Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Luns, 04 de setembro de 1995 Páx. 6.769

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 23 de agosto de 1995 pola que se regulan e fixan as condicións, marcas e documentos sanitarios para o traslado e circulación de animais; as autorizacións a veterinarios de entidades asociativas de gandeiros con programas sanitarios comúns para expedir autorizacións de traslado, así como o libro-rexistro de movementos e compravenda de gando.

O Decreto 355/1994, do 2 de decembro de 1994 (DOG nº 240 do 15 de decembro) regula o traslado de animais e aproba os modelos oficiais de autorización oficial de traslado, facultando para a súa expedición, ademais de os veterinarios oficiais de sanidade e producción animal, os veterinarios autorizados, sendo preciso establece-la forma e condicións que precisa a dita autorización.

A crecente organización e profesionalización do sector gandeiro e a progresiva dotación de técnicos responsables de programas comúns de loita, control e profilaxe das enfermidades animais, favorece que o persoal técnico poida asumir, co fin de manter e incrementa-lo status sanitario das explotacións e o fomento da calidade das súas produccións, o control do movemento pecuario realizado desde e cara ás explotacións baixo a súa responsabilidade.

Ademais, para un efectivo control dos movementos de gando, co fin de acredita-la orixe dos animais e preserva-la calidade das produccións, é preciso fixa-las marcas ou precintos que identifiquen os animais individual ou colectivamente, ligándoos á explotación de cría ou ceba.

Por último, por razóns de técnica normativa e para facilita-lo seu coñecemento e cumprimento por parte dos administrados, considerouse conveniente recoller nun só texto a normativa sobre a documentación para o transporte e circulación do gando e sobre as marcas e precintos que deben identifica-los animais.

Na súa virtude, de acordo co disposto no artigo 30.1º 3) do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta mailo seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º

A documentación sanitaria necesaria para a circulación e transporte de animais nas súas distintas posibilidades será, sen prexuizo do establecido no artigo 10, a seguinte:

a) Certificado internacional sanitario.

b) Autorización sanitaria oficial de traslado de animais.

c) Documento de acreditación sanitaria da explotación gandeira.

e) Autorización de traslado ó matadoiro. (Conduce).

f) Documento de traslado de animais.

g) Informe do veterinario clínico para sacrificios de urxencia.

Artigo 2º

Enténdese por certificado internacional sanitario o expedido polos servicios veterinarios oficiais de sanidade e producción animal desta consellería, para ampara-lo movemento de animais que teñen como orixe unha explotación situada en Galicia e o destino é un dos Estados membros, conforme os modelos establecidos nas correspondentes directivas comunitarias.

Artigo 3º

A autorización sanitaria oficial de traslado é a expedida polos servicios veterinarios oficiais de sanidade e producción animal desta consellería, ou polos veterinarios autorizados coas condicións establecidas no capítulo II da presente orde. Esta autorización constitúe a documentación sanitaria que, con carácter básico xeral, deberá ampara-lo traslado e circulación de animais no ámbito do territorio español, cando os animais teñan como orixe unha explotación situada dentro da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4º

O documento oficial de cualificación sanitaria da explotación é o expedido polos servicios provinciais de sanidade e producción animal que acredita a situación sanitaria da corte, no que se atopan rexistrados os animais da dita explotación.

Este documento ampara unicamente o traslado de animais relacionados nel, e cando este se realice exclusivamente dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Este documento poderá ser orixinal ou ben copia cotexada, da que quede constancia da súa autenticidade nas condicións e circunstancias contempladas no artigo 1 do Decreto 355/1994, do 2 de decembro de 1994, (DOG nº 240, do 15 de decembro).

Artigo 5º

A autorización de traslado ó matadoiro (Conduce) é o documento expedido polos veterinarios dos equipos de campo para os animais con destino ó matadoiro que foran diagnosticados positivos na campaña de saneamento gandeiro.

Artigo 6º

O documento de traslado de animais é o expedido polos gandeiros ou polos seus representantes legais para o gando que se desprace exclusivamente dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, con destino a un cebadoiro, un matadoiro e/ou un mercado, de conformidade co establecido no capítulo III da presente orde.

Artigo 7º

O informe veterinario para sacrificios de urxencia é o emitido polo veterinario clínico nas condicións establecidas no artigo 11 do Decreto 355/1994.

Artigo 8º

Tódolos animais, partidas ou grupos, estarán debidamente identificados á saída da explotación, de acordo co establecido na presente orde e independentemente de cal sexa o seu destino. Irán en todo momento acompañados, segundo corresponda, por un documento dos recollidos nos artigos anteriores que acredite a súa orixe e situación sanitaria.

Artigo 9º

A presencia de animais nunha explotación, feira, mercado, exposición ou pastos comunais, sen identificar e/ou sen a correspondente documentación sanitaria para a circulación e transporte de animais, implicará a sospeita de padecer enfermidade infecto-contaxiosa e, en consecuencia, de conformidade co establecido no artigo 35 da Lei de epizootias, do 20 de decembro de 1952, serán illados e inmobilizados.

O gasto que orixine o illamento e inmobilización será por conta dos donos ou responsables do gando.

Artigo 10º

Tódolos operadores comerciais e/ou transportistas de gando autorizados e rexistrados para exerce-lo comercio e/ou transporte pecuario nesta Comunidade Autónoma, segundo o establecido na lexislación vixente, están obrigados a posuír e dilixencia-lo libro-rexistro de movementos e compravenda de gando, segundo o modelo que figura no anexo C, así como a indicación dos datos en cada operación de compravenda ou traslado cos datos correspondentes á explotación de orixe, identificación do animal e explotación de destino. A non indicacións dos datos constitúe infracción do disposto na normativa vixente de epizootias.

Para tódolos efectos será necesario, para o traslado de animais dentro desta Comunidade Autónoma, que estes estean acompañados polo libro de compravenda e/ou transporte de gando e amparados, polo menos, por un dos documentos contemplados no artigo 1º. Este documento acompañará en todo momento o animal ou animais obxecto de traslado, quedando reflectido no libro de compravenda ou traslado.

Artigo 11º

As incidencias que se produzan como consecuencia de compravenda, nacemento ou morte de animais serán rexistradas no correspondente libro oficial de explotación ou de rexistro de movementos e compravenda de gando.

Capítulo II

Dos veterinarios autorizados

Artigo 12º

Os veterinarios responsables de empresas integradas no sector productor de animais, explotacións con cualificación sanitaria oficial, asociacións de gandeiros e agrupacións de defensa sanitaria, que teñan programas sanitarios comúns, poderán expedi-la autorización sanitaria oficial de traslado de animais prevista no artigo 3º, sempre que exista relación contractual entre o veterinario e os gandeiros, logo de autorización da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias, nas condicións que se regulan na presente orde e na autorización correspondente.

Artigo 13º

Os representantes legais e veterinarios das entidades asociativas que realicen un programa sanitario común aprobado pola Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias solicitarán conxuntamente a autorización correspondente e a entrega dos talonarios de autorización sanitaria oficial de traslado de animais.

A utilización dos talonarios, confección de documentos, etc. farase nas condicións establecidas no Decreto 355/1994 e na orde da Consellería de Economía e Facenda, do 12 de decembro de 1994, (DOG nº 248, do 27 de decembro), pola que se fixa o procedemento de ingreso en período voluntario da taxa por servicios profesionais 31.07.04.

Coa solicitude dun novo talonario entregarase o xa utilizado que conteña a copia de tódolos documentos expedidos, incluídos os anulados.

O período de validez dos talonarios será de noventa días naturais, debendo ser renovado ó cumprir este prazo aínda que non foran utilizados tódolos impresos.

A autorización é persoal e indelegable. Se o solicitante da autorización ou veterinario autorizado foran substituídos, quedará anulada a dita autorización, e deberá presentarse unha nova solicitude.

Artigo 14º

A solicitude e documentación requirida segundo o modelo anexo A, para que sexan autorizados os veterinarios de entidades asociativas de gandeiros con programas sanitarios comúns para a expedición de autorizacións de traslado de animais, será presentada na oficina da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes máis próxima ó seu domicilio, a cal, para a súa remisión á Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias, deberá contar cos informes favorables do xefe da área local veterinaria e do servicio provincial de sanidade e producción animal.

Artigo 15º

Os veterinarios autorizados expedirán a autorización sanitaria de traslado de animais, segundo modelo anexo B, unicamente a solicitude do gandeiro. O gandeiro, mediante escrito, poderá delega-la solicitude nun operador comercial, e exclusivamente para os animais da súa propiedade incluídos na entidade asociativa con programa sanitario común na que como técnicos presten os seus servicios.

Os veterinarios autorizados non poderán expedir autorizacións sanitarias oficiais de traslado daqueles animais que sexan propiedade de persoas físicas o xurídicas dedicadas ou relacionadas co comercio de animais sen vinculación fixa, permanente e total coa producción de animais, ou se estes non pertencen ás explotacións incluídas na entidade asociativa con programa sanitario común.

Artigo 16º

Os veterinarios autorizados para a expedición de autorizacións sanitarias oficiais de traslado de animais

comprobarán previamente á expedición dunha autorización:

a) Que a explotación estea cualificada sanitariamente.

b) Que os animais das especies vacina, ovina, caprina ou porcina porten unha marca individual de identificación e no resto das especies se identifiquen os vehículos de transporte, contedores ou gaiolas mediante precinto ou etiqueta na que consten: as letras ES, o número de rexistro oficial da explotación de orixe e número de animais da partida ou partidas, segundo o disposto no artigo 7 do Decreto 355/1994.

c) Que os animais estean rexistrados no libro de explotación e/ou compravenda correspondente e este se encontre actualizado.

d) Que a explotación cumpra axeitadamente o programa sanitario común aprobado.

e) Que os animais de reposición procedan de explotacións cualificadas sanitariamente, estean debidamente identificados e que se realizara a notificación de incorporación ante os veterinarios oficiais de sanidade e producción animal da comarca onde se encontre a explotación.

f) Que a súa alimentación se realizara sen empregar productos ou substancias prohibidas.

Artigo 17º

O veterinarios autorizados comunicaranlle mensualmente ó veterinario oficial de sanidade e producción animal da súa comarca, os movementos de animais realizados polos gandeiros pertencentes á entidade asociativa con programa sanitario común.

Artigo 18º

A autorización poderá ser limitada, suspendida ou modificada cando a situación zoosanitaria supoña riscos para a sanidade animal e/ou a saúde pública.

A autorización quedará anulada se se modifican as situacións e circunstancias que deron lugar á súa concesión ou existen indicios dun uso inadecuado.

Capítulo III

Dos documentos de traslado de animais

Artigo 19º

O documento de traslado de animais previsto no apartado f do artigo 1º e definido no artigo 6º desta orde, segundo o modelo que figura no anexo D, será formalizado na súa totalidade polo titular ou representante legal da explotación e exclusivamente para os seus animais, quen asumirá toda a responsabilidade sobre eles.

O documento de traslado de animais constará de tres exemplares. O orixinal acompañará a expedición de animais. O período de validez será o tempo que dure o traslado. A primeira copia quedará en poder do titular da explotación, quen deberá conservala, polo menos, durante os tres anos seguintes á súa expedición. A segunda copia conservarase no talonario e entregarase ó solicitar outro novo.

Artigo 20º

Os talonarios con documentos de traslado de animais, que terán un período de validez de seis meses,

serán proporcionados polos servicios veterinarios oficiais de sanidade e producción animal da comarca de situación da explotación cando concorran as seguintes circunstancias:

a) Que a explotación do gandeiro se encontre na lista de explotacións gandeiras do servicio provincial de sanidade e producción animal.

b) Que estea en posesión do libro de explotación debidamente actualizado.

c) Que os animais da explotación se encontren debidamente identificados, segundo corresponda, coas marcas previstas na presente orde.

d) Que o gandeiro pertenza a unha asociación de defensa sanitaria ( A.D.S.), outras agrupacións de gandeiros con programas sanitarios comúns, ou que teña a explotación cualificada sanitariamente.

O titular ou representante legal comprométese a comunicar calquera anomalía sanitaria que se presente nos animais da súa explotación no período de validez do talonario.

Artigo 21º

O gandeiro ou representante legal que posúa documentos de traslado de animais será en todo momento responsable do bo uso daqueles, debendo comunicarlles inmediatamente ós servicios veterinarios oficiais de sanidade e producción animal da súa comarca a perda, alteración, sustracción ou calquera incidencia ocorrida en relación con eles.

Non poderá retirarse un novo talonario se non se entrega o anterior con tódolos datos correspondentes ós traslados realizados debidamente indicados, no que se encontren tódalas segundas copias a que se refire o parágrafo 2º do artigo 19.

Artigo 22º

Non se proporcionarán talonarios con documentos de traslado de animais ás persoas físicas ou xurídicas dedicadas ou relacionadas co comercio pecuario sen vinculación fixa, permanente e total coa producción de animais, os cales, para o movemento de cada partida, deberán utiliza-la documentación correspondente que lles sexa facilitada na explotación ou explotacións de orixe dos animais.

Artigo 23º

Para o traslado de cada animal ou partida de animais, o gandeiro autorizado ou o seu representante legal cubrirán un único documento de traslado de animais.

Artigo 24º

Non obstante o disposto no artigo anterior, o gandeiro autorizado ou o seu representante legal non poderán ampara-lo traslado dos seus animais nos seguintes casos:

a) Cando se observe algunha anomalía sanitaria nos animais da súa explotación.

b) Cando existan restriccións ó movemento pecuario na súa explotación ou na área xeográfica na que se encontra a explotación.

c) Cando se trate do traslado de animais con orixe nun mercado, feira, exposición ou concurso gandeiro e destino a unha feira, exposición ou concurso gandeiro.

Cando as circunstancias epizootiolóxicas o aconsellen, poderá prohibirse a utilización de documento de traslado de animais; neste caso, os gandeiros estarán obrigados á devolución dos documentos non utilizados, en tanto se manteñan tales circunstancias.

Artigo 25º

Queda prohibida a cesión de documentos de traslado de animais a explotacións distintas ás autorizadas, así como ampara-lo movemento de animais non incluídos ou rexistrados na explotación autorizada.

Capítulo IV

Das marcas de identificación

Artigo 26º

As marcas auriculares de identificación serán colocadas antes de que os animais abandonen a explotación de nacemento, segundo as condicións seguintes:

1.-Especie bovina.

Os animais desta especie serán identificados na explotación de nacemento, segundo o establecido no Real decreto 225/1994 do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación do 14 de febreiro ( BOE nº 55) coas marcas oficialmente aprobadas.

Nas explotacións sometidas a programas sanitarios oficiais, a identificación dos animais levarase a cabo no momento de realizarse a primeira intervención sanitaria oficial.

2.-Especie ovina e caprina.

a) Reproductores.

A identificación dos animais desta especie destinados á reproducción realizarase nas mesmas condicións que no gando bovino coa marca auricular oficial aprobada por Orde do 19 de febreiro de 1991 do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (BOE nº 46 ) para esta especie.

b) Animais para ceba ou matadoiro de menos de seis meses.

Os animais nacidos en rabaños de producción que teñan como destino un mercado, unha explotación de ceba ou un matadoiro, identificaranse antes da súa saída da explotación cunha marca auricular segundo modelo anexo E, na que constará, polo menos, o nº de rexistro da explotación e as letras ES.

3.-Especie porcina.

Os animais pertencentes a esta especie serán identificados inescusablemente antes de abandona-la explotación de nacemento, nas condicións establecidas no Real decreto 225/1994 do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación do 14 de febreiro (BOE nº 55).

Se a ceba e sacrificio se producen en Galicia, a identificación de animais de ceba que non se identificaran anteriormente poderá realizarse mediante punzonado no momento de realiza-lo traslado directamente ó matadoiro.

4.-Aves, coellos, animais de peletería e outros.

A identificación realizarase no momento do traslado mediante etiquetas autoadhesivas ou precintos, segundo anexo F, que identifiquen a explotación de orixe. Esta identificación poderá ser realizada por grupos ou expedicións de animais, segundo o contemplado no artigo 7 do Decreto 355 .

Artigo 27º

Queda prohibida a cesión de marcas, precintos ou outros materiais de identificación asignadas a unha explotación concreta.

A perda, sustracción ou deterioración seralles comunicada ós servicios veterinarios oficiais de sanidade e producción animal para a súa anulación ou destrucción.

O incumprimento do establecido neste artigo dará lugar á esixencia das responsabilidades correspondentes.

Disposición adicional primeira

Os controis en relación co movemento de animais poderán ser realizados pola autoridade competente, cando se considere oportuno, tanto en orixe, tránsito ou en destino.

Tódalas persoas, tanto físicas coma xurídicas, relacionadas coa orixe, tránsito ou destino dos animais trasladados, están obrigadas a presta-la colaboración que lles sexa requerida.

Disposición adicional segunda

As infraccións serán sancionadas de conformidade co establecido na Lei de epizootias do 20 de decembro de 1952 e o Regulamento de epizootias do 4 de febreiro de 1955, no seu capítulo XXII, actualizado polo Real decreto 1665/1976, do 7 de marzo e de acordo cos principios do procedemento sancionador establecido pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de rexime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Fácultase o director xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e mellor cumprimento da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de agosto de 1995.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

5688