Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Mércores, 20 de setembro de 1995 Páx. 7.091

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

RESOLUCIÓN do 31 de agosto de 1995 pola que se fai público o convenio específico de colaboración entre o Instituto da Pequena e Mediana Empresa Industrial, a Consellería de Industria e Comercio da Comunidade Autónoma de Galicia e o Instituto Galego de Promoción Económica para a execución do programa de financiamento previsto na Iniciativa Peme de desenvolvemento industrial.

Dentro da liña de actuación do Igape para 1995 de cara a mellora-las condicións de financiamento das pequenas e medianas empresas de Galicia, subscríbese o presente convenio en desenvolvemento do convenio marco de colaboración, suscrito o 25 de novembro de 1994 entre o Ministerio de Industria e Enerxía e a Comunidade Autónoma de Galicia, co obxecto de coordina-las actuacións públicas de ámbalas dúas administracións en materia de apoio á Peme.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Artigo único.-Co obxecto de darlle unha adecuada difusión e de que sexa de xeral coñecemento, faise público o contido do dito convenio.

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 1995.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

Convenio específico de colaboración entre o Instituto da Pequena e Mediana Empresa Industrial, a Consellería de Industria e Comercio da Comunidade Autónoma de Galicia e o Instituto Galego de Promoción Económica para a execucion do programa de financiamento contemplado na iniciativa Peme de desenvolvemento industrial

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 1995.

Reunidos:

Antonio García Tabuenca, actuando en representación do Instituto da Pequena e Mediana Empresa Industrial (IMPI) na súa calidade de director xeral, cargo que ostenta en virtude do nomeamento efectuado polo Real decreto 1064/1994, do 20 de maio.

Antonio Couceiro Méndez, actuando en representación da Comunidade Autónoma de Galicia, en calidade de Conselleiro de Industria e Comercio, cargo que ostenta en virtude do nomeamento efectuado polo Decreto 101/1994, do 2 de maio.

José Antonio Orza Fernández, actuando en representación do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), na súa calidade de presidente, representación nata que lle corresponde pola súa condición de conselleiro de Economía e Facenda de acordo coa Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Igape

e co Decreto 317/1992, do 12 de novembro polo que se aproba o seu regulamento.

Jorge González Gurriarán, na súa calidade de director xeral do Igape e segundo acordo do consello de dirección do dito ente con data 23 de xuño de 1995.

EXPOÑEN:

1. Que con data 25 de novembro de 1994, o Ministerio de Industria e Enerxía e a Comunidade Autónoma de Galicia, acordaron o convenio marco de colaboración que ten por obxecto coordina-las actuacións públicas de ámbalas dúas administracións en materia de apoio á Peme.

2. Que no citado convenio marco contémplase a posibilidade de asinar convenios específicos de colaboración para estende-la colaboración de ámbalas dúas administracións ós programas concretos da Iniciativa Peme de desenvolvemento industrial, determinando todos aqueles aspectos que fagan operativa a colaboración.

3. Que o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), como axencia de desenvolvemento rexional da Comunidade Autónoma de Galicia, se concibe como instrumento básico da Xunta de Galicia para impulsa-lo desenvolvemento competitivo do sistema productivo galego.

4. Que as partes consideran de interese público coordinar na Comunidade Autónoma de Galicia, as actuacións correspondentes á concesión de axudas para a promoción, xestión, colaboración e implantanción da Iniciativa Peme de desenvolvemento industrial nos seus diferentes programas.

En consecuencia, establécese o presente convenio conforme as seguintes:

CLAÚSULAS

Primeira.-De conformidade co expresado no convenio marco subscrito entre o Ministerio de Industria e Enerxía e a Consellería de Industria e Comercio da Comunidade Autónoma de Galicia en representación da Xunta de Galicia, as partes acordan colaborar conxuntamente no desenvolvemento das actividades previstas no presente convenio.

Segunda.-A expresada colaboración consistirá na realización conxunta das actividades relacionadas no programa de apoio ó financiamento da Iniciativa Peme de desenvolvemento industrial, que recolle a orde ministerial de 8 de maio de 1995 (BOE 23-5-1995).

As condicións particulares que o IMPI, a Consellería de Industria e Comercio e o Igape establecen para o desenvolvemento deste programa no ano 1995 recóllense no anexo ó presente convenio.

Terceira.-Para levar a cabo a execución deste programa, o Instituto da Mediana e Pequena Empresa Industrial e a Consellería de Industria e Comercio da Comunidade Autónoma de Galicia, ámbalas dúas no ámbito das súas competencias, acordan designar como entidade colaboradora o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

Cuarta.-A entidade colaboradora actuará para tódolos efectos relacionados coas axudas consideradas no presente convenio, en nome e por conta do IMPI e da Consellería de Industria e Comercio e rexerase polo establecido no presente convenio, polas bases reguladoras da orde ministerial do 8 de maio de 1995, así como o establecido no artigos 81 e 82 da Lei xeral orzamentaria.

Quinta.-A entidade colaboradora, xunto ás obrigas que establece o artigo 81.5º da Lei xeral orzamentaria, terá as seguintes:

a) Desenvolver actividades de promoción, difusión e información dos programas da Iniciativa Peme de desenvolvemento industrial no ámbito da Comunidade Autónoma.

b) Avalia-las solicitudes de axuda dos diferentes programas de financiamento que se presenten no ámbito da Comunidade Autónoma para o seu estudio e posterior proposta de subvención pola comisión mixta de seguemento do convenio marco.

c) Desenvolver cantas actuacións de xestión dos programas estean previstas nas normas que os regulan.

d) Colaborar co IMPI e a Consellería de Industria e Comercio no seguemento e control dos proxectos apoiados no ámbito da Comunidade Autónoma.

A entidade colaboradora verificará a realización dos investimentos obxecto da subvención, e reclamará ás entidades prestamistas os xustificantes que considere necesarios.

En todo caso, o IMPI terá a facultade de verifica-la realización dos investimentos obxecto da subvención.

e) No caso de incumprimento por parte do beneficiario das obrigas impostas na resolución da subvención, informará a empresa e o IMPI do incumprimento para que se poida proceder de acordo coa normativa vixente.

Sexta.-A entidade colaboradora disporá dunha conta de carácter finalista recoñecida ante o tesouro na que se ingresarán os fondos necesarios para o pagamento das subvencións concedidas. En ningún caso estes fondos nin os xuros que se produzan se considerarán integrados no patrimonio da entidade colaboradora.

Logo de petición razoada, os fondos serán entregados periodicamente polo IMPI e pola Comunidade Autónoma de Galicia nas porcentaxes acordadas, e non podendo en ningún caso supera-lo importe das axudas aprobadas pola comisión mixta de seguemento do convenio marco de colaboración.

Como mecanismo de comprobación do uso dos fondos recibidos trimestralmente, se é o caso, con carácter previo ás sucesivas transferencias, a entidade colaboradora remitirá ó IMPI e á Comunidade Autónoma de Galicia a documentación precisa e acreditada da ampliación dos ditos fondos, así como das comprobacións efectuadas do cumprimento por parte dos beneficiarios.

Todo iso sen prexuízo das actuacións de comprobación que se prevén no apartado d) do artigo 81.5 da Lei xeral orzamentaria.

Ámbalas dúas administracións poderán verificar directamente, cando o consideren oportuno, os investimentos efectuados.

Sétima.-As aportacións tanto do IMPI como da Consellería de Industria e Comercio e do Igape para o financiamento dos diferentes programas estarán limitadas á existencia de crédito dispoñible nos respectivos conceptos orzamentarios de cada exercicio económico.

Oitava.-De conformidade co acordado no convenio marco de colaboración, constituirase unha comisión mixta de seguemento do presente convenio, integrada por representantes do IMPI, a Consellería de Industria e Comercio e o Igape. A comisión mixta actuará como órgano coordinador das actuacións para o desenvolvemento do presente convenio e terá as seguintes funcións:

a) Analizar e coordina-las actuacións e actividades que se executen en virtude do presente convenio.

b) Acorda-la proposta de concesión das axudas correspondentes ás actividades do programa de apoio ó financiamento da Iniciativa Peme na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Realiza-lo seguemento da aplicación do programa de apoio ó financiamento na Comunidade Autónoma de Galicia, e informar sobre o desenvolvemento deste.

d) Interpreta-lo presente convenio e dar solución ás dúbidas e controversias que puideran producirse no cumprimento deste.

A comisión mixta de seguemento reunirase cantas veces se estime necesario, e polo menos unha vez cada trimestre.

A secretaría da comisión mixta de seguemento corresponderá ó Igape.

Novena.-En canto ó procedemento de concesión das axudas a que se refire o presente convenio haberá que aterse ó artigo 8 da Orde de 8 de maio de 1995.

Décima.-O presente convenio terá a mesma vixencia cá iniciativa Peme de desenvolvemento industrial, ata a completa xustificación dos fondos transferidos, se ben calquera das partes poderá denunciarlo, e poñelo en coñecemento doutra polo menos, con un mes de antelación á data na que desexara deixalo sen efecto.

As modificacións que, se é o caso, introduzan as partes nas condicións particulares deste convenio, recolleranse con carácter anual en forma de addendas.

Undécima.-Corresponde á comisión mixta de seguemento do convenio marco de cooperación a interpretación do presente convenio e a resolución das dúbidas que poidan xurdir na súa aplicación.

Duodécima.-O presente convenio ten natureza administrativa e corresponde á xurisdicción contencioso-administrativa a competencia para coñecer dos conflictos ós que a execución deste dese lugar.

E en proba de conformidade, asinan os intervenientes no lugar e data indicados.

Polo Instituto da Mediana e Pequena Empresa Industrial:

Antonio García Tabuenca.

Pola Consellería de Industria e Comercio:

Antonio Couceiro Méndez.

Polo Instituto Galego de Promoción Económica:

José Antonio Orza Fernández.

Jorge González Gurriarán.

ANEXO

CONDICIÓNS PARTICULARES QUE ESTABLECEN O IMPI, A CONSELLERIA DE INDUSTRIA E COMERCIO E O Igape PARA A EXECUCIÓN NO EXERCICIO 1995 DO PROGRAMA DE APOIO Ó FINANCIAMENTO DA INICIATIVA Peme DE DESENVOLVEMENTO INDUSTRIAL

A) Aportacións do IMPI:

Para o desenvolvemento deste programa no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, o IMPI destinará para o exercicio 1995 recursos suficentes para subsidiar préstamos e operacións de arrendamento financeiro por un importe de 5.000 millóns de pesetas, que se distribuirán entre as diferentes liñas como se indica a continuación:

-Liña de préstamos avalados para investimentos: 2.000 millóns de ptas.

-Liña de préstamos de reestructuración financeira: 1.000 millóns de ptas.

-Liña de arrendamento financeiro («leasing»): 2.000 millóns de ptas.

O importe de préstamos e operacións de arrendamento financeiro que subsidiará o IMPI ten o carácter de máximo. Non obstante, poderan redistribuirse as diferentes liñas con base na utilización deste, logo dun acordo das partes.

1. Préstamos avalados para investimentos.

Dentro das condicións fixadas na Orde de 8 de maio de 1995, o IMPI subsidiará con tres puntos porcentuais o tipo de xuro das operacións de préstamo destinadas ó financiamento dos proxectos de investimento incluídos na dita orde e que sexan concertadas ó abeiro dos convenios que, para estes efectos, sexan suscritos polo IMPI coas entidades de crédito. A subvención do tipo de xuro será aboada unha soa vez para toda a vida do préstamo e estará destinada a amortizar parte do principal.

2. Liña de préstamos avalados para reestructuración financeira.

Dentro das condicións fixadas na Orde de 8 de maio de 1995, o IMPI subsidiará con tres puntos porcentuais o tipo de xuros das operacións de préstamo destinados á reestructuración financeira que sexan concertadas ó abeiro dos convenios que, para estes efectos, sexan subscritos polo IMPI coas entidades de crédito. A subvención do tipo de xuros será aboado dunha soa vez para toda a vida do préstamo e estará destinada a amortizar parte do principal.

3. Liña de arrendamento financeiro.

Dentro das condicións fixadas na Orde do 8 de maio de 1995, o IMPI subsidiará con dous puntos porcentuais o tipo de interese das operacións de arrendamento financeiro incluídas na dita orde que sexan concertadas ó amparo dos convenios que, para estes efectos, sexan subscritos polo IMPI coas entidades de leasing. A subvención do IMPI aplicarase ós tres primeiros anos da vida do contrato, concederase unha soa vez e aplicarase á reducción do principal.

B) Aportación do Igape

1. O Igape asumirá parte do custo dos avais concedidos polas sociedades de garantía recíproca que operan na Comunidade Autónoma de Galicia para avala-los préstamos incluídos nas líñas de préstamos avalados para investimentos e préstamos para reestructuración financeira. A parte do custo dos referidos avais aportada polo Igape non poderá ser superior ó 1% sobre o risco vivo anual asumido polas ditas sociedades para cada aval.

2. O Igape subvencionará ata un 25% do risco asumido polas sociedades de garantía recíproca con domicilio social en Galicia nos avais concedidos para as operacións que se determinen no convenio que neste sentido subscribirá coas ditas sociedades. Con este fin destinarase durante o exercicio 1995 un importe máximo de 150 millóns de pesetas.

3. O Igape terá que aportar no exercicio 1995 unha cantidade mínima de 30 millóns de pesetas para incrementa-lo fondo de provisións técnicas das sociedades de garantía recíproca con domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia.

Polo IMPI:

Antonio García Tabuenca.

Pola consellería de Industria e Comercio:

Antonio Couceiro Méndez.

Polo Igape:

José Antonio Orza Fernández.

Jorge González Gurriarán.

95-6975