Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Martes, 29 de agosto de 1995 Páx. 6.665

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

RESOLUCIÓN do 31 de xullo de 1995 pola que se fai público o contido do convenio de apoio financeiro ós investimentos das pequenas e medianas empresas de Galicia financiado polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), o Instituto de Crédito Oficial (ICO) e as sociedades de arrendamento financeiro.

Dentro das liñas de actuación do Igape para 1995 de cara á pequena e mediana empresa e conforme as funcións atribuídas pola Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación deste Instituto, subscríbese o convenio de apoio financeiro ás Pemes, ó amparo do Decreto 59/1994, do 25 de marzo, polo que se aproba o réxime de subsidiación ó tipo de xuro para o financiamento das pequenas e medianas empresas, publicado no DOG nº 67, entre o Igape e as sociedades de arrendamento financeiro.

En virtude do exposto,

DISPOÑO:

Único.-Co obxecto de darlle unha adecuada difusión e de que sexa de xeral coñecemento, faise público o contido do dito convenio, así como os modelos, que figuran como anexo.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 1994

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

Convenio de apoio financeiro ós investimentos das pequenas e medianas empresas de Galicia financiado polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), o Instituto de Crédito Oficial (ICO) e a sociedade de arrendamento financeiro...

Santiago de Compostela o 7 de xullo de 1995, establécese o presente convenio, asinado dunha parte polo presidente do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), José Antonio Orza Fernández, e por outra parte pola sociedade de arrendamento financeiro ...... representada por D./Dª......, con poder suficiente. Este convenio inscríbese dentro do marco da política de apoio á pequena e mediana empresa emprendida pola Xunta de Galicia ó abeiro do Decreto 59/1994, do 25 de marzo.

No citado Decreto 59/1994 autorízase o Igape para conceder axudas financeiras de subsidiación ó tipo de xuro ás pequenas e medianas empresas (Pemes) radicadas en Galicia, dentro dos créditos habilitados para o efecto. E no seu programa de investimentos establécese a posibilidade de financiar proxectos de novos investimentos, ampliación e renovación de equipos productivos mediante a modalidade de contratos de arrendamento financeiro ou contratos leasing.

Estes contratos de arrendamento financeiro poderán ser subsidiados polo Igape, con suxeición ás seguintes cláusulas,

Cláusula 1ª.-Obxecto.

O presente convenio ten por obxecto defini-los termos de colaboración entre a sociedade de arrendamento financeiro...... e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) co fin de establece-las liñas de financiamento subsidiadas mediante contratos de arrendamento financeiro para pequenas e medianas empresas, someténdose as partes, en todo, ó establecido no mencionado Decreto 59/1994, do 25 de marzo, polo que se aproba o réxime de subsidiación ó tipo de xuro para o financiamento de pequenas e medianas empresas, ás normas específicas contidas no presente convenio e ás que posteriormente se poidan dictar para o seu funcionamento operativo.

Cláusula 2ª.-Ámbito territorial e vixencia.

O ámbito territorial de aplicación do presente convenio será o da Comunidade Autónoma de Galicia, debendo estar establecidas no devandito territorio as empresas beneficiarias.

O presente convenio entrará en vigor ó día seguinte da data da súa sinatura e a súa vixencia, para efectos de presentación de solicitudes de novas operacións de subsidiación nas sociedades de arrendamento financeiro, será ata o 30 de novembro de 1995.

Cláusula 3ª.-Modalidade e destino das axudas.

A axuda consistirá na subsidiación ó tipo de xuro dos contratos de arrendamento financeiro concertados a través do presente convenio e destinados ó financiamento de proxectos de novos investimentos, ampliación e renovación de equipos productivos.

Cláusula 4ª.-Beneficiarios e actividades.

Terán a consideración de beneficiarias aquelas empresas (Pemes) que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter como máximo 250 traballadores.

b) Que os seus recursos propios non sexan superiores a 500 millóns de pesetas.

c) Non te-lo seu capital participado en máis dun 25% por outra empresa, agás naqueles casos nos que as cifras consolidadas non superen os requisitos establecidos nas alíneas a) e b).

Excepcionalmente, e para aqueles proxectos que se consideren de especial interese socioeconómico polo Igape, tamén poderán ser beneficiarias as empresas con cadro de persoal inferior a 500 traballadores, activo neto inferior a 11.000 millóns de pesetas e que non estean participadas en mais dun 33% por unha empresa de maior tamaño.

As empresas beneficiarias deberán pertencer á industria de extracción, de transformación ou turística e a aquelas actividades de transporte, comercialización e servicios de apoio industrial que contribúan á mellora da súa estructura productiva e de distribución, debendo esta-lo sector de actividade da empresa beneficiaria comprendido dentro dos relacionados no anexo de actividades subvencionables.

Tamén serán considerados como subvencionables aqueles contratos que financien proxectos de modernización, reestructuración, renovación e equipamento de barcos de pesca de ata 350 TRB, sempre que cumpran as condicións establecidas pola Unión Europea.

Cláusula 5ª.-Conceptos de investimento subvencionable e materialización dos investimentos.

5.1. Os conceptos de investimento subvencionable deberán realizarse en inmobilizado material novo e serán, segundo as distintas modalidades de leasing, os seguintes:

a) Leasing inmobiliario: construccións.

b) Leasing mobiliario: maquinaria e as súas instalacións técnicas; ferramenta; mobiliario e equipos de oficina e de proceso de información e elementos de transporte interno e, no caso de empresas de transporte, tamén elementos de transporte externo.

En todo caso, o investimento deberá realizarse en activos productivos que repercutan directamente na capacidade de producción ou na productividade da empresa.

5.2. Materialización dos investimentos. Os bens obxecto de contrato deberán manterse durante a vixencia deste e a empresa beneficiaria comprometerase a exerce-la opción de compra, debendo ser realizada no momento convido. Considerarase que cumpre esta condición nos casos de transformación de empresas individuais en sociedades e, nos de modificación da forma societaria, sempre que se recolla en escritura a aportación dos dereitos de arrendamento dos bens

financiados e a subrogación nas obrigas financeiras do contrato. Deberá acordarse ademais, polo órgano competente da sociedade, a subrogación no cumprimento das obrigas derivadas da concesión do contrato leasing subvencionable. Nos casos de fusión ou absorción de sociedades procederase de xeito análogo. A citada documentación deberá ser remitida, a través da sociedade de arrendamento financeiro, ó Igape para que se proceda, se é o caso, á autorización do cambio de titularidade da axuda.

No caso de que o arrendatario decidise, antes do prazo de vencemento do contrato de leasing, traspasar, vender ou aluga-lo seu negocio, as cotas seguintes perderán automaticamente a subsidiación, agás cando haxa subrogación no contrato leasing polo novo titular do negocio e este continuase coa mesma actividade ou outra que sexa subvencionable segundo se establece no Decreto 59/1994 e na cláusula 4ª do presente convenio, logo de autorización polo Igape e coa conformidade da entidade de arrendamento financeiro.

Cláusula 6ª.-Características das operacións de leasing.

6.1. Porcentaxes de financiamento e importes dos contratos.

A porcentaxe de financiamento poderá acada-lo 100% do investimento subvencionable, determinándose o seu importe unha vez excluído do prezo de adquisición dos bens o IVE e outros impostos.

O importe mínimo do contrato de arrendamento financeiro será de 10 millóns de pesetas.

6.2. Duración dos contratos.

A duración dos contratos de arrendamento financeiro, segundo as distintas modalidades de leasing, será a seguinte:

a) Leasing inmobiliario: a duración mínima será de 10 anos.

b) Leasing mobiliario: a duración mínima será de 2 anos e a máxima de 5 anos, determinándose para esta modalidade a duración de acordo co establecido a continuación:

-As operacións de importes iguais ou superiores a 40 millóns de pesetas terán necesariamente unha duración de 5 anos.

6.3. Orixe dos fondos.

Para operacións de leasing inmobiliario e para operacións de leasing mobiliario a prazo de 5 anos, o 70% dos fondos para a formalización do contrato leasing será facilitado polo ICO ás entidades financeiras coas que ten subscrito convenio de mediación. O 30% restante do importe da operación serán fondos da propia entidade financeira ou sociedade de arrendamento financeiro.

Para o resto das operacións de leasing mobiliario os fondos para a formalización dos contratos serán os da propia entidade ou sociedade de arrendamento financeiro.

6.4. Tipos de tarifa, comisións e axuda financeira.

6.4.1. O tipo de tarifa ou tipo de xuro que determinará a carga financeira dos contratos de arrendamento financeiro, concertados a través do presente convenio, será o seguinte:

a) Leasing inmobiliario e mobiliario a prazo de 5 anos:

-Para a parte financiada con fondos ICO e durante os 7 primeiros anos: tipo de xuro variable, que será o tipo de referencia inicial do ICO máis 0,50 puntos, revisable para cada período anual de xuro segundo o MIBOR a 1 ano máis 0,50 puntos. A partir do sétimo ano o tipo de xuro aplicado será o mesmo que para a parte financiada con fondos das entidades financeiras.

-Para a parte financiada con fondos da entidade financeira: o tipo de tarifa será, para o primeiro ano de vixencia do contrato, o MIBOR a un ano do día anterior á formalización máis 1,5 puntos. A partir do primeiro ano de vixencia do contrato, será o MIBOR a un ano que se reflicta na pantalla MIBOR ás 11 horas dese día, e así sucesivamente para cada un dos anos de duración do contrato, máis un adicional de 1,5 puntos. Se o tipo de tarifa resultase con varios decimais redondearase ata a máis próxima vixésima parte do punto.

Cada revisión que se produza nestes contratos de leasing serán comunicados individualmente ó Igape polas sociedades de arrendamento financeiro.

b) Leasing mobiliario con prazo inferior a 5 anos: o tipo de tarifa será do 11,50% durante toda a vida do contrato.

O ICO comunica os tipos de xuro quincenalmente ás entidades financeiras e son os que deben aplicarse ós contratos formalizados durante esa quincena, e para a parte financiada con fondos ICO. A mesma comunicación farase para cada revisión anual.

6.4.2. Comisións.

Para a parte das operacións financiadas con fondos ICO, o tipo de xuro é TAE e a sociedade de arrendamento financeiro non pode cobrar cantidade ningunha en concepto de comisión de apertura, gastos de estudio e comisión de dispoñibilidade.

Para a parte ou, se é o caso, o total das operacións financiadas con fondos das entidades ou sociedades de arrendamento financeiro, estas poderán percibir unha comisión máxima e única de apertura do 1%.

6.4.3. Axuda financeira.

a) Axuda do FEDER: para a parte das operacións financiadas con fondos ICO aplicarase a subvención do FEDER que terá un importe de ata 1,75 puntos porcentuais. A operativa para o cobro desta subvención estará suxeita ás normas de funcionamento entre o ICO, o FEDER e a entidade de arrendamento financeiro.

b) Axuda financeira do Igape: a subsidiación ó tipo de xuro ou tipo de tarifa dos contratos de arrendamento financeiro será a seguinte:

-Leasing inmobiliario: para a parte das operacións financiada con fondos do ICO a subsidiación será de

1 punto durante os 7 primeiros anos, non tendo dereito a percibi-la subvención a partir do sétimo ano.

Para a parte das operacións financiadas con fondos das entidades ou sociedades de arrendamento financeiro a subsidiación será de 2 puntos durante os 7 primeiros anos, non tendo dereito a percibi-la subvención a partir do sétimo ano.

-Leasing mobiliario: para operacións a prazo de 5 anos e para a parte financiada con fondos do ICO a subvención será de 1 punto durante toda a vixencia do contrato. Para a parte financiada con fondos das entidades ou sociedades de arendamento financeiro a subsidiación será de 3 puntos durante toda a vixencia do contrato.

Para operacións con prazo inferior a 5 anos a subvención será de 3 puntos durante toda a vixencia do contrato.

O Igape poderá diferenciar na resolución de concesión da subsidiación segundo a orixe dos fondos ou facelo de forma ponderada nunha soa expresión numérica.

6.4.4. O tipo de xuro neto resultante para o beneficiario, é dicir, o nominal menos os puntos de subsidiación, non poderá ser inferior ó 5%. No caso de que sexa inferior limitarase a subsidiación ata o dito tipo efectivo resultante.

6.4.5. Condicións das cotas de arrendamento financeiro.

A cotas de arrendamento financeiro serán de igual importe, terán vencemento mensual e deberán cumpri-los requisitos establecidos na disposición adicional 7ª da Lei 26/1988. Non obstante, poderá establecerse unha primeira cota de maior importe cás seguintes.

6.4.6. A partir da entrada en vigor deste convenio, as sociedades de arrendamento financeiro poderán subscribi-los oportunos contratos cos seus clientes, antes de presenta-la correspondente solicitude e documentación no rexistro de entrada do Igape, sen necesidade de esperar á oportuna resolución do expediente.

Non obstante, os contratos asinados nestas circunstancias incluirán unha cláusula manifestando a vontade das sociedades de arrendamento financeiro de acolle-lo dito contrato ó convenio do Igape, e unha vez obtida a resolución deste ente formalizaríase un anexo ó contrato intervido en corredor de comercio, reflectindo que o mesmo se acolle definitivamente ó convenio. As cotas anteriores á resolución non terán subsidiación do Igape.

Cláusula 7ª.-Tramitación.

7.1. Modelo de solicitude e documentación a presentar polo solicitante nas sociedades de arrendamento financeiro.

-A solicitude a presentar deberase corresponder co modelo normalizado que para tal efecto se distribuirá e daráselle publicidade a través das sociedades de arrendamento financeiro.

-Documentación a presentar coa solicitude:

a) Documentación acreditativa das circunstancias persoais do solicitante: fotocopia do DNI/NIF. No caso de ser sociedades, ademais da fotocopia do CIF, copia da escritura de constitución onde consten os datos do Rexistro Mercantil e certificación do secretario do consello de administración co visto e prace do presidente ou administrador único, na que figure a composición actual do consello, detalle de accionistas con participación superior ó 10% (indicando nome ou razón social e porcentaxe de participación), número de traballadores actuais, importe dos seus recursos propios e do activo neto a data de peche o último exercicio contable.

b) Fotocopia de alta/s no censo do imposto de actividades económicas e fotocopia do pago do/s último/s recibo/s.

c) Descrición e relación valorada do investimento proxectado, xuntando documentación acreditativa do mesmo (facturas proforma, orzamentos, contratos, etc., orixinais) asinada polo provedor.

d) Declaración xurada doutras axudas solicitadas para o mesmo proxecto, especificando o organismo ó que se solicitou, normativa legal que a ampara, data de presentación, contía solicitada, situación administrativa e, se é o caso, importe concedido.

e) Declaración expresa de non ter contraída débeda ningunha coa Xunta de Galicia.

f) Certificados que acrediten estar ó día nas obrigas fiscais e coa Seguridade Social, emitidos polos órganos competentes.

g) Fotocopia do último TC1 e TC2.

h) No caso de solicitantes que sexan empresas participadas por sociedades en porcentaxe superior ó 25%, deberán presentar, ademais, certificación das sociedades accionistas emitida polo representante con poder suficiente, na que figure o número de traballadores actuais, o importe dos seus recursos propios e do activo neto, a data de peche do último exercicio contable.

i) Para aqueles proxectos de investimento por importe superior a 75 millóns de pesetas, deberán xuntar á anterior documentación unha memoria que conteña os antecedentes da empresa ou dos seus promotores, as razóns que aconsellan a realización do proxecto, memoria de funcionamento, de investimentos, comercial e financeira, e estudio de viabilidade, asinado polo solicitante.

En calquera caso, poderanse requirir cantos outros documentos se consideren oportunos a xuízo do Igape, para efectos de fundamenta-la solicitude.

7.2. Presentación de solicitudes.

As solicitudes presentaranse nas sociedades de arrendamento financeiro segundo o modelo normalizado xa citado, acompañadas pola documentación que se sinala no epígrafe anterior.

O impreso de solicitude constará de catro exemplares:

-Orixinal e primeira copia para o Igape.

-Segunda copia para a sociedade de arrendamento financeiro.

-E terceira copia para o solicitante.

A sociedade de arrendamento financeiro datará e selará os catro exemplares, entregándolle ó solicitante a terceira copia. Centralizará a recepción das solicitudes presentadas nas distintas oficinas, tendo un prazo de 15 días para resolve-la petición, sendo o prazo límite para a aceptación de solicitudes nas devanditas sociedades o 30 de novembro de 1995.

As sociedades de arrendamento financeiro deberán presentar no Rexistro do Igape os expedientes coa documentación completa, acompañados da comunicación de concesión do leasing (segundo o modelo que se anexa) e das correspondentes táboas de amortización, sendo o derradeiro día hábil para a súa presentación o 15 de decembro de 1995.

A presentación dos expedientes no Igape realizarase mediante escrito no que se relacionen os expedientes que se xuntan (número, nome e importe).

As solicitudes presentadas por sociedades civís ou comunidades de bens deberanse tramitar a nome dos titulares que formalizarán o contrato, seguido da denominación da sociedade civil ou comunidade de bens.

A documentación terá que estar completa e a solicitude debidamente cuberta; no caso contrario, o Igape reclamará á sociedade de arrendamento financeiro e ó solicitante os documentos necesarios para completa-lo expediente, así como os datos adicionais que coide convenientes para precisa-lo contido da documentación preceptiva, debendo ser presentados no prazo improrrogable de 15 días hábiles a partir da data de notificación ó solicitante. Tanscorrido o dito prazo arquivarase o expediente sen máis trámite.

7.3. Concesión.

O Igape resolverá as solicitudes de axuda financeira, notificando ó solicitante e á sociedade de arrendamento financeiro a súa concesión ou denegación. Nos casos de resolucións aprobatorias, de non mediar interposición de recurso, o beneficiario deberá aceptar expresamente no prazo de 30 días a resolución recaída así como as condicións que na mencionada resolución se establezan.

A aceptación formalizarase mediante escrito dirixido ó Igape, segundo modelo de dilixencia de aceptación que se xuntará coa resolución.

Transcorrido o devandito prazo sen que o benefeciario comunique a aceptación, quedará sen efecto a concesión da subvención.

7.4. Formalización.

Formalizarase o correspondente contrato de arrendamento entre a sociedade de arrendamento financeiro e o solicitante de acordo co estipulado na cláusula 6ª deste convenio.

O prazo máximo para a formalización ou, se é o caso, a adaptación da póliza ás condicións deste convenio, será de 1 mes, contado desde a data de notificación da concesión ó beneficiario. Transcorrido o devandito prazo considerarase a concesión nula salvo autorización expresa do Igape, á vista da solicitude razoada do beneficiario e coa conformidade da sociedade de arrendamento financeiro.

No contrato de arrendamento financeiro recollerase, ademais das especificacións que establece a normativa legal, a característica de estar acollido ó convenio. Non poderá cancelarse anticipadamente o contrato sen a previa comunicación da sociedade de arrendamento ó Igape.

A sociedade de arrendamento financeiro deberalle remitir ó Igape, coa maior brevidade, dúas fotocopias do contrato, unha vez formalizado, así como certificado de conformidade sobre a entrega dos bens arrendados, debidamente subscrito polo arrendatario; certificación da carga financeira ó tipo de tarifa do contrato e ós puntos subsidiados acompañada das correspondentes táboas de amortización; compromiso do arrendatario de exerce-la opción de compra e copia dos documentos que xustifiquen o investimento.

Cláusula 8ª.-Liquidación e pagamento da subvención.

A liquidación da subsidiación efectuarase anualmente e polo importe correspondente ó número de meses de vixencia do contrato durante o ano a liquidar. O importe mensual da subvención será constante. A subvención será:

O importe da carga financeira calculada ós puntos de subsidiación e de acordo co establecido na cláusula 6.4.3. deste convenio.

O pagamento da subvención ó beneficiario realizarase a través da sociedade de arrendamento financeiro, que presentará, por duplicado, ante o Igape, xunto coa certificación de solicitude de cobro da subvención, unha relación individualizada das súas operacións, especificando número de expediente, titular, importe do contrato, data de formalización, data de vencemento, prazo en meses, carga financeira total establecida no contrato, carga financeira total que correspondería aplicando os puntos obxecto de subsidiación, importe da subvención total, número de meses de vixencia do período a liquidar e importe da subvención solicitada.

Para operacións acollidas a este convenio e formalizadas durante o exercicio 95, as sociedades de arrendamento financeiro deberán presenta-la solicitude de cobro da subvención dentro dos 15 primeiros días do mes de xaneiro do ano 96.

Para exercicios posteriores, a devandita solicitude presentarase na primeira quincena do mes de xullo de cada ano.

Cláusula 9ª.-Entidades financeiras colaboradoras.

A entidade financeira ...... colaborará coa sociedade de arrendamento financeiro ...... na tramitación das solicitudes de axuda ó arrendamento financeiro a tra

vés da súa rede de oficinas, co obxecto de dar maior difusión e operatividade ó convenio.

Cláusula 10ª.-Compromiso das sociedades de arrendamento financeiro.

A sociedade que subscribe o presente convenio comprométese a aprobar contratos de arrendamento financeiro nos termos e condicións establecidos neste convenio e no Decreto 59/1994, do 25 de marzo, ata un importe máximo de ...... millóns de pesetas.

No caso de que tivese solicitudes unha vez acadado o límite sinalado, para a súa tramitación deberá solicitar, antes do 30 de novembro de 1995, autorización expresa ó Igape, despois do 15 de novembro de 1995.

Cláusula 11ª.-Compatibilidade.

Os bens obxecto do contrato de arrendamento financeiro non poderán ser incluídos en proxectos investidores financiados en todo ou en parte mediante créditos ou préstamos con subvención ó tipo de xuro.

Estas axudas serán compatibles con outras a fondo perdido establecidas pola Xunta de Galicia ou calquera outra Administración pública, sempre que a axuda non supere, en termos de subvención neta equivalente, os límites legalmente establecidos.

Para o cálculo da axuda da subvención do tipo de xuro procederase do seguinte xeito:

a) Calcularanse en pesetas correntes os valores absolutos das subvencións a recibir.

b) Actualizaranse ó ano da concesión das axudas os valores absolutos obtidos anteriormente, utilizando como taxa de actualización o tipo de xuro legal do diñeiro.

Cláusula 12ª.-Perda da subvención.

1. No caso de reclamación xudicial a instancia da sociedade de arrendamento financeiro, por incumprimento do contrato de arrendamento financeiro, e nos casos de suspensión de pagos ou bancarrota do arrendatario, perderase o dereito á subsidiación ó tipo de xuro a partir da data de presentación da reclamación ou da aceptación das anteriores declaracións no xulgado.

A sociedade de arrendamento financeiro queda obrigada a comunicarlle ó Igape a relación detallada das operacións obxecto de reclamación xudicial e as que incorran en bancarrota ou suspensión de pagos con indicación da data de presentación ou aceptación no xulgado.

2.- Procederase ó reintegro das cantidades percibidas e á esixencia do xuro de demora desde o momento de calquera pago con cargo á subvención concedida nos seguintes casos:

a) Incumprimento da condición de xustificación.

b) Obte-la subvención sen reuni-las condicións requiridas para iso.

c) Incumprimento da finalidade para a que a subvención foi concedida.

d) Incumprimento das condicións impostas ó beneficiario con motivo da concesión da subvención.

e) No caso de mora ou non pago das cotas polo arrendatario, a sociedade de arrendamento financeiro queda obrigada a comunicarlle ó Igape tal circunstancia, retendo a subsidiación correspondente en canto o beneficiario non regularice a súa situación. De non facelo, o arrendatario procederá á devolución ó Igape das cantidades indebidamente percibidas.

Transcorridos 30 días naturais desde a data de notificación do correspondente acordo de cancelación da subvención sen que se efectuase o ingreso da cantidade esixida naquel, procederase ó seu cobro por vía de constriximento.

3. Asemade, o Igape poderá esixi-las correspondentes responsabilidades ás partes implicadas nos convenios de colaboración nos casos de culpa, neglixencia grave ou dolo, en detrimento do cumprimento das finalidades destas subvencións.

Cláusula 13ª.-Normas operativas.

As entidades asinantes comprométense a acatar e cumprir cantas normas de carácter operativo sexan dictadas polo Igape, para a mellor administración e control das operacións incluídas no convenio.

Cláusula 14ª.-Información e inspección.

O Igape poderá solicitar ás sociedades de arrendamento financeiro e ós beneficiarios, e durante a vixencia do contrato, calquera información ou documentación que considere oportuna; así como proceder á inspección directa dos investimentos que realicen os beneficiarios das axudas.

Cláusula 15ª.-Denuncia do convenio.

Será causa suficiente para a denuncia do presente convenio o incumprimento por unha das partes de calquera das súas cláusulas.

A denuncia, que deberá facerse con 30 días de preaviso, suporá, en todo caso, deixar atendidas fronte ós beneficiarios as obrigas xa legalmente contraídas polas dúas partes.

Cláusula 16ª.-Seguimento do convenio.

O seguimento do convenio realizarase a través dunha «comisión de vixilancia e seguimento», integrada polas sociedades de arrendamento financeiro, o ICO e representantes do Igape, que terán reunións con periodicidade trimestral, ou ben convocando separadamente a cada unha delas.

O Igape fará públicos os resultados do convenio de forma periódica.

Cláusula 17ª.-Publicidade.

As entidades asinantes comprométense a amosar, nas súas distintas sucursais, a publicidade facilitada polo Igape e a colaborar na axeitada difusión desta liña de axudas.

Co obxecto de acadar unha maior eficacia, os proxectos e campañas publicitarias, se é o caso, serán sometidas á aprobación previa do Igape.

Cláusula 18ª.-Natureza.

O presente convenio ten natureza administrativa, correspondendo ó Igape a interpretación do seu contido.

Pola sociedade de Polo Igape,

arrendamento financeiro,

Asdo.:... Asdo.: José Antonio Orza Fernández

DNI: Presidente do Igape.

Pola entidade financeira,

Asdo:...

DNI:

ANEXO

MODELO DE COMUNICACIÓN DE CONCESIÓN CONTRATO LEASING

Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

Rfa: Convenio Leasing-95

R/ Frei Rosendo Salvado, 16 baixo

Santiago de Compostela.

Estimados Srs.:

Estudiada a solicitude de arrendamento financeiro presentada nesta sociedade acollida ós beneficios regulados polo Decreto 59/1994, do 25 de marzo, da Consellería de Economía e Facenda, e ó convenio de colaboración arriba referenciado, comunicámoslles a vostedes que foi concedido o contrato de arrendamento financeiro coas características que se detallan:

Beneficiario:

Nº contrato Leasing:

Características da operación:

Modalidade: Inmobiliario Mobiliario

Importe:

Prazo:

Orixe dos fondos:

Do ICO:

Importe ..... Porcentaxe ..... Tipo tarifa .....

Da entidade financeira:

Importe ..... Porcentaxe ..... Tipo tarifa .....

Carga financeira estimada para os puntos de subsidiación:

Xuntamos o orixinal e 1ª copia do impreso de solicitude e a documentación completa esixida para o efecto.

Data e sinatura.

Relación de entidades financeiras colaboradoras

Banco Bilbao Vizcaya Leasing.

Banco de Asturias.

Banco Español de Crédito Leasing.

Banco Exterior de España Leasing.

Hispamer.

Iberleasing, S.A.

Lico Leasing, S.A.

Pastor Leasing, S.A.F., S.A.

Bansander de Leasing.

Caixa Leasing.

95-5510