Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Mércores, 18 de outubro de 1995 Páx. 7.707

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 269/1995, do 5 de outubro, polo que se aproba a oferta de emprego público para o ano 1995 do persoal sanitario funcionario ó servicio da Comunidade Autónoma incluído no ámbito de aplicación da Lei 17/1989, do 23 de outubro.

O dereito transitorio da Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas do persoal sanitario ó servicio da Comunidade Autónoma prevé a realización de tres procesos selectivos para o acceso á condición de persoal sanitario funcionario incluído no seu ámbito de aplicación, garantindo o dereito a continuar prestando servicios como persoal interino a aquel que á súa entrada en vigor tivese tal condición e mentres tanto se executasen os ditos procesos selectivos.

O distinto ritmo seguido ata a data nas reformas estructurais da sanidade galega, impulsadas pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e polo Servicio Galego de Saúde, motivou o feito de que para algunhas clases pertencentes á subescala de atención primaria (médicos, practicantes e matronas titulares) xa se realizaran dous procesos selectivos, quedando pendente de executar un último proceso, que agora se pretende convocar. Ó mesmo tempo, no referente á escala de saúde pública e administración sanitaria, xa se executou un proceso selectivo, resultando necesario agora afronta-lo segundo deles naquelas clases en que resulta necesario para cumpri-lo mandato legal, ó tempo de que, tamén dentro desta escala, se convoca o primeiro dos ditos procesos para aquelas clases do ámbito da inspección sanitaria transferida á Comunidade Autónoma de Galicia xunto co Insalud e integrada na citada Lei 17/1989 a través do Decreto 5/1992, do 16 de xaneiro.

Polo demais, convén resaltar que a exclusión dalgunhas clases da presente oferta ven xustificada por razóns de carácter estructural e funcional, así como pola necesidade de executar unha profunda análise dos postos de traballo a elas pertencentes, dadas as circunstancias sempre cambiantes que se están a producir tanto no ámbito da Administración como da asistencia sanitaria, circunstancias que xa se tiveron en conta no marco da ponencia técnica de estudio da oferta pública de emprego designada no seu día pola Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Sanitario.

En consecuencia, logo da negociación coas organizacións sindicais presentes na dita mesa, por iniciativa da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e a proposta da Consellería da Presidencia e Administración Pública, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día cinco de outubro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º

De conformidade co disposto no artigo 29.6º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, na redacción dada a este polo artigo 7 da Lei 3/1995, do 10 de abril, queda aprobada a oferta pública de emprego para o ano 1995 do persoal sanitario funcionario ó servicio da Comunidade Autónoma incluído no ámbito de aplicación da Lei 17/1989, do 23 de outubro, nos termos que se establecen no presente decreto.

Artigo 2º

Na dita oferta de emprego inclúense os postos de traballo que se convocan para cada corpo, escala e, se é o caso, subescala e clase de entre os previstos na dita lei e nos decretos 303/1990, do 31 de maio, e 5/1992, do 16 de xaneiro, e que se especifican no anexo do presente decreto.

Artigo 3º

1. Para tódolos postos de traballo que se convocan, o sistema de selección será o do concurso-oposición libre.

2. A convocatoria do dito concurso-oposición e as súas bases serán acordadas e publicadas no Diario Oficial de Galicia polo Servicio Galego de Saúde.

Artigo 4º

1. A fase de oposición desenvolverase mediante a realización de probas selectivas sobre un programa cun contido que se adecuará á titulación esixida e ás funcións que se van desempeñar nos postos de traballo do corpo, escala, subescala e clase correspondente.

2. A fase de oposición considerarase superada por quen obteña o 50 por cento da puntuación máxima alcanzable no conxunto dos exercicios que a compoñen.

3. Para dar cumprimento á normalización do idioma galego e para garanti-lo dereito dos usuarios dos distintos servicios sanitarios da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e do Servicio Galego de Saúde, así como a promoción do uso normal do galego por parte dos poderes públicos de Galicia, dentro dos exercicios correspondentes á fase de oposición terá que demostrarse o coñecemento da lingua galega nos termos que estableza a convocatoria.

Artigo 5º

1. De conformidade co establecido na disposición transitoria segunda da Lei 17/1989, do 23 de outubro, a fase de concurso consistirá na valoración dos servicios prestados, a razón de 0,75% por mes, no corpo, escala e, se é o caso, subescala e clase á que se aspire. En ningún caso a dita puntuación poderá exceder do 45% da puntuación total alcanzable na fase de oposición.

2. A puntuación obtida na fase de concurso non poderá ser aplicada para supera-la fase de oposición.

3. A valoración da fase de concurso será realizada polo tribunal e publicada, polo menos, con dous días de antelación ó que se fixe para a realización do primeiro exercicio da fase de oposición.

Artigo 6º

1. A orde de puntuación final coa relación de aspirantes que ingresen no respectivo corpo, escala e, se é o caso, subescala e clase, será obtida pola suma da puntuación que cada aspirante obteña na fase de oposición e na fase de concurso.

2. Os aspirantes que, superada a fase de oposición, non obteñan ingreso no corpo, escala e, se é o caso, subescala e clase, por non corresponderlle postos de traballo de acordo coa puntuación final do concurso-oposición, perderán tódolos dereitos derivados da súa participación neste.

Artigo 7º

Os tribunais que xulguen o concurso-oposición serán nomeados pola autoridade convocante.

Artigo 8º

1. De conformidade co previsto no artigo 60.2º da Lei 4/1988, do 26 de maio, na redacción dada a este polo artigo 20 da Lei 3/1995, do 10 de abril, na convocatoria do concurso-oposición reservarase o 25% dos postos de traballo de cada corpo, escala e, se é o caso, subescala e clase para a súa provisión polo sistema de promoción interna nos termos que prevexa a dita convocatoria.

2. De acordo co establecido na Lei 13/1982, do 7 de abril, de integración social dos minusválidos, na oferta de emprego público serán admitidas as persoas con minusvalidez en igualdade de condicións cós demais aspirantes.

3. Nas convocatorias de cada corpo, escala e, se é o caso, subescala e clase establecerase unha reserva do 3% das prazas convocadas para os que teñan a condición legal de persoas con minusvalidez acreditada polo organismo público competente.

Disposición derrogatoria

Queda expresamente derrogada a Orde do 26 de outubro de 1990 (DOG nº 221, do 9 de novembro) pola que se aproba o sistema de acceso a corpos e escalas de persoal sanitario ó servicio da Comunidade Autónoma.

Santiago de Compostela, cinco de outubro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

ANEXO

Corpo, escala, subescala, claseNº postos

de traballo

1. Corpo facultativo superior da Xunta de Galicia
1.1. Escala sanitaria de atención primaria e especializada
1.1.1. Subescala de atención primaria
1.1.1.1. Clase:
-Médicos titulares3
1.2. Escala de saúde pública e administración sanitaria
1.2.1. Clase:
-Inspectores médicos24
-Inspectores farmacéuticos1

2. Corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia
2.1. Escala sanitaria de atención primaria e especializada
2.1.1. Subescala de atención primaria
2.1.1.1. Clase:
-Practicantes titulares4
-Matronas titulares3
2.2. Escala de saúde pública e administración sanitaria
2.2.1. Clase:
-Subinspector sanitario10

95-6516