Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Mércores, 25 de outubro de 1995 Páx. 7.889

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 17 de outubro de 1995 pola que se lle concede á entidade promotora Escola de Negocios Caixavigo, autorización para a efectiva impartición do segundo curso correspondente ó título Bachelor in Business Administration conforme ó sistema vixente noutro país e conducente á obtención de títulos non homologados cos do sistema educativo español.

Polo Decreto 21/1995, do 27 de xaneiro, (DOG do 31 de xaneiro), concedéuselle autorización á entidade promotora Escola de Negocios Caixavigo para imparti-los estudios correspondentes ó título Bachelor in Business Administration conforme o sistema vixente noutro país e conducente á obtención de títulos non homologados cos do sistema educativo español. No artigo 3 do devandito decreto autorízase a efectiva impartición do primeiro curso dos referidos estudios, engadindo que a implantación progresiva dos seguintes cursos esixirá, antes do comezo do respectivo curso, a autorización mediante orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Para este fin, a entidade promotora deberá xustificar e especificar previamente, ante a consellería, a contratación de profesores mantendo as ratios de calidade e de profesor/alumno sinalados no expediente así como os requisitos relativos ós espacios.

Xustificados por parte da entidade promotora Escola de Negocios Caixavigo os requisitos sinalados no parágrafo anterior e logo de inspección realizada ó efecto, esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Autorízase a entidade promotora Escola de Negocios Caixavigo, con sede social na Avda. de Madrid nº 60, de Vigo (Pontevedra), para que de acordo co Decreto 21/1995 e co convenio de compromiso académico asinado pola entidade promotora Escola de Negocios Caixavigo e a Universidade de Gales, a que imparta desde o curso 1995-1996 na cidade de Vigo e dentro dos locais establecidos para o efecto na sede social da escola o segundo curso dos estudios correspondentes ó título Bachelor in Business Administration conforme o sistema educativo vixente noutro país e que conduce á obtención de título superior non homologado academicamente cos títulos do sistema educativo español.

Disposición derradeira

Única.-A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 1995.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

95-6851