Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Martes, 17 de outubro de 1995 Páx. 7.671

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 17 de agosto de 1995, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación do convenio colectivo de ámbito provincial do sector do comercio de elementos do metal de Ourense para o ano 1995.

Visto o texto do convenio colectivo do sector do comercio de elementos do metal (código número 3200125) de Ourense para o ano 1995, con entrada nesta delegación provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 10 de agosto do

ano en curso, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Empresarios do Comercio de Elementos do Metal de Ourense e da parte social polas centrais sindicais UGT, CC.OO. e CIG todas con lexitimidade suficiente para asinalo, en xuntanza celebrada o día 11 de xullo de 1995, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado por Real decreto 1/1995, do 24 de marzo, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo. Esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do convenio colectivo no libro rexistro desta delegación provincial, con notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia e no BOP.

Ourense, 17 de agosto de 1995.

Manuel López Casas

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo do comercio de elementos do metal de Ourense 1995

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

Quedan sometidas ás estipulacións do presente convenio tódalas empresas dedicadas ó comercio do metal en xeral.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Quedan comprendidos neste convenio tódolos traballadores das empresas incluídas no ámbito funcional, coas excepcións do Estatuto dos traballadores e dos menores de 16 anos, quedando prohibida a súa contratación.

Artigo 3º.-Ámbito territorial.

As disposicións do presente convenio rexerán en Ourense e a súa provincia.

Artigo 4º.-Ámbito temporal.

A duración do presente convenio será de un ano comezando a rexer o 1 de xaneiro de 1995 e finalizando o 31 de decembro de 1995.

Artigo 5º.-Prórroga.

O convenio prorrogarase por períodos anuais ó non se denunciar por calquera das partes, con antelación mínima de tres meses, respecto da data da súa terminación, a denuncia farase mediante comunicación escrita á outra parte na que se fará consta-la representación que se ostenta e as materias de negociación.

Ó finaliza-la vixencia a que se refire o artigo 4, manterán a súa vixencia todas e cada unha das cláusulas ata a entrada en vigor do próximo convenio.

Artigo 6º.-Condicións máis beneficiosas.

Tódalas contidas no presente convenio estableceranse con carácter de mínimos, polo que os pactos, acordos ou situacións actualmente implantadas nas distintas empresas, que impliquen condicións máis beneficiosas subsistirán para aqueles traballadores que as veñan desfrutando.

Artigo 7º.-Compensación e absorción.

As condicións que se establecen neste convenio son compensables e absorbibles en cómputo anual, conforme a lexislación vixente, respectándose as situacións persoais en igual forma.

Artigo 8º.-Xeira de traballo.

A xeira de traballo máxima para o persoal comprendido no presente convenio é de 40 horas semanais.

Artigo 9º.-Vacacións.

Tódolos traballadores gozarán anualmente de 30 días naturais de vacacións retribuídas a salario base, gratificación de transporte e antigüidade.

A empresa confeccionará conxuntamente o calendario de vacacións cos representantes legais dos traballadores ou cos mesmos traballadores se non os hai, será exposto no taboleiro de anuncios coñecéndose este con 60 días de antelación á saída da primeira data.

As datas de vacacións deberán estar comprendidas entre os meses de maio a outubro.

A empresa por solicitude do traballador, estará obrigada a entregar un xustificante con expresión das datas de inicio e terminación delas.

As vacacións non poderán comezar a computar nin en sábado nin en véspera de festivo.

Artigo 10º.-Inasistencias retribuídas.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderase ausentar do traballo con dereito a remuneración, por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

A) 15 días naturais en caso de matrimonio.

B) Dous días en caso de enfermidade grave ou falecemento de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando por tal motivo o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de catro días.

C) Dous días por traslado de domicilio habitual.

D) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inexcusable de carácter público e persoal.

Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, haberá que se ater ó que esta dispoña en canto á duración da ausencia e a súa compensación económica.

Cando o cumprimento do deber antes referido supoña a imposibilidade da prestación do traballo debido en máis do 20% das horas laborais nun período de tres meses, poderá a empresa pasar ó traballador afectado á situación de excedencia regulada no apartado 1 do artigo 46 da lei.

No suposto de que o traballador polo cumprimento do deber ou desempeño de cargo perciba unha indemnización descontarase o importe dela do salario a que tivese dereito na empresa.

E) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

F) Por nacemento de fillo/a: seis días.

G) As traballadoras por lactación dun fillo menor de nove meses terá dereito a unha hora de ausencia do traballo que poderá dividir en dúas fraccións. A muller pola súa vontade poderá substituír este dereito por unha reducción de xeira en media hora coa mesma finalidade. Este permiso poderá ser desfrutado indistintamente polo pai ou a nai en caso de que os dous traballen.

Artigo 11º.-Salario base.

Comprende as retribucións que na xeira normal de traballo figuran na táboa salarial do anexo.

Artigo 12º.-Rendemento mínimo.

Dadas as dificultades técnicas que entraña o establecemento dunhas táboas de rendementos mínimos nas actividades encadradas no presente convenio, pola diversidade e diferentes estructuras das empresas afectadas, considérase o rendemento mínimo axustado

ós usos profesionais de cada actividade comercial da localidade. Non obstante as empresas dentro da súa peculiar organización poderán establece-los mencionados rendementos.

Artigo 13º.-Incentivos.

Cando as empresas establezan unhas táboas de rendementos e o traballado exceda do mínimo fixado, percibirá unha prima ou incentivo que previamente se establezan de acordo co procedemento que para estes efectos sinala a orde ministerial do 22 de novembro de 1973 sobre ordenación de salario.

As tarifas de remuneración por incentivos deberanse calcular de modo que o traballador de normal capacidade e rendemento obteña polo menos unha retribución superior a un 25% do salario base establecido no presente convenio para a súa categoría profesional.

Artigo 14º.-Salario hora individual.

De acordo co establecido no Decreto do 17 de agosto de 1973 sobre ordenación do salario e orde ministerial do 22 de novembro de 1973 que o desenvolve, a determinación do salario hora individual farase mediante a aplicación da fórmula seguinte:

(365+G)x(S+A3)

S.H.I.= Dtxhoras de xeira máxima legal.

S.H.I.= é o salario hora individual.

365= número de días ó ano.

G= é o número de días retribuídos que corresponde por gratificacións extraordinarias de Nadal, xullo e beneficios.

S= é o salario base diario.

A= os aumentos periódicos por anos de servicio.

Dt= os días de traballo por ano, deducidos os domingos, festivos aboables e vacacións.

Artigo 15º.-Aumentos periódicos por anos de servicio.

O persoal comprendido no presente convenio percibirá aumentos periódicos por anos de servicios consistentes no aboamento de cuadrienios na contía do 5 por cento sobre o salario base.

Cando o traballador ascenda de categoría profesional adicionaráselle o soldo base da nova categoría o número de cuadrienios que viñese desfrutando, calculándose a contía destes de acordo coa nova categoría acadada.

A data inicial para o cómputo dos aumentos por ano de servicio será o de ingreso na empresa, incluído o tempo de aprendizaxe e aspirante. Se ben para o dito cómputo aplicarase a partir da vixencia do presente convenio.

Artigo 16º.-Gratificación especial por idiomas.

Os traballadores con coñecementos acreditados ante as súas empresas, de unha ou máis linguas ou idiomas estranxeiros, sempre que este coñecemento fose requirido ou pactado coa empresa, percibirá un aumento do 10 por cento do seu salario base por cada idioma.

Artigo 17º.-Posto de traballo.

Gratificación especial por ornamentación de escaparates:

O persoal que, non estando clasificado como escaparatista, realice non obstante con carácter normal a función de ornamentación de escaparates, terá dereito, en concepto de gratificación especial, a un sobresoldo do 10 por cento do seu salario base e aumentos por anos de servicio.

Artigo 18º.-Horas extraordinarias.

O salario hora que resulte da aplicación da fórmula anterior servirá de base para determina-lo importe das horas extraordinarias.

O incremento que se aplicará sobre o salario hora para o aboamento das horas extraordinarias será o seguinte:

O 75% das horas extraordinarias de días laborables.

O 150% nas horas extraordinarias de domingos e festivos.

Artigo 19º.-Desprazamentos e axudas de custo.

Os traballadores que mediante orde expresa do empresario ou persoa que o represente se vexan obrigados a realizar viaxes ou traballos de carácter profesional por conta e baixo a dependencia da empresa, con desprazamentos a lugares distantes do centro de traballo e que imposibiliten o seu regreso, e sexa preciso efectuar comidas fóra do seu domicilio habitual, ou teñan necesidade de se desprazar a localidades onde tamén esixa a misión encomendada, unha permanencia que obrigue a tomar aloxamento, terán dereito ó cobro de gastos orixinados de acordo coa empresa e unha vez xustificados.

Artigo 20º.-Gratificacións extraordinarias.

As gratificacións extraordinarias de Nadal e xullo que establece o artigo 42 da ordenanza serán equivalentes ó importe dunha mensualidade cada unha.

As mencionadas gratificacións aboaranse nas seguintes datas:

Paga de Nadal: antes do 20 de decembro. Paga de xullo: antes do 20 de xullo. Cada gratificación estará constituída polo soldo base, aumentos periódicos por ano de servicios e gratificación de transporte, estipulados no presente convenio. A gratificación de transporte fíxase para estes efectos na contía de 8.262 ptas.

O importe das referidas gratificacións será rateado en proporción ó tempo traballado durante o ano, computándose como tal o correspondente a enfermidade xustificada, accidente de traballo, vacacións e permisos retribuídos.

Así mesmo, o persoal que leve dous anos prestando servicios na mesma empresa ó tempo de ser incorporado ó servicio militar, ten dereito a percibir como se estivese traballando o importe das mencionadas gratificacións.

Artigo 21º.-Gratificación de beneficios.

O importe da gratificación a que se refire a ordenanza laboral de comercio no seu artigo 44 será como mínimo de unha mensualidade ó ano, aboándose conforme o previsto no artigo 20º do convenio. A dita gratificación será aboada antes do día 21 de marzo.

O seu importe será proporcional ó tempo de traballo, computándose como tal o correspondente a enfermidade xustificada, permisos retribuídos e baixa temporal por accidente laboral.

Artigo 22º.-Compensación por accidente de traballo.

No caso de enfermidade común, accidente de traballo ou enfermidade profesional, o persoal en situación de ILT percibirá con cargo á empresa por un período de un ano como máximo o salario que lle corresponda polo presente convenio, incrementado cos aumentos periódicos por ano de servicio.

A empresa poderá descontar das mesmas durante o mencionado período de tempo as prestacións económicas que correspondan ó seguro obrigatorio de enfermidade.

Artigo 23º.-Axuda á xubilación.

As empresas concederán un complemento por xubilación a aqueles traballadores con dez anos como mínimo de antigüidade nela que se xubilen durante a vixencia do convenio.

A contía irá en función da seguinte escala:

Por xubilación voluntaria ós 60 anos: 6 mensualidades.

Por xubilación voluntaria ós 61 anos: 5 mensualidades.

Por xubilación voluntaria ós 62 anos: 4 mensualidades.

Por xubilación voluntaria ós 63 anos: 3 mensualidades.

Por xubilación voluntaria ós 64 anos: 2 mensualidades.

Por xubilación voluntaria ós 65 anos: 2 mensualidades.

As mencionadas mensualidades serán calculadas sobre o salario real. Para a súa percepción deberán solicitarse no prazo de tres meses desde o cumprimento da idade correspondente.

Se, cumpridos os 65 anos de idade e seis meses, o traballador que non solicitase a xubilación perderá o dereito a este complemento.

Artigo 24º.-Gratificación de transporte.

Establécese unha gratificación de transporte urbano para tódolos traballadores afectados polo presente convenio de 330 ptas. por día traballado.

Artigo 25º.-Delimitación das funcións do conductor.

As funcións do conductor de vehículos nas actividades comprendidas no presente convenio serán as propias que establece o artigo 16 da ordenanza laboral

de transportes por estrada, no apartado de transporte de mercadorías.

Artigo 26º.-Salarios.

O presente convenio incrementarase nun 4% con respecto ás táboas de 1994.

Artigo 27º.-Comisión paritaria.

Para tódalas cuestións que se deriven da aplicación, interpretación e vixilancia deste convenio constitúese unha comisión paritaria formada pola Asociación Provincial de Empresarios e as centrais sindicais asinantes do presente convenio.

Artigo 28º.-Absentismo.

As partes asinantes recoñecen o grave problema que supón o absentismo laboral e entenden que a súa reducción implica tanto un aumento de presencia do traballador no posto de traballo como a correcta organización da medicina de empresa e a seguridade social xunto cunhas adecuadas condicións de seguridade e hixiene e ambiente de traballo para unha efectiva protección da saúde física e mental do traballador.

Artigo 29º.-Igualdade no traballo.

Respectarase o principio de igualdade no traballo para tódolos efectos, e non se admitirá discriminación por razón de idade, sexo, ideoloxía, raza ou minusvalidez, etc.

Artigo 30º.-Pezas de roupa de traballo.

A aqueles traballadores ós que proceda, a empresa proporcionarálle-lo vestiario adecuado para o traballo, na cantidade de dúas pezas de roupa por ano, que reporá unha vez cada semestre. Así mesmo, facilitaralles guantes e calzado cando así o esixa o traballo que realizar.

Os traballadores que realicen funcións de reparto en moto, a empresa está obrigada a proporcionárlle-lo casco obrigatorio e roupa de augas.

Artigo 31º.-Excedencias.

A excedencia poderá ser voluntaria ou forzosa. A forzosa, que dará dereito a conservación do posto de traballo e ó cómputo da antigüidade da súa vixencia, concederase pola designación ou elección para un cargo público que imposibilite a asistencia ó traballo. O reingreso deberá solicitarse dentro do mes seguinte ó cesamento do cargo público.

O traballador con polo menos unha antigüidade na empresa de un ano, ten dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de se situar en situación de excedencia voluntaria por un prazo non menor a dous anos e non maior a cinco. Este dereito só poderá ser exercido outra vez polo mesmo traballador se transcorresen catro anos desde o final da anterior excedencia.

Os traballadores terán dereito a un período non superior a tres anos de excedencia para atende-lo coidado de cada fillo xa sexa por natureza ou por adopción, contada desde a data de nacemento deste. Os sucesivos fillos darán dereito a un novo período de excedencia que, se é o caso, porá fin ó que se viñera gozando.

Cando o pai ou a nai traballen, só un deles poderá exercer ese dereito.

Durante o primeiro ano, a partir do inicio de cada situación de excedencia, o traballador terá dereito á reserva do posto de traballo e a que o citado período sexa computado para efectos de antigüidade. Finalizado este e ata a terminación do período de excedencia, serán de aplicación, agás pacto colectivo ou individual ó contrario das normas que regulan a excedencia voluntaria.

Así mesmo poderán solicita-lo seu paso a situación de excedencia na empresa os traballadores que exercen funcións sindicais de ámbito provincial ou superior, mentres dure o exercicio do seu cargo representativo.

O traballador excedente conserva só un dereito preferente ó reingreso nas vacantes de igual ou similar categoría á súa que houbese ou se producise na empresa.

A situación de excedencia poderase estender a outros supostos colectivamente acordados con réxime e cos efectos que alí se prevexan.

Artigo 32º.-Recoñecementos médicos.

As empresas velarán pola práctica de recoñecementos médicos, incluída análise de sangue e de ouriños, tanto iniciais como periódicas, conforme o establecido nas disposicións vixentes e como mínimo un ó ano.

Pola súa banda os traballadores estarán obrigados a someterse a cantos recoñecementos médicos dispoñan as empresas a cargo delas, tanto en situación activa como en situación de ILT ou similar.

Os recoñecementos médicos orientaranse preferentemente ás enfermidades máis habituais do sector e facendo entrega a ese do resultado do recoñecemento.

Serán entregados nun máximo de cinco días desde a data de percepción deles.

A comisión mixta velerá polo seu cumprimento.

Artigo 33º.-Protección á maternidade.

En caso de maternidade a empresa deberá concede-los permisos de dezaseis semanas ininterrompidas ampliables por parto múltiple ata dezaoito semanas. O período de suspensión distribuirase a opción da interesada sempre que seis semanas sexan inmediatamente posteriores ó parto, podendo facer usos destas o pai para o coidado do fillo en caso de falecemento da nai.

Non obstante o anterior, no caso de que a nai ou o pai traballen, aquela, ó iniciarse o período de descanso por maternidade, poderá optar a que o pai desfrute de ata catro das últimas semanas de suspensión, sempre que sexan ininterrompidas e ó final do citado período, excepto que no momento da súa efectividade a incorporación ó traballo da nai supoña risco para a saúde.

No suposto de adopción, se o fillo adoptado é menor de nove meses, a suspensión terá unha duración máxima de oito semanas, contadas a partir da resolución

xudicial pola que se constitúe a adopción. Se o fillo adoptado é menor de cinco anos e maior de nove meses, a suspensión terá unha duración máxima de seis semanas.

No caso de que o pai e a nai traballen, só un deles poderá exercer ese dereito.

Artigo 34º.-Réxime disciplinario por acoso sexual.

Todo comportamento ou situación que atente contra o respecto e a intimidade e/ou contra a liberdade dos traballadores/as, conductas de acoso sexual, verbais ou físicas, serán conceptuadas como faltas moi graves, graves ou leves, en función da repercusión do feito. Nos supostos en que se leve a cabo servíndose da súa relación xeráquica con persoa e/ou persoa con contrato laboral non indefinido, a sanción aplicarase no seu grao máximo.

O comité de empresa, xunta de persoal, sección sindical, ou representante dos/das traballadores/as e da dirección de persoal da empresa velarán polo dereito á intimidade do traballador/a afectado/a procurando silencia-la súa intimidade, cando así fose requirido.

Dada a falta de normativa existente poderase segui-la descrición de sancións incluídas na Lei de infraccións e sancións na orde social do 7 de abril de 1988.

Artigo 35º.-Período de proba.

Poderase concertar por escrito un período de proba que en ningún caso poderá exceder de seis meses para os técnicos titulados, nin de tres meses para os demais traballadores, salvo para os non cualificados; en tal caso a duración máxima será de 15 días laborables.

O empresario e o traballador están, respectivamente, obrigados a realiza-las experiencias que constitúan o obxecto da proba.

Durante o período de proba o traballador terá os dereitos e obrigas correspondentes á súa categoría profesional e o posto de traballo que desempeñe, coma se fose do cadro de persoal, salvo os derivados da resolución da relación laboral que se poderá producir por instancia de calquera das partes durante o seu transcurso.

Transcorrido o período de proba sen que se produza o desestimento, o contrato producirá plenos efectos e computarase o tempo dos servicios prestados na antigüidade do traballador na empresa.

A situación de incapacidade transitoria que afecte ó traballador durante o período de proba interrompe o cómputo do mesmo sempre que se produza acordo entre ámbalas partes.

Disposición transitoria.

Para o non previsto no presente convenio, haberase que ater ó que se sinala na orde ministerial do 24 de xullo de 1971, mentres non sexa derrogada e ámbalas partes acorden substituíla mediante acordo colectivo, Lei orgánica de liberdade sindical e Estatuto dos traballadores.

Disposición derradeira.

Cláusula de submisión ó A.G.A.

Dada a importancia que pode ter para a resolución pacífica de conflictos laborais a elaboración do acordo galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos colectivos de traballo A.G.A. asinado entre a Confederación de Empresarios de Galicia e as organizacións sindicais UGT, CC.OO. e CIG as partes asinantes deste convenio durante a súa vixencia acordan someterse ás disposicións contidas no A.G.A. nos propios termos en que están formulados.

Táboa salarial

-Grupo primeiro: 91.636 ptas./mes.

Director.

Titulado de grao superior.

-Grupo segundo: 81.110 ptas./mes.

Xefe administrativo.

Contable.

Xefe de división.

Xefe de taller.

Xefe de persoal.

Xefe de compras.

Xefe de vendas.

Xefe de sucursal.

Xefe de almacén.

Xefe de servicio mercantil.

Encargado de establecemento.

Grupo terceiro: 80.607 ptas./mes.

Titulado de grao medio.

-Grupo cuarto: 76.586 ptas./mes.

Intérprete.

Delineante.

Escaparatista.

Profesional de oficio de primeira.

Oficial administrativo.

Caixeiro.

Viaxante.

Dependente.

Axudante

-Grupo quinto: 74.731 ptas./mes.

Mozo especializado.

-Grupo sexto: 74.680 ptas./mes.

Auxiliar administrativo.

Profesional de oficio de segunda.

-Grupo sétimo: 73.546 ptas./mes.

Profesional de oficio de terceira.

Vixilante sereno.

Ordenanza porteiro.

Cobrador.

Conserxe.

Empaquetador.

Mozo.

Telefonista.

-Grupo oitavo: 73.546 ptas./mes.

Limpadora.

95-05738