Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Luns, 16 de outubro de 1995 Páx. 7.636

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 266/1995, do 29 de setembro, polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola obra: conexión de Cambados coa rede viaria de alta capacidade. Clave: N/PO/90.4.8.

Con data 13 de xullo de 1995 o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda aprobou o expediente de información pública do correspondente estudio informativo.

Con data 13 de setembro do 1995 o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda aprobou o proxecto da obra: conexión de Cambados coa rede viaria de alta capacidade. Clave: N/PO/90.4.8.

Os bens e dereitos nos que se concreta a declaración de urxente ocupación aparecen recollidos e valorados no citado proxecto.

A competencia para efectua-la declaración de urxente ocupación tena atribuída a Xunta de Galicia en virtude do artigo 2 do Decreto 156/1982, do 15 de decembro, sobre asunción de transferencias en materia de estradas e a súa asignación á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, considerándose xustificada a referida declaración por estar incluída nas actuacións programadas no itinerario, contando coa financiación da Unión Europea.

En virtude de todo o exposto e en aplicación do artigo 28.2º do Estatuto de Autonomía de Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, en relación co previsto no artigo 8 da Lei 25/1988, de 29 de xullo, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e previa deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de setembro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declara-la utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios e que se concretan no expediente administrativo instruído, a efectos de expropiación no proxecto das obras: conexion de Cambados coa rede viaria de alta capacidade. Clave: N/PO/90.4.8.

Santiago de Compostela, vintenove de setembro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda

6382