Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Mércores, 11 de outubro de 1995 Páx. 7.590

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

TRIBUNAL SUPERIOR DE XUSTIZA DE GALICIA

EDICTO do 28 de setembro de 1995 polo que se anuncia concurso para cubrir prazas en réxime de provisión temporal, de diversas secretarías de xulgados.

A Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia da Coruña, na súa reunión do día de hoxe, e de acordo co previsto na Lei orgánica do poder xudicial, en uso das autorizacións outorgadas pola Dirección Xeral de Relacións coa Administración de Xustiza, acordou convocar concurso para cubrir prazas, en réxime de provisión temporal, de secretarías de xulgados, conforme as seguintes bases:

Primeira.-As prazas que se van cubrir corresponden ás secretarías dos xulgados de primeira instancia e instrucción de Arzúa, Carballo número dous, Corcubión número dous, Muros e Ribeira número un na provincia da Coruña; Becerreá e Viveiro número un na provincia de Lugo; O Barco, Verín número dous e Xinzo de Limia na provincia de Ourense; e Cam

bados número un e Cangas número un na provincia de Pontevedra.

Segunda.-Poderán tomar parte neste concurso aqueles solicitantes que, o día no que remate o prazo de admisión, cumpran o requisito de seren licenciados en dereito e os demais que se esixen para o ingreso no corpo de secretarios xudiciais.

Terceira.-Para a adxudicación destas prazas terase en conta a preferencia que establece o artigo 482.1º da Lei orgánica do poder xudicial, e aplicaráselles ós secretarios o dito precepto.

Cuarta.-Os concursantes nomeados quedarán suxeitos durante o tempo en que desempeñen o cargo ó estatuto xurídico do corpo de secretarios xudiciais e terán dereito a percibi-las remuneracións regulamentarias.

Quinta.-Os nomeamentos serán por un ano, que se poderá prorrogar por outro máis, conforme o mesmo procedemento, e os designados cesarán polas causas que establece o artigo 433 da devandita lei orgánica.

Sexta.-Os que desexen tomar parte neste concurso poderán dirixi-las súas instancias ó presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (Pazo de Xustiza, Praza de Galicia, s/n, 15004 A Coruña), mediante a súa presentación na secretaría de goberno do dito tribunal, ou utilizando calquera das modalidades previstas no artigo 38 da Lei de procedemento administrativo, dentro do prazo de dez días naturais a partir da publicación desta convocatoria. As instancias e documentos presentaranse por duplicado, e faranse consta-los seguintes datos:

a) Nome, apelidos, idade, número do documento nacional de identidade, enderezo e teléfono.

b) Manifestación expresa de que o solicitante reúne todos e cada un dos requisitos esixidos nesta convocatoria, con referencia á data en que expire o prazo de presentación de instancias, e tamén de que se compromete a presta-lo xuramento ou promesa que establece o artigo 33 da Lei orgánica do poder xudicial e de non estar incurso en ningunha das causas de incompatibilidade a que se refiren os artigos 389 e seguintes en relación co 471 da dita lei.

c) Indicación concreta da praza ou prazas, por orde de preferencia, a que aspiren de entre as convocadas a concurso.

d) Relación de méritos, que se considere oportuno alegar, determinantes de preferencia coa documentación xustificativa do expediente académico do solicitante.

e) Compromiso de tomar posesión da praza para a que sexa nomeado nos prazos previstos polas disposicións legais, unha vez prestado o xuramento ou promesa mencionado.

A Coruña, 28 de setembro de 1995.

José Ramón Vázquez Sandes

Presidente da Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia