Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Venres, 22 de setembro de 1995 Páx. 7.157

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 21 de setembro de 1995 pola que se aproban as bases que rexerán no contrato de distribución en exclusiva, para fóra de Galicia, das obras que integran o fondo editorial da Xunta de Galicia.

Por orde desta consellería do 8 de xuño de 1992, publicada no DOG nº 118 do 22 de xuño, aprobábanse as bases que rexerán nos contratos de distribución en exclusiva das obras que integran o fondo editorial da Xunta de Galicia.

A base quinta das aprobadas pola mencionada orde estableceu o ámbito do contrato da distribución exclusiva ó territorio da Comunidade Autónoma.

Cómpre agora aproba-las bases que rexerán nos contratos de distribución exclusiva para calquera lugar de fóra de Galicia, das obras do fondo editorial da Xunta de Galicia.

Por isto,

DISPOÑO:

Artigo único.-Apróbanse as bases que figuran como anexo á presente orde, e que rexerán nos contratos de distribución en exclusiva para fóra de Galicia das obras que integran o fondo editorial da Xunta de Galicia.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan total ou parcialmente ó disposto na presente orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 1995.

Dositeo RodrÍguez RodrÍguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

ANEXO

Bases que rexerán nos contratos de distribución exclusiva para fóra de Galicia das obras que integran o fondo editorial da Xunta de Galicia.

1. A Xunta de Galicia adxudicará mediante contrato a distribución do fondo de publicacións de tódalas consellerías e organismos dependentes delas, en réxime de exclusividade.

2. Quedarán excluídas do fondo de publicacións aquelas obras que sexan obxecto de coedición con outros organismos públicos ou outras empresas, sempre que no correspondente contrato de coedición se especifique a distribución.

3. A Xunta de Galicia manterá, sen prexuízo dos efectos derivados do contrato de distribución exclusiva:

a) O dereito de fixa-lo número de exemplares que, de cada edición e título, serán obxecto de distribución e venda ó público, que poderá acadar ata un máximo dun 70% da tirada total.

b) A iniciativa para fixar ou modifica-lo prezo de venda ó público do seu fondo editorial.

4. A Xunta de Galicia comprométese a substituí-los exemplares defectuosos, sempre que dispoña de exemplares en bo estado, sen cargo ningún para a empresa distribuidora.

5. A empresa distribuidora obrígase á distribución do fondo editorial da Xunta de Galicia en toda España agás no territorio da Comunidade Autónoma, garantindo o transporte e/ou reparto de exemplares baixo o seu exclusivo cargo a tódolos lugares e o regular fornecemento de exemplares a tódolos puntos onde se vendan regularmente obras de edicións oficiais ou onde llelos soliciten.

A obriga expresada anteriormente será extensible ó envío de exemplares que sexan solicitados directamente por libreiros á Xunta de Galicia.

A empresa adxudicataria virá, igualmente, obrigada a ter todo o fondo editorial da Xunta de Galicia alomenos nunha librería nas cidades de máis de 200.000. habitantes.

6. A empresa distribuidora obrígase a recoller alomenos 10 exemplares de tódolos libros venais publicados pola Xunta de Galicia.

7. A Xunta de Galicia comprométese a aboarlle como contraprestación á empresa distribuidora o 50% do prezo de venda ó público, sen IVE, das obras súas que fosen obxecto de venda efectiva, sen que ésta poida reclamar ningunha outra cantidade polo servicio de distribución contratado ou polos riscos derivados do depósito, que correrán por conta exclusiva dela.

A empresa distribuidora fará efectiva a percepción da porcentaxe indicada como contraprestación polo servicio efectivamente prestado, mediante a correspondente retención na cantidade total liquidada, deixando constancia dela na carta de liquidación.

8. A empresa distribuidora deberá render liquidación semestral á Xunta de Galicia de tódalas obras obxecto de distribución. Esta liquidación, así como o estado de existencias, seranlle presentados á Xunta de Galicia dentro do mes seguinte ó remate de semestre (xullo para o primeiro semestre e xaneiro do ano

seguintes ó da presentación da liquidación. Se a Xunta de Galicia non contesta nese prazo, enténdese que existe acordo.

No prazo de 30 días naturais contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acordo (expreso ou tácito) coa liquidación, a empresa distribuidora fará o pagamento do importe da conta de liquidación, o que ingresará na entidade e conta bancaria que se lle indique oportunamente a favor da Xunta de Galicia.

9. A Xunta de Galicia reserva para si o dereito de verifica-las existencias dos seus fondos e de contrata-la regular distribución das obras que os integren.

10. A duración deste contrato queda fixada en dous anos contados desde a data da súa sinatura, prorrogables por iguais períodos, a non ser que unha das partes o denuncie dous meses antes do seu vencemento.

11. En garantía do cumprimento das súas obrigas e da eficacia das responsabilidades nas que poida incorrer, a Xunta de Galicia esixiralle á empresa distribuidora garantía abonda, mediante a prestación de fianza definitiva por importe de 250.000 pesetas.

12. A contratación a que fan referencia as presentes bases terá carácter privado, rexéndose, en canto a súa preparación e adxudicación, polas normas contidas na Lei 13/1995, do 18 de maio, de contratos das administracións públicas, e polas normas de dereito privado no que atinxe ós seus efectos e extinción.

13. As empresas licitadoras poderán presentar melloras no que respecta ós seguintes extremos:

13.1. Distribución sen cargo para o destinatario de obras editadas pola Xunta de Galicia. Pódese ofertar prezo da distribución, medio que se utilizará e prazo de entrega. O prezo por envío, se o houbese, descontaríase da liquidación semestral.

13.2. Publicidade que a empresa distribuidora realizaría dos fondos da Xunta de Galicia.

13.3. Localidades que abranguería a distribución.

13.4. Inclusión das publicacións da Xunta de Galicia en boletíns informativos, correo directo e outros sistemas de divulgación.

9506098