De conformidade co establecido no título quinto da Lei 11/1983, do 25 de agosto, e o artigo 2.4º do Real decreto 1888/1984, do 26 de setembro, este rectorado resolveu convocar a concurso de méritos para a praza que se relaciona no anexo I da presente resolución, conforme as seguintes bases:
Primeira.-Os ditos concursos rexeranse polo disposto na Lei orgánica 11/1983, do 25 de agosto (BOE
do 1 de setembro); Real decreto 1888/1984, do 26 de setembro (BOE do 26 de outubro), modificado parcialmente polo Real decreto 1427/1986, do 13 de xuño; Orde do 28 de decembro de 1984 (BOE do 16 de xaneiro de 1985) e, no non previsto, pola lexislación xeral de funcionariso civís do Estado.
Segunda.-Para ser admitido ós citados concursos requírense os seguintes requisitos xerais:
a) Ser español. Non obstante, poderán participar en idénticas condicións cós españois:
-Os nacionais dos demais estados membros da Unión Europea logo de acredita-la nacionalidade consonte o disposto na Lei 17/1993, do 23 de decembro, sobre o acceso a determinados sectores da función pública dos nacionais dos demais estados membros da Unión Europea e demais normativa de desenvolvemento.
-Trala acreditación, os nacionais daqueles estados ós que en virtude de tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, lles sexa aplicable a libre circulación de traballadores nos termos en que esta está definida no Tratado Constitutivo da Unión Europea.
b) Ter cumpridos dezaoito anos e non ter cumpridos os setenta anos de idade.
c) Non ter sido separado do servicio de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin encontrarse inhabilitado para o acceso e exercicio da función pública.
d) Non padecer enfermidade nin defecto físico ou psíquico que impida o desenvolvemento das funcións correspondentes a profesor de universidade.
Terceira.-Deberán reunir, ademais, as condicións específicas que se sinalan no artigo 4.2º do Real decreto 1888/1984, do 26 de setembro.
Cuarta.-Quen desexe tomar parte no concurso remitirá a correspondente solicitude ó rector da Universidade de Vigo, por calquera dos procedementos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro (BOE do 27) de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de vinte días hábiles a partir do día seguinte a aquel no que teña lugar a publicación desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado, mediante instancia, segundo o modelo do anexo II, debidamente cuberta, xunto cos documentos que acrediten reuni-los requisitos para participar no concurso. A concorrencia dos ditos requisitos deberá estar referida sempre a unha data anterior á de expiración do prazo fixado para solicita-la participación no concurso.
Os aspirantes deberán xustificar ter aboadas 8.660 ptas. en concepto de inscrición na conta da Universidade de Vigo, Outros ingresos, número 04.000.022599-4 de Caixavigo, O.P., xuntando na súa solicitude resgardo acreditativo do ingreso realizado, referenciando esta convocatoria.
Quinta.-Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, o rector da Universidade de Vigo, por calquera dos procedementos establecidos na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, remitirá a tódolos aspirantes relación completa de admitidos e excluídos, con indicación das causas de exclusión. Contra a dita resolución os interesados poderán presentar reclamación perante o rector no prazo de quince días hábiles contados desde o seguinte ó da notificación da relación de admitidos e excluídos.
Sexta.-O presidente da comisión, dentro do prazo habilitado regulamentariamente para a súa constitución, dictará unha resolución que deberá ser notificada a tódolos interesados cunha antelación mínima de 15 días naturais respecto da data do acto para o que se cita, convocando a:
a) Tódolos membros titulares da comisión e, se é o caso, os suplentes necesarios para efectua-lo acto de constitución daquela.
b) Tódolos aspirantes admitidos a participar no concurso, para realiza-lo acto de presentación dos concursantes e, con sinalamento do día, a hora e o lugar de celebración do dito acto.
Sétima.-No acto de presentación os concursantes entregaranlle ó presidente da comisón a documentación sinalada no artigo 10 do Real decreto 1888/1984, do 26 de setembro, modificado polo Real decreto 1427/1986, do 13 de xuño.
Oitava.-O candidato proposto para a provisión da praza deberá presentar na Secretaría Xeral da Universidade no prazo dos quince días hábiles seguintes ó de conclusión da actuación da comisión por calquera dos medios sinalados no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, certificación expedida polo ministerio ou organismo do que dependan, acreditativa da condición de funcionarios e cantas circunstancias consten na folla de servicios.
Vigo, 20 de outubro de 1995.
José Antonio Rodríguez Vázquez
Rector da Universidade de Vigo
ANEXO I
Número de prazas: 1.
Praza número: 42/1995.
Corpo ó que pertence a praza: profesor titular de universidade.
Área de coñecemento á que corresponde: química orgánica.
Departamento ó que está adscrita: Química Pura e Aplicada.
Actividades que realizará quen obteña a praza: docencia en materias da área.
Clase de convocatoria: concurso de méritos.
95-7242