Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Venres, 13 de outubro de 1995 Páx. 7.594

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 258/1995, do 5 de outubro, polo que se modifica o Decreto 199/1995, do 10 de maio, polo que se crea o rexistro xeral de contratistas da Comunidade Autónoma.

O Decreto 199/1995, do 10 de maio, crea o rexistro xeral de contratistas da Comunidade Autónoma.

A posterior publicación e entrada en vigor da Lei 13/1995, de contratos das administracións públicas, esixe a adaptación de determinados preceptos do decreto citado á nova regulación legal.

É por iso polo que, a proposta da Consellería de Industria e Comercio, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, reguladora da Xunta e do seu presidente, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día cinco de outubro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o Decreto 199/1995, do 10 de maio, polo que se crea o rexistro xeral de contratistas da Comunidade Autónoma, nos seguintes extremos:

1. O número terceiro da letra a) do artigo 5 queda redactado do seguinte xeito:

«Os contratistas estranxeiros presentarán os seus documentos constitutivos traducidos de forma oficial ós idiomas galego ou castelán.

Ademais, as empresas de estados non membros da Unión Europea deberán acreditar mediante certificado expedido pola embaixada de España no país respectivo que, conforme a súa lexislación, teñen capacidade para contratar e obrigarse.

Así mesmo deberán acreditar, se é o caso, mediante informe da embaixada de España respectiva, que o país da súa procedencia admite a súa vez a participación de empresas españolas na contratación coa Administración en forma substancialmente análoga. Se se trata de contratos de obras, a empresa deberá facer declaración de ter aberta unha sucursal domiciliada en España e acredita-la súa inscrición e a dos apoderamentos outorgados no Rexistro Mercantil.

Os empresarios non españois de estados membros da Unión Europea deberán acredita-la súa inscrición nun rexistro profesional ou comercial cando este requisito sexa esixido pola lexislación do Estado respectivo.

Tódolos contratistas estranxeiros deberán aportar declaración solemne de sometemento á xurisdicción dos xulgados e tribunais españois para a resolución de calquera incidencia que puidera surxir no contrato.

Os documentos referidos neste apartado poderán presentarse en orixinal ou mediante copias que teñan o cáracter de auténticas, de conformidade co establecido na lexislación vixente».

2. O número primeiro da letra b) do artigo 5 queda redactado como segue:

«Declaración responsable outorgada ante autoridade administrativa, notario público ou organismo profesional cualificado de non estar incurso o licitador en ningún dos supostos de prohibición para contratar previstos na normativa vixente en materia de contratación».

3. A letra c) do artigo 5 queda redactada do seguinte xeito:

«1. Certificación acreditativa de estar ó corrente do cumprimento das obrigas tributarias impostas polas disposicións vixentes, así como certificación expresiva da alta no imposto de actividades económicas, con especificación do epígrafe ou epígrafes correspondentes.

2. Certificación acreditativa de estar ó corrente no cumprimento das obrigas de Seguridade Social impostas polas disposicións vixentes.

O anterior non eximirá ós licitadores de lle achegaren ás súas proposicións, en sobre aparte, a documentación acreditativa de atoparse ó corrente do cumprimento das súas obrigas tributarias e Seguridade Social, de conformidade co esixido pola lei».

Disposición transitoria

1. As certificacións expedidas polo Rexistro de Contratistas de Obras da Comunidade Autónoma creado polo Decreto 352/1986, do 16 de outubro, conservarán a súa validez polo período que nelas se expresa.

2. Non obstante, os contratistas ós que se refire o número anterior que desexen acollerse ó establecido a este decreto deberán formular nova e expresa solicitude.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de outubro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

95-06314