Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Xoves, 09 de novembro de 1995 Páx. 8.235

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 31 de outubro de 1995 pola que se dan normas para a obtención dos títulos habilitantes para o exercicio da actividade pesqueira, marisqueira e de acuicultura.

O exercicio da actividade pesqueira, marisqueira e de acuicultura, ó mesmo tempo que debe redundar na consecución do interese xeral, supón a trasmisión de determinadas facultades relativas ó dominio público, motivo polo que a normativa de aplicación, xeral ou sectorial, dispón que os correspondentes títulos administrativos se outorguen discrecionalmente.

Nese outorgamento débense ponderar non soamente cuestións relativas ó beneficio que a actividade sometida a habilitación supoñerá para o interese xeral, senón tamén as condicións particulares que se deben dar no solicitante da habilitación administrativa, especialmente na súa dispoñibilidade para observa-las normas vixentes e preserva-los recursos marítimo-pesqueiros.

A aplicación da Lei 6/1991, do 15 de marzo, de infraccións en materia de protección dos recursos marítimo-pesqueiros, ó permiti-la identificación dos infractores reincidentes, así como dos debedores de multas sen pagar, constitúe unha das medidas máis fieis para determinar se o interesado reúne ou non condicións necesarias para explotar racionalmente os recursos marítimo-pesqueiros.

Por outra banda, o artigo 138.3º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faculta o órgano sancionador para proceder á execución forzosa das multas impostas nos procedementos sancionadores que puxeron fin á vía administrativa. Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.

O órgano competente para resolver, a petición do interesado, o outorgamento de habilitación administrativa para o exercicio de actividades pesqueiras, marisqueiras e de acuicultura, así como, se é o caso, as prórrogas ou modificacións das xa existentes, verificará que aquel cumpre tódolos requisitos ou condicións legalmente esixidos e, de forma especial, os seguintes:

-Que o peticionario non teña pendentes de aboamento, débedas por sancións impostas, ó abeiro da Lei 6/1991, por resolución que esgote a vía administrativa.

-Que non existira reincidencia nos termos do artigo 14.1º da Lei 6/1991.

Artigo 2º.

1º.-No suposto de débedas sen pagar, o órgano ó que se refire o artigo anterior outorgaralle ó interesado

un prazo de 30 días para proceder ó seu aboamento; transcorrido este sen atende-lo requirimento, rexeitarase a solicitude.

2º.-No suposto de reincidencia, o órgano outorgará ou denegará a solicitude en atención á gravidade das infraccións cometidas, á súa intencionalidade, índole ou transcendencia dos prexuízos ocasionados ó medio ou os recursos mariños.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 1995.

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

9507275