Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Martes, 29 de agosto de 1995 Páx. 6.672

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 22 de xuño de 1995, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo da empresa Real Aero Club de Vigo.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Ral Areo Club de Vigo, situada na provincia de Pontevedra que tivo entrada nesta delegación provincial o día 20-6-1995, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social polos delegados de persoal, en data 9-6-1995. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que conste nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no BOP e no Diario Oficial de Galicia.

En Vigo, 22 de xuño de 1995.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo de traballo para a empresa Real Aero Club de Vigo

Condicións xerais.

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio regulará, a partir da data da súa entrada en vigor, as relacións laborais entre a empresa Real Aero Club de Vigo e os seus productores.

Artigo 2º.-Vixencia.

Sen prexuízo da entrada en vigor por aprobación da autoridade laboral e publicación no BOP, os seus efectos económicos comezarán a rexer a partir do 1 de xaneiro de 1995.

Artigo 3º.-Duración e prórrogas.

A duración deste convenio será de un ano, e contarase a partir da data da súa entrada en vigor ata o 31 de decembro de 1995. Este convenio entenderase denunciado para tódolos efectos desde o 1 de outubro de 1995, data na que as partes se comprometen a inicia-las negociacións dun novo convenio. Se no transcurso deste ano 1995 se asinara un convenio de ámbito provincial no sector de espectáculos e deportes, a partir desa data sería necesaria unha nova negociación.

Condicións laborais.

Artigo 4º.-Vacacións.

O persoal abranguido no presente convenio desfrutará dun período anual de vacacións de trinta días naturais.

Artigo 5º.-Bolsas.

A empresa establece para axuda dos estudios dos fillos dos productores dúas bolsas anuais por un importe de 25.000 ptas. cada unha. Para tal efecto, durante o mes de agosto de cada ano, os productores interesados presentarán documentación de méritos escolares do beneficiario para quen se solicita e, indefectiblemente, as notas obtidas no curso anterior. Para poder beneficiarse destas, as notas terán que acadar un nivel mínimo de aprobado.

Artigo 6º.-Premio de xubilación.

Chegada á idade de xubilación e, no momento no que o traballador cese na empresa, percibirá un premio equivalente ó importe de dúas mensualidades do seu derradeiro salario en activo, no caso de que levase ó servicio efectivo da empresa máis de 5 anos e menos de 10. Este premio elevarase á cifra de 3 mensualidades no suposto de que os anos de servicio efectivo da empresa fosen 10.

Se o traballador falecese antes da súa xubilación, cumprindo calquera dos dous prazos de servicio efectivo na empresa que sinala o parágrafo anterior, a indemnización será percibida polo seu cónxuxe ou, no seu defecto, polos fillos ou os ascendentes maiores de 70 anos. Nestes casos, os importes de indemnización serán de tres mensualidades, se o servicio efectivo do traballador na empresa estivese comprendido

entre os 5 e os 10 anos; de 6 mensualidades, entre os 10 e os 15 anos; de 9 mensualidades, entre os 15 e os 20 anos; e de 12 mensualidades, dos 20 en adiante.

Artigo 7º.-Horario laboral.

O horario de traballo das distintas seccións do club estenderase, con carácter xeral, desde as 8.30 da mañá ata as 12 da noite, de luns a venres e ata a 1.30 da mañá os sábados. Dentro destas horas, desenvolverase a xornada legal de 40 horas semanais por traballador. Para tal efecto e con referencia a cada unha das actividades que o club desenvolve, establécese o cadro horario específico para cada unha delas, que se achega no presente convenio.

Artigo 8º.-Días non recuperables.

Os días non recuperables considéranse coma horas-extras, que deberán ser aboadas nos meses que corresponda ó 175%. Terán esta mesma consideración os días 24 e 31 de decembro.

Condicións económicas.

Artigo 9º.-Retribucións.

Na táboa salarial anexa, sinálanse as retribucións correspondentes a cada categoría do persoal. As ditas retribucións serán consideradas como base de cálculo para tódolos efectos.

Artigo 10º.-Antigüidade.

Os aumentos periódicos por anos de servicio consistirán en trienios do 10% para o primeiro e do 6% para o segundo, ata un máximo do 60%. O tanto por cento calcúlase sobre o salario base, sempre dentro dos límites que marca a lei.

Artigo 11º.-Pagas extraordinarias.

O persoal afectado polo presente convenio recibirá anualmente tres pagas extraordinarias, polo importe dunha mensualidade, que serán efectivas nos días 31 de marzo, 17 de xullo e 22 de decembro.

Artigo 12º.-Incapacidade temporal.

Nos casos de enfermidade ou accidente que produza internamento en centro asistencial, a empresa aboaralles ós traballadores afectados unha cantidade que, engadida ás prestacións que aboa a Seguridade Social, completa o 100% do seu salario real por incapacidade temporal. Tamén se aboará o dito 100% nos casos de incapacidade laboral nos que a xunta directiva e os representantes laborais, logo dos oportunos asesoramentos, así o determinen.

Artigo 13º.-Nocturnidade.

Establécese un plus de nocturnidade polos traballos realizados despois das 22 horas, agás os correspondentes ós serenos, nunha cantidade de 6.154/7.267 ptas. mensuais, facéndose constar en nómina dos traballadores afectados por aquela circunstancia. Este plus incrementarase cada ano co tanto por cento acordado na táboa salarial.

Artigo 14º.-Uniformes.

A empresa dotará o persoal cunha chaqueta cada dous anos e un pantalón cada ano e tempada.

Artigo 15º.-Manutención.

A empresa aboará por este concepto 25.000 ptas. mensuais.

Artigo 16º.-Vestiario e aseos.

A empresa porá ó servicio do persoal vestiarios e aseos dotados de armarios, duchas e demais accesorios propios destes servicios, nas instalacións de Peinador, así coma no local da rúa Reconquista.

Artigo 17º.-Excedencias.

O persoal afectado polo presente convenio que leve dous anos ó servicio efectivo na empresa terá dereito a solicitar excedencia voluntaria por un prazo non inferior a un mes, nin superior a cinco anos, e a empresa estará obrigada ó reingreso do excedente que o solicite, polo menos con un mes de antelación á terminación do tempo de excedencia, e non poderá volver á situación de excedencia voluntaria ata transcorridos dous anos da terminación da anterior, e continuará no momento do reingreso ou reincorporación coa mesma antigüidade que tiña no momento de pasar á situación de excedencia. Ben entendido que a obriga a cargo da empresa de reincorpora-lo excedente é inexcusable, e contratarase para estes supostos unha persoa que substitúa o excedente cun contrato da mesma duración da excedencia.

Disposicións derradeiras

Artigo 18º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non previsto no presente convenio, haberá que aterse ó que dispón a regulamentación de traballo para os locais de espectáculos e deportes, e demais de xeral aplicación.

Artigo 19º

Con idéntico termo de vixencia do convenio, queda constituída unha comisión paritaria co cometido específico de coñecer e pronunciarse sobre cantas cuestións de interpretación sobre o estipulado no convenio lle sexan formalmente sometidas. A comisión estará composta por dous membros; cada unha das partes designará un deles. Os devanditos membros designados por cada parte deberán ter pertencido á comisión negociadora do convenio.

Os pronunciamentos da comisión non privarán do dereito ó uso das vías administrativas ou xurisdiccionais.

Artigo 20º

O presente convenio está asinado polo delegado de persoal e polo secretario.

Polo delegado de persoalPola empresa

RubricadoRubricado

CADRO HORARIO

Sección camareiros

Primeira quenda: de 12 a 19.

Segunda quenda: de 17 a 24.

Os descansos son alternos.

Sección conserxería

De 12 da mañá a 8 tarde.

Sección limpeza

Local reconquista: de 8 a 12 e de 5 a 8 da tarde.

Peinador: de 9 a 12 œ e de 3 a 6 œ.

Sección xardinería

De 8 œ a 12 œ e de 2 a 6 da tarde.

Sección hangar

Oficial 3ª: de 9 œ a 1 œ e de 4 a 8 da tarde.

Instructor voo: de 9 œ a 1 œ e de 4 a 8 da tarde.

Sección oficina

De 9 da mañá a 5 da tarde.

Sereno

De 10 da noite a 7 da mañá.

Master caddy

De 10 da mañá a 6 da tarde.

Persoal bar Peinador

De 11 da mañá a 11 da noite.

TÁBOA SALARIAL 1995

Incremento 3%

Instructor de voo: 111.364.

Oficial de 3ª: 83.789.

Persoal administrativo

Xerente: 107.416.

Oficial 1º administrativo: 92.098.

Persoal campo

Xardineiro xefe: 85.816.

Xardineiro: 80.593.

Peón: 80.593.

Persoal subalterno

Conserxe: 83.789.

Sereno: 80.593.

Persoal limpeza: 80.593.

Master Caddy: 80.593.

Persoal bar

Cociñeiro: 80.593.

Camareiro: 80.593.

9505662