Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 211 Venres, 03 de novembro de 1995 Páx. 8.088

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 287/1995, do 19 de outubro, polo que se declara a urxente ocupación, no expediente de expropiación forzosa, dos terreos necesarios para a explotación da concesión de feldespato, caolín e os seus derivados Quinta número 4.461 sección C, da provincia de Lugo, solicitada por Basazuri, S.L.

Martín Jaureguízar Isasi, en nome e representación de Basazuri, S.L., entidade con domicilio social en Mañente, termo municipal de Barreiros, da provincia de Lugo, solicitou da Consellería de Industria e Comercio a incoación do expediente de expropiación forzosa polo procedemento de urxencia coa finalidade de prosegui-la labrada na concesión de explotación de feldespato, caolín e os seus derivados denominada Quinta nº 4.461, sita no paraxe de Saíñas, termo municipal de Barreiros, da provincia de Lugo.

A solicitude foi efectuada conforme o disposto no artigo 105 da Lei de minas do 21 de xullo de 1973 e no artigo 131 do seu Regulamento do 25 de agosto de 1978, así como no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 e artigo 56 do seu Regulamento do 26 de abril de 1957.

Tramitado o correspondente expediente pola Delegación Provincial de Industria e Comercio de Lugo, foi sometido ó trámite de información pública, mediante a publicación da relación de predios, propietarios afectados e domicilio, paraxe, clase de terreo e superficie afectada, no Boletín Oficial del Estado (24-5-1994 nº 123), Diario Oficial de Galicia (8-6-1994 nº 109), BOP de Lugo (7-6-1994 nº 128), diario El Progreso de 13-5-1994, así como nos taboleiros de anuncios do Concello de Barreiros e nos da Delegación Provincial de Lugo, e enviáronselles notificacións individuais con acuse de recibo ós propietarios dos eidos afectados.

Como consecuencia da información pública e notificacións individuais, non foron presentados escritos de alegacións contra a procedencia de expropiación.

Considérase xustificada a urxente ocupación dos terreos afectados para levar a cabo a labrada e normal desenvolvemento da explotación, de acordo co contido da documentación aportada, plans de labores aprobados e informes emitidos, todos favorables a ela polo procedemento de urxencia, como forma de asegura-la continuidade da explotación.

Na súa virtude, por proposta do Conselleiro de Industria e Comercio e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do dezanove de outubro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declárase urxente, segundo o citado artigo 105 da Lei de minas e para os efectos dispostos no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, a ocupación dos predios sitos na paraxe de Saíñas, municipio de Barreiros (Lugo), definidos nos planos presentados e das que se publicou relación nos boletíns

citados, predios que é necesario expropiar para dar continuidade ó laboreo da concesión de explotación de feldespato, caolín e os seus derivados denominada Quinta nº 4.461 de Lugo, da cal é titular Basazuri, S.L.

Santiago de Compostela, dezanove de outubro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

9507121