Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Martes, 05 de setembro de 1995 Páx. 6.800

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 24 de agosto de 1995 pola que se convocan bolsas para cursar estudios de capacitación agraria durante o curso 1995-1996.

Co fin de lles posibilita-lo acceso e a continuidade nos estudios non obrigatorios a aquelas persoas que, demostrando aptitudes, carecen de medios económicos para cubriren os gastos derivados das ensinanzas, establécese unha liña de axuda económica en forma de bolsas, que trata de paliar na medida do posible a desigualdade de oportunidades existentes entre os xoves que desexan acceder ou continuar ensinanzas de capataces agrícolas, facendo posible desta forma que as persoas máis desfavorecidas economicamente teñan acceso a elas, mediante o principio de unidade de criterios e igualdade de oportunidades en toda a Comunidade Autónoma galega.

O obxectivo das axudas é o de compensa-las familias de rendas máis baixas das desvantaxes económicas que comporta a dedicación dun dos seus membros ó estudio para adquiri-la capacitación profesional necesaria para a súa instalación no sector como empresario cultivador directo e persoal, obreiro agrícola cualificado ou especialista en industrias agroalimentarias do sector.

Polo exposto, en virtude das atribucións que teño conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e os artigos 1 e 3 do Decreto 205/1990, do 15 de marzo,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse 110 bolsas dunha contía igual a 150.000 ptas. cada unha, destinadas a cubrir na medida do posible os gastos derivados da participación presencial dos xoves nas ensinanzas de formación agraria.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

As bolsas reguladas por esta orde poderán ser solicitadas por tódolos alumnos que accedan por primeira vez ou sigan cursos de ensinanzas de capataces (agrícolas ou forestais) non obrigatorios e posteriores á educación secundaria obrigatoria en centros da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

Artigo 3º.-Requisitos esixidos.

a) Ser cidadán de calquera país da Unión Europea.

b) Carecer de título académico que habilite para actividades profesionais agrarias, a menos que o dito título supoña un nivel ou grao inferior ó dos estudios que se pretenda realizar ou que estes estudios constitúan unha especialización dos xa realizados.

c) Contar cunha renda familiar que non supere os máximos sinalados nesta orde (850.000 ptas. por membro computable).

d) Reuni-los requisitos establecidos para quedar matriculado, se se trata do primeiro curso; e tratándose de acceder ó segundo, ter un máximo de dúas disciplinas pendentes.

e) Obter unha puntuación que o sitúe dentro das limitacións que supoñen os créditos globais consignados para esta finalidade, á que se chegará aplicando os criterios sinalados no anexo I.

f) Que o solicitante curse os seus estudios con carácter de interno nunha escola de capacitación agraria da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes ou habite noutra residencia fóra do domicilio familiar por non dispor de praza no internado do centro.

g) Que o solicitante se vexa obrigado a desprazarse desde o seu domicilio habitual ata o centro onde cursa os estudios, por peche deste as fins de semana.

h) Non desfrutar de bolsa para os mesmos fins, outorgada por outro organismo público.

Artigo 4º.-Obrigas dos beneficiarios.

a)Acreditar documentalmente que reúnen os requisitos esixidos para a concesión e desfrute da bolsa.

b)Destina-la bolsa á finalidade para a que se lles conceda.

c)Permiti-las comprobacións que a Administración teña por conveniente realizar sobre os datos aportados á solicitude.

Artigo 5º.-Formalización das solicitudes e prazo de presentación.

-As solicitudes irán dirixidas ó director xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural, acompañada da documentación complementaria xustificativa dos requisitos.

-A solicitude das axudas, para o curso 1995-1996, realizarase no modelo de impreso que, como anexo II, se une á presente orde. Presentarase preferentemente nas escolas de capacitación onde os alumnos cursen os seus estudios, ou ben por calquera das fórmulas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de un mes, contado a partir da entrada en vigor desta orde.

Rematado o prazo indicado, as solicitudes seranlle remitidas á Dirección Xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural para o seu estudio, valoración e posterior resolución polo director xeral.

Artigo 6º.

Para o estudio e proposta de concesión das bolsas obxecto da presente orde, constitúese unha comisión de valoración nomeada polo director xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural, composta por:

Presidente: o subdirector xeral de Extensión e Capacitación Agraria.

Vicepresidente: o xefe do Servicio de Extensión Agraria, que poderá substituí-lo presidente por decisión deste.

Vocais: dous funcionarios, con nivel de xefe de servicio, propostos polo director xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural.

Secretario: un funcionario da Subdirección Xeral de Extensión e Capacitación Agraria, con nivel de xefe de sección proposto polo director xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural.

Artigo 7º.-Valoración das solicitudes e proposta de resolución.

A comisión de valoración aplicaralles ás solicitudes presentadas en tempo e forma o baremo establecido no anexo I desta orde e proporalle ó director xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural a concesión de bolsas, en favor dos solicitantes que non estando excluídos do dereito a percibila por calquera das causas sinaladas, obtiveran a puntuación necesaria, sen exceder da dotación orzamentaria dispoñible o efecto.

A comisión de valoración poderá solicita-los documentos que considere necesarios para un máis exacto coñecemento das circunstancias determinantes da concesión ou denegación da bolsa. Tralo seu estudio e aplicación do baremo, elaborará proposta de concesión ou denegación ó director xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural.

Artigo 8º.-Resolución da concesión da bolsa.

-O director xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural resolverá no prazo máximo de 15 días desde a elevación da proposta.

-A resolución do procedemento publicarase no taboleiro de anunción dos centros onde cursen os seus estudios os peticionarios e contra ela poderase interpo-lo recurso ordinario perante a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, no prazo de un mes.

Artigo 9º.-Prazo máximo de resolución do procedemento.

O prazo máximo para resolve-lo procedemento será de tres meses. Transcorrido o dito prazo sen que recaese resolución expresa, entenderase que foi desestimada a concesión da bolsa, en virtude do artigo 43.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 10º.-Pagamento da bolsa.

O aboamento das bolsas realizarase mediante transferencia bancaria a nome de cada un dos beneficiarios, logo de proposta da Dirección Xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural.

Artigo 11º.-Reintegro da cantidade percibida.

Procederá o reintegro das cantidades percibidas e os xuros de demora nos casos previstos no artigo 78.6º, da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 12º.-Financiamento.

Esta convocatoria financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 09.02.322-L.480.04, da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995, por un importe máximo de 16.500.000 ptas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural para dictar, no ámbito das súas atribucións, as resolucións necesarias para a adecuada aplicación da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de agosto de 1995.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

ANEXO I

Puntuación económica:

Entenderase por renda per cápita a renda familiar dividida polo número de membros da unidade familiar. Cando se trate de alumnos maiores de idade e independizados economicamente, a renda de traballo dividirase por dous.

Exclusións. Non terán dereito á bolsa:

1º.-Quen supere as 850.000 ptas. de renda per cápita por membro computable.

2º.-Quen posúa explotacións agrícolas ou pecuarias cun valor patrimonial (valores catastrais, predios rústicos e urbanos, gando, maquinaria, valores e títulos e saldos de contas correntes) que exceda de dez millóns de pesetas por membro computable.

Preferencias:

Estableceranse preferencias, valoradas en puntos, para as seguintes circunstancias:

- Minusvalidez:

* Por membro familiar con minusvalidez3 puntos.

- Profesión do cabeza de familia:

* Obreiro agrícola4 puntos.

* Agricultor3 puntos.

* Pensionista agrario3 puntos.

- Situación laboral do cabeza de familia:

* Parado1 punto.

- Por atoparse a localidade de residencia en zona desfavorecida, de acordo coa delimitación da U.E.

* Zona desfavorecida1 punto.

- Por expediente académico do último curso:(nota media)

* Suficiente1 punto.

* Ben2 puntos.

* Notable3 puntos.

* Sobresaliente4 puntos.

- Distancia do domicilio familiar ó centro:

* Entre 10 e 30 Km1 punto.

* Entre 30 e 50 Km2 puntos.

* Entre 50 e 75 Km3 puntos.

* Máis de 75 Km5 puntos.

Para poder informatiza-los baremos propostos no anexo I, utilizarase a fórmula seguinte:

d = K - R/(U/10)

Na cal,

d = Coeficiente de prelación do solicitante.

K = Suma dos puntos obtidos nas preferencias sinaladas máis 10.

R = Renda familiar per cápita do solicitante.

U = Limiar máximo de renda familiar per cápita, establecido nesta convocatoria.

95-4866