Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Mércores, 18 de outubro de 1995 Páx. 7.706

II. AUTORIDADES E PERSOAL

NOMEAMENTOS:

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 268/1995, do 5 de outubro, polo que se dispón a substitución dun representante da Xunta de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela no seu Consello Social.

Os artigos 3 e 5 da Lei 5/1987, do 27 de maio (DOG do 2 de xuño), do Consello Social da Universidade e do Consello Universitario de Galicia, determinan os representantes da Xunta de Goberno da Universidade no Consello Social.

A Universidade de Santiago de Compostela remitiu un escrito do 5 de setembro de 1995 no que comunica o nomeamento de Aureliano García González-Llanos como xerente desa universidade en substitución de Manuel Conde Mouzo, e sendo vocal nato do Consello Social desa universidade o xerente, de acordo co disposto no artigo 5 da Lei 5/1987 e segundo o disposto no artigo 5º do Regulamento do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela, sancionado e publicado polo Decreto 55/1988, do 3 de marzo (DOG do 22 de marzo), procede a substitución dese membro no Consello Social da devandita universidade.

Así mesmo, recibiuse nesta consellería, en cumprimento do artigo 8 da devandita Lei 5/1987, o documento preceptivo de non incorrer en incompatibilidade.

Por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, en cumprimento do artigo 7 da Lei 5/1987 e en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente (DOG nº 23, do 21 de marzo de 1983), modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro (DOG nº 208, do 28 de outubro de 1988), e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día cinco de outubro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-Nomear membro do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela en representación da Xunta de Goberno da citada universidade, en virtude da súa condición de xerente, a Aureliano García González-Llanos, que substitúe a Manuel Conde Mouzo, que cesa como membro do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela, en virtude do seu cesamento no cargo de xerente dela, agradecéndolle os servicios prestados.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de outubro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

6522