Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Mércores, 20 de setembro de 1995 Páx. 7.098

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA

RESOLUCIÓN do 7 de agosto de 1995, da Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental, pola que se incoa expediente para a delimitación do entorno do Pazo de Oca, concello da Estrada, provincia de Pontevedra.

Por Real decreto do 15 de xaneiro de 1982, Boletín Oficial del Estado, do 24 de marzo, foi declarado ben de interese cultural con categoría de monumento histórico artístico o Pazo de Oca, concello da Estrada, provincia de Pontevedra.

Sendo a devandita declaración anterior á entrada en vigor da Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español, cómpre na actualidade concreta-la delimitación da súa contorna.

En consecuencia, e vistos os informes dos servicios técnicos e órganos consultivos, favorables a incoación do expediente para a delimitación da contorna do Pazo de Oca, concello da Estrada, provincia de Pontevedra. Esta dirección xeral,

RESOLVE:

Primeiro.-Ter por incoado expediente para a delimitación da contorna do Pazo de Oca, no concello da Estrada, provincia de Pontevedra.

Protexer este monumento e a zona afectada pola incoación, sendo a súa delimitación a seguinte:

A delimitación da contorna de protección descríbese graficamente mediante trazo discontinuo no plano

adxunto, está formada pola liña envolvente: 1-2-3-4-5-6-7-8-9-10-11-12-1, e a súa descrición é a seguinte:

Comeza no cruzamento da estrada que vén de Pedrado e vai a Rendo e Basteiros coa que leva á praza do pazo (punto 1); segue por esta última estrada 200 metros dirección sur, ata o cruzamento coa estrada que leva á praza (punto 2); segue 300 metros pola estrada de Oca de Riba ata o cruzamento co camiño que baixa á praza (punto 3); desde alí en liña recta e dirección sur 400 metros ata o cume do outeiro Cotiño (punto 4); desde alí en liña recta uns 200 metros en prolongación da dirección anterior ata o cume do outeiro de Chancelas, atravesando o río dos Badoucos e a fraga da Pechada pola presa nova (punto 5); segue en liña recta, en dirección sudoeste 500 metros ata o cume do outeiro situado ó sur das propiedades do pazo a 100 metros da estrada de Barcia a Rocaforte preto da parada do autobús e un vertedoiro existente sobre o río (punto 6); segue en liña recta en dirección oeste 250 metros ata o cruce da devandita estrada coa que leva a Basteiros e ó mesmo pazo (punto 7); segue pola

estrada do pazo ata a ponte Riobó (punto 8); segue pola mesma estrada ata o cruzamento coa estrada de Basteiros e Ribadulla (punto 9); segue por esta última estrada 250 metros ata o cruzamento co camiño que baixa ó río (punto 10);

desde alí en liña recta ata o outeiro de Rendo (punto 11), desde alí polo camiño de Rendo ata o cruzamento co camiño de Pedrada (punto 12); segue por este último camiño ata o punto de partida, pechando así a delimitación da contorna.

Segundo.-Segui-la tramitación do expediente segundo as disposicións vixentes.

Terceiro.-Dar traslado da resolución ó alcalde da Estrada-Pontevedra e notificarlle que o outorgamento das novas licencias de obras e a execución das xa concedidas antes de incoarse o expediente, precisarán resolución favorable da Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental.

Cuarto.-Notifica-la presente resolución ó dono do pazo, ó Rexistro de Bens de Interese Cultural do Ministerio de Cultura, e ó Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia.

Quinto.-Que a presente resolución sexa publicada no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado, abríndose un período de información pública de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de agosto de 1995.

Ángel Sicart Giménez

Director xeral do Patrimonio Histórico e Documental

4901