Decreto 169/1995, do 16 de xuño, polo que se regulan os rexistros de altos cargos da Xunta de Galicia, apróbanse os modelos de declaración de actividades e intereses e de bens patrimoniais dos altos cargos da Xunta de Galicia, que figuran como anexos á presente orde.

Ámbolos dous modelos de declaración deberán ser debidamente cubertos e presentados conforme o disposto no artigo 2 do decreto citado anteriormente.

Segundo.-En virtude do disposto na disposición transitoria primeira do devandito Decreto 169/1995, os altos cargos da Xunta de Galicia comprendidos no seu artigo 2.1º e 2º, disporán dun mes a partir da entrada en vigor da presente orde para presenta-las novas declaracións ante a Inspección Xeral de Servicios.

Disposición adicional

Facúltase a Inspección Xeral de Servicios para adopta-las medidas oportunas que garantan o cumprimento do disposto na presente orde.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a orde desta consellería do 14 de maio de 1994, (DOG nº 93, do 16 de maio).

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 1995.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

7528