Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Luns, 09 de outubro de 1995 Páx. 7.486

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 18 de setembro de 1995, da Dirección Xeral de Universidades e Investigación, pola que se adxudican as axudas para o establecemento de convenios de colaboración con institucións públicas e privadas sen fins e lucro para a realización de programas de investigación convocados por Orde do 20 de marzo de 1995 (DOG do 6 de abril).

Por Orde do 20 de marzo de 1995 (DOG do 6 de abril), apróbanse as bases que rexerán a convocatoria de axudas para o establecemento de convenios de colaboración con institucións públicas e privadas sen fins de lucro para a realización de programas de investigación.

Na súa virtude, de acordo co establecido nas bases da convocatoria e atendendo á proposta elaborada pola Comisión de Selección de Política Científica creada polo Decreto 160/1991, do 16 de maio (DOG do 28 de maio) e orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 27 de xullo de 1994 (DOG do 10 de agosto), esta dirección xeral,

RESOLVE:

Primeiro.-Concede-las axudas que a continuación se relacionan e para a finalidade que se indica en cada caso:

-Universidade da Coruña. Programa: «Bolsas posdoutorais para investigadores da Universidade da Coruña». Contía da axuda: 7.000.000 de ptas.

-Universidade de Santiago de Compostela. Programa: «Bolsas posdoutorais para investigadores da Universidade de Santiago de Compostela». Contía da axuda: 9.000.000 de ptas.

-Fundación Caixa Galicia-Claudio San Martín. Programa: «Bolsas para a formación de investigadores de Galicia en Francia». Contía da axuda: 8.000.000 de ptas.

Segundo.-De acordo co disposto no artigo 5 da orde da convocatoria, as axudas formalizaranse nun convenio específico que se subscribirá entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e cada unha das institucións beneficiarias.

Terceiro.-Unha vez rematado o curso 1995/1996 e no prazo máximo de dous meses, as institucións beneficiarias deberán remitirlle á Dirección Xeral de Universidades e Investigación unha memoria na que se detalle o investimento das axudas concedidas.

Cuarto.-A inobservancia por parte dos beneficiarios de calquera das bases establecidas na Orde de convocatoria do 20 de marzo de 1995 suporá a perda do dereito a percibi-la subvención correspondente.

Quinto.-Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso ordinario ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo de un mes contado a partir da publicación da presente resolución no DOG, de acordo co disposto nos artigos 114 e seguintes da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira

A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 1995.

José Manuel Touriñán López

Director xeral de Universidades e Investigación

95-5127