Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Venres, 27 de outubro de 1995 Páx. 7.949

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 5 de setembro de 1995, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo do sector de aparcamentos, garaxes e parkings.

Visto o expediente do convenio colectivo, do sector de aparcamentos, garaxes e parkings, que tivo entrada nesta delegación provincial da Consellería de Xustiza, Interior e relacións Laborais o día 1-9-1995, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Empresarios, e da parte social polas centrais sindicais, CIG e UGT, en data 23-8-1995. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, da Lei 8/1980 do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, de 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da Provincia de Pontevedra,

ACORDA:

Primeiro-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, obrante nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación, no BOP e no DOG.

Vigo, 5 de setembro de 1995.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo de traballo para o sector de aparcamentos, garaxes e parkings da provincia de Pontevedra.

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio afecta a tódalas empresas comprendidas no ámbito de aplicación da ordenanza laboral de transportes por estrada na actividade de aparcamentos, garaxes e parkings, que radiquen na provincia de Pontevedra, e que, aínda residindo fóra dela, teñan establecemento dentro da provincia, no que respecta ó seu persoal.

Artículo 2º.-Duración e vixencia.

O presente convenio terá unha duración de un ano, a contar desde o 1 de abril de 1995 e ata o 31 de marzo de 1996. Entrará en vigor ós dez días da sina

tura, se ben os efectos enonómicos dos salarios pactados se retrotraen ó 1 de abril de 1995.

Entenderase prorrogado de ano en ano, agás denuncia de calquera das partes, con tres meses de antelación, polo menos, á data do seu remate. A dita denuncia deberá facerse por escrito dirixida á outra parte afectada polo convenio.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

As presentes normas obrigan á totalidade do persoal contratado pola empresa, tanto se realizan función técnica coma manual, exceptuando unicamente aquelas persoas ás que alude o artigo 2 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 4º.-Condicións máis beneficiosas.

O persoal que con anterioridade ó presente convenio viñese desfrutando de condicións máis beneficiosas cás aquí pactadas, deberá conservalas.

Artigo 5º.-Soldos e salarios.

Ó persoal afectado por este convenio, segundo as categorías, deberá rexerse pola táboa salarial anexa a este.

Artigo 6º.-Quebranto de moeda.

O persoal que preste servicios en caixa e a quen se lle esixa responsabilidade en orde ó arqueo de caixa, aboaráselle en concepto de quebranto de moeda, as cantidades previstas na ordenanza laboral ou as superiores que por este concepto viñesen percibindo, agás no caso de expendedores de billetes e gardas.

Os expendedores de billetes percibirán en concepto de quebranto de moeda, a cantidade de 112 ptas. por día efectivo de traballo; e os gardas terán dereito por este concepto ó 0,20% dos cobros realizados por estacionamento por horas ou por servicios prestados ó cliente dentro do garaxe, quedando excluídos os cobros exteriores.

Artigo 7º.-Antigüidade.

Os traballadores afectados por este convenio desfrutarán como complemento persoal de antigüidade dun aumento periódico polo tempo de servicios prestados á mesma empresa, consistente, como máximo, en dous bienios ó 5% cada un e cinco quinquenios ó 10%, calculados sobre os salarios base do convenio e coas limitacións establecidas no Estatuto dos traballadores.

Artigo 8º.-Gratificacións extraordinarias.

As gratificacións extraordinarias do ano aboaranse na contía de trinta días e serán calculadas sobre a táboa salarial que corresponda, máis antigüidade, se é o caso. Denominaranse 25 de xullo, Nadal e beneficios e faranse efectivas antes do 22 de xullo, 22 de decembro e 15 de marzo, respectivamente.

Artigo 9º.-Vacacións.

O período anual de vacacións será de trinta días naturais, convíndose a súa división en dous períodos de 15 días, un dos cales deberá desfrutarse entre os meses de maio a setembro, ambos inclusive, e o

outro período no resto do ano. Todo iso sen prexuízo doutro acordo entre empresario e traballador.

Artigo 10º.-Licencias e permisos.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo, con dereito a remuneración, por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) Quince días naturais en caso de matrimonio.

b) Dous días nos casos de nacemento de fillo ou enfermidade grave ou falecemento de parentes, ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando, con tal motivo, o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de catro días.

c) Un día por traslado do domicilio habitual.

d) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inexcusable de carácter público e persoal. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, haberá que aterse ó que esta dispón en canto á duración da ausencia e a súa compensación económica.

Cando o cumprimento do deber antes referido supoña a imposibilidade da prestación do traballo, debido en máis do 20% das horas laborables nun período de tres meses, poderá a empresa pasa-lo traballador afectado á situación de excedencia regulada no apartado un do artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

No suposto de que o traballador por cumprimento do deber ou desempeño do cargo perciba unha indemnización, descontarase o importe desta do salario a que tivese dereito na empresa.

e) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

Artigo 11º.-Traballos nocturnos.

As horas traballadas durante o período comprendido entre as dez da noite e as seis da mañá terán unha retribución específica incrementada, como mínimo nun 25% sobre o salario base. Exclúese do cobro do expresado suplemento ó persoal que realice a súa función durante a noite e que fora contratado para esta clase de traballo.

Artigo 12º.-Xornada de traballo.

A xornada laboral ordinaria será de corenta horas semanais de traballo efectivo.

Artigo 13º.-Horas extraordinarias.

a) Horas extraordinarias habituais: supresión.

b) Horas extraordinarias estructurais:

Considéranse horas extraordinarias estructurais tódalas que veñan esixidas pola necesidade de reparar sinistros ou outros danos extraordinarios, urxentes, así como no caso de riscos de perda de materias primas ou derivadas de circunstancias de períodos punta de producción, ausencias imprevistas ou cambios de quenda.

Artigo 14º.-Contrato de traballo.

Os contratos de traballo formalizaranse por escrito naqueles casos que así a lexislación vixente así o determine.

Artigo 15º.-Baixas por accidente de traballo.

Nos casos de incapacidade laboral transitoria derivada de accidente de traballo acaecido dentro das horas de traballo, a empresa estará obrigada a completa-las prestacións económicas correspondentes da Seguridade Social ata o 100% do salario mensual, durante o prazo máximo de 90 días.

Artigo 16º.-Seguro de accidente de traballo.

As empresa contratarán totalmente ó seu cargo un seguro colectivo a favor dos seus traballadores que cubra a indemnización de dous millóns de ptas. nos casos de morte en accidente de traballo, incluído o accidente de traballo in itinere.

O persoal que con 15 anos de antigüidade na empresa se xubile no prazo de tres meses contados desde o cumprimento da idade de 65 anos, terá dereito ó aboamento dunha gratificación especial na contía de 100.000 ptas. Igual dereito terán os xubilados antes da dita idade e que cumpran os quince anos de antigüidade na empresa.

Artigo 18º.-Días 24 e 31 de decembro.

Nos días 24 e 31 de decembro e co obxecto de celebra-las tradicionais festas de Noiteboa e Aninovo, a xornada de traballo finalizará ás 14 horas para o persoal de servicios de lavado, engraxe e pneumáticos; e ás 21 horas para o de servicios de parkings e aparcamentos.

Artigo 19º.-Roupas de traballo.

Os traballadores que teñan que presta-lo seu traballo en medios húmidos a empresa facilitaralles calzado adecuado. A duración deste será de seis meses a un ano, segundo os casos, sen prexuízo do establecido no artigo 146 da ordenanza vixente.

Artigo 20º.-Recoñecementos médicos.

As partes asinantes do convenio recomendan ás empresas que faciliten un recoñecemento médico anual ós seus traballadores, a través do Gabinete Técnico de Seguridade e Hixiene no traballo de Rande, de mutuas patronais de accidentes de traballo ou por outros medios que a empresa considere máis oportunos.

Artigo 21º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación e cumprimento das cláusulas deste convenio e en xeral, para entender en cantas cuestións se deriven da aplicación deste, establécese unha comisión paritaria, integrada por un número igual de representantes económicos e das centrais sindicais asinantes do convenio, a razón de un membro por cada central.

Artigo 22º.-Indivisibilidade.

As condicións pactadas neste convenio forman un todo orgánico e indivisible e, para efectos da súa aplicación práctica, considerado na súa totalidade.

Artigo 23º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non expresamente previsto neste convenio, haberá que aterse ó disposto na ordenanza laboral para as empresas de transportes por estrada e demais disposicións legais vixentes.

Artigo 24º.-Partes asinantes.

As partes asinantes do presente convenio son as seguintes:

En representación dos traballadores: as centrais sindicais CIG e UGT.

En representación dos empresarios: a Asociación Provincial de Aparcamentos, Garaxes e Parkings de Pontevedra.

Disposición adicional.

As partes comprométense a constituí-la mesa negociadora durante a primeira quincena do mes de marzo de 1996 para negocia-lo convenio colectivo que rexerá, se é o caso, a partir do primeiro de abril de 1996.

Táboa de salarios

(Vixencia 1-4-1995 a 31-3-1996)

Persoal administrativo:

Oficial de 1ª: 78.812 ptas/mes.

Oficial de 2ª: 75.718 ptas./mes

Auxiliar administrativo: 72.378 ptas./mes.

Aspirante 16-17 años: salario mínimo según idade.

Persoal de garaxes e lavados:

Encargado xeral: 86.361 ptas./mes.

Encargado almacén: 70.732 ptas./mes.

Engraxador e lavacoches: 70.732 ptas./mes.

Garda de día: 70.732 ptas./mes.

Garda nocturno: 70.732 ptas./mes.

Expendedores de billetes: 72.378 ptas./mes.

Mozo de garaxe: 70.732 ptas./mes.

Especialista pneumáticos: 70.732 ptas./mes.

Aprendiz de 16-17 anos: salario mínimo según idade.

Limpadora: 70.732 ptas./mes.

95-6119