Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Luns, 09 de outubro de 1995 Páx. 7.485

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 27 de setembro de 1995 pola que se delegan atribucións en materia de urbanismo nos delegados provinciais.

A Lei 7/1995, do 29 de xuño, de delegación e distribución de competencias en materia de urbanismo, no seu artigo 11, establece que ó conselleiro competente en materia urbanística correspóndelle o exercicio das competencias que en materia de urbanismo lle corresponden á Comunidade Autónoma e que pola propia lei non se atribúan expresamente a outros órga

nos urbanísticos. Así mesmo, no seu artigo 9 prevé a posibilidade de que os órganos urbanísticos da Xunta de Galicia deleguen o exercicio das súas competencias nos termos previstos nos artigos 43 e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente.

A delegación competencial nos órganos periféricos desta consellería ten a finalidade de conseguir unha xestión máis áxil e eficaz, en beneficio tanto do funcionamento da Administración como dos administrados. Con isto preténdese lograr unha xestión máis acorde cos principios de economía, celeridade e eficacia que deben presidi-la actuación administrativa.

As atribucións obxecto da delegación son, na súa meirande parte, as que correspondían ás xa desaparecidas Comisións Provinciais de Urbanismo (outorgamento de autorizacións, actuacións por subrogación, etc.). Así mesmo, delégase a atribución para emiti-los informes preceptivos que determina a Lei 7/1995, do 29 de xuño, exclusivamente nos supostos de plans parciais e plans especiais que desenvolvan e se axusten ás determinacións do planeamento xeral municipal; quedando en todo caso excluídos da delegación os supostos de plans xerais, normas subsidiarias, programas de actuación e plans especiais que non desenvolvan ou non se axusten ás determinacións do planeamento xeral -que corresponderá informar ó conselleiro-, así como os supostos de estudios de detalle e proxectos de urbanización -que deben entenderse excluídos da aplicación da disposición adicional primeira da Lei 7/1995, do 29 de xuño, dadas as súas funcións limitadas a complementar ou executar, respectivamente, a ordenación

urbanística prevista no planeamento xeral ou parcial-.

Na súa virtude, e en uso das facultades conferidas polo artigo 43.3º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Deléganse nos delegados provinciais da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, no seu respectivo ámbito territorial, as atribucións que corresponden ó conselleiro en virtude da lexislación urbanística vixente, nos seguintes supostos:

1. Emiti-los informes preceptivos que determina a Lei 7/1995, do 29 de xuño, nos supostos de plans parciais e plans especiais que desenvolvan e se axusten ás determinacións do planeamento xeral municipal.

2. Actuar por subrogación, logo da solicitude do interesado, no exercicio das competencias urbanísticas que corresponden ós concellos como competencias propias e non atribuídas por delegación, nos supostos e cos requisitos previstos na lexislación vixente.

3. Aproba-los expedientes de expropiación forzosa nos supostos de procedementos de taxación conxunta.

4. Outorgar autorizacións para a constitución das servidumes a que fai referencia o artigo 211 do Real

decreto lexislativo 1/1992, do 26 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre réxime do solo e ordenación urbana.

5. Outorgar autorizacións para edificacións de utilidade pública ou interese social que teñan que emprazarse no medio rural, segundo o procedemento previsto no artigo 42 da Lei 11/1985, do 22 de agosto, de adaptación da do solo a Galicia.

6. Exerce-las funcións de inspección urbanística e adopta-las medidas de protección da legalidade urbanística nos supostos previstos na lexislación urbanística vixente, e en particular, no artigo 50 da Lei 11/1985, de adaptación da do solo a Galicia.

7. Leva-lo rexistro de entidades urbanísticas colaboradoras.

Artigo 2º

Os actos dictados por delegación farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse como propios do órgano delegante que, en calquera momento, poderá revoga-la delegación outorgada.

Artigo 3º

O conselleiro poderá, en calquera momento, avocar para si o coñecemento dun asunto de conformidade co disposto no artigo 14 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ó establecido nesta orde.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 1995.

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda

6031