Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Luns, 11 de setembro de 1995 Páx. 6.893

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 28 de xullo de 1995 pola que se anuncia a celebración dun seminario internacional sobre avaliación do rendemento.

Dentro das actividades da Escola Galega de Administración Pública para 1995, figura a realización dun seminario internacional sobre avaliación do rendemento.

Obxecto.

Os días 28 e 29 de setembro de 1995 terá lugar, no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública, un seminario internacional sobre avaliación do rendemento.

O obxectivo deste seminario é proporcionarlle ós empregados públicos galegos unha panorámica da avaliación do rendemento no contexto dos procesos de modernización das administracións públicas que se están levando a cabo nos países do noso contorno cultural, que permita abordar con maiores elementos de xuízo os resultados das experiencias piloto levadas a cabo pola Xunta de Galicia.

Contido.

Trataranse, entre outras, as seguintes cuestións:

-A avaliación do rendemento e a xestión dos servicios públicos.

-A avaliación: un compoñente necesario na modernización do Estado.

-Mellora da eficacia organizativa.

-A avaliación do rendemento na Administración pública, a experiencia portuguesa.

-Medición e avaliación dos servicios de unidades da Administración pública.

-A avaliación do rendemento na Xunta de Galicia.

3. Destinatarios.

Persoal funcionario dos grupos A e B de calquera das Administracións públicas galegas, e interesados en xeral.

Desenvolvemento e duración.

O seminario abrirase o xoves, día 28 de setembro, ás 10 horas, e rematará na mañá do venres, día 29 de setembro.

Inscrición.

-Prazo: remata o luns, día 25 de setembro de 1995.

-Lugar de presentación: no rexistro xeral da EGAP (Polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15703, Santiago de Compostela). Tfno. 57 08 00. Telefax nº 57 15 40.

-Forma: as solicitudes de inscrición faranse por escrito, no modelo oficial que figura ó final destas bases. Serán rexeitadas todas aquelas peticións que non reúnan o dito requisito.

As peticións de admisión poderanse enviar por correo ordinario ou por telefax ó número consignado.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

A partir do 26 de setembro, os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando por teléfono en días laborables, das 11.30 ás 14.45 horas, ó seguinte número: (981) 57 08 00 (ext. 229), ou ben consultando a lista de admitidos que se expoñerá no taboleiro de anuncios da EGAP 24 horas despois do remate do prazo de presentación de solicitudes.

Certificación de asistencia.

Entregaráselles ó remate deste seminario a aqueles asistentes que concorresen asiduamente ó mesmo, e expresarase neste documento a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 1995.

Jaime Rodríguez-Arana Muñoz

Director da Escola Galega de Administración Pública

5898