Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Mércores, 15 de novembro de 1995 Páx. 8.362

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 293/1995, do 3 de novembro, polo que se aceptan as doazóns de determinados bens feitas por Eugenia Soriano Roesset, Carlos Martínez-Barbeito e Rafael Picó Pazos a favor da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Consellería de Cultura achegou á Secretaría Xeral e do Patrimonio, para a súa tramitación, expedientes de doazóns de bens feitas a favor da Comunidade Autónoma de Galicia por Eugenia Soriano Roesset,

Carlos Martínez-Barbeito e Rafael Picó Pazos, co fin de destinalos ós museos e arquivos da Xunta de Galicia.

Conforme ós artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma Galega, e 34 do seu regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da mesma lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles sobrepase o seu valor intrínseco.

Por iniciativa da Consellería de Cultura, de conformidade coa proposta da Consellería de Economía e Facenda, feita nos termos nos que Eugenia Soriano Roesset, Carlos Martínez-Barbeito e Rafael Picó Pazos acordaron as doazóns, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de novembro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo primeiro.

Acéptanse as seguintes doazóns:

-Desnudo de niña con brazos cruzados, (óleo sobre lenzo) de María Roesset, doado por Eugenia Soriano Roesset.

-Arquivos privados de Andrés Martínez Salazar e Fernando Martínez y Morás, doados por Carlos Martínez-Barbeito y Morás.

-Documentación de Rafael Picó Cañeque, doada por Rafael Picó Pazos.

Artigo segundo.

Os bens mobles doados destinaranse ós museos e arquivos da Xunta de Galicia, quedando adscritos á Consellería de Cultura.

Disposición derradeira.

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do presente decreto.

Santiago de Compostela, tres de novembro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

9506835