Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Luns, 28 de agosto de 1995 Páx. 6.641

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

RESOLUCIÓN do 28 de xullo de 1995 pola que se convocan 130 bolsas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

Dentro do plan de actuacións do Igape para 1995 figura o programa de BOLSAS 95; a súa convocatoria enmárcase dentro das funcións xenéricas atribuídas a este instituto pola súa lei de creación. Este programa procura a continuidade da liña de promoción do primeiro emprego de posgraduados, ofrecendo ademais outras posibilidades a aqueles xoves universitarios interesados en continuaren a súa formación ou realizaren actividades de investigación.

Con tal fin, o Igape convoca 130 bolsas nas seguintes modalidades:

1. Bolsas contratos en prácticas.

2. Bolsas de promoción e apoio ás Pemes.

3. Bolsas de investigación.

BASES:

Primeira.-Normas comúns.

1. Requisitos.

Serán requisitos comúns ós solicitantes de calquera das modalidades de bolsa ou bolsas de traballo os seguintes:

A) Ser nacional dun país membro da Unión Europea.

B) Terán que cumprir algunha das seguintes condicións:

-Ter veciñanza administrativa en Galicia.

-Ser natural de Galicia.

-Ser fillo de emigrantes galegos no exterior.

C) Non padecer enfermidade ou defecto físico que imposibilite o cumprimento dos seus labores como bolseiro.

D) Non te-la obriga de realiza-lo servicio militar ou prestación social substitutoria durante o período de desfrute da bolsa. Esta condición deberá xustificarse de forma que faga fe no momento de presenta-la solicitude.

E) Non ter sido separado do servicio de ningunha Administración pública como consecuencia de expediente disciplinario.

F) Estar en posesión dunha titulación universitaria dalgún país membro da Unión Europea (superior ou media) ou títulos oficialmente recoñecidos como equivalentes que habiliten para o exercicio profesional, na data na que remate o prazo de presentación de solicitudes.

No caso de títulos expedidos por centros estranxeiros non pertencentes á Unión Europea, será preciso que

estean homologados polo Ministerio de Educación e Ciencia antes de remata-lo prazo de presentación de solicitudes.

2. Número.

No caso de que non se cubra o número total de bolsas ofertadas para unha modalidade, as vacantes pasarán a incrementa-lo número de bolsas das modalidades restantes en función da demanda existente.

3. Instancias.

O modelo de instancia para os titulados será único, segundo o anexo II. Poderase optar a unha ou máis modalidades de bolsa, pero só se adxudicará unha bolsa por solicitante, de tal xeito que en canto un candidato resulte seleccionado para unha das modalidades, eliminarase a súa solicitude naqueloutras ás que se presentase.

Para efectos do parágrafo anterior, enténdese que aquelas persoas que optaron por unha bolsa segundo a Orde do 10 de abril de 1995 pola que se establece o programa de axudas para a mellora da competitividade nas empresas, quedan excluídos, de tal xeito que, se lles fose concedida unha bolsa das indicadas, non poderán optar ó resto.

4. Lugar de presentación.

No Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), en calquera das súas oficinas de:

A. Santiago de Compostela: r/ Frei Rosendo Salvado, 16-baixo. C.P. 15701.

B. Ferrol: Península da Cabana s/n. C.P. 15590.

C. Vigo: r/ Príncipe, 43-2º E. C.P. 36202.

Ou ben segundo o establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. Financiamento.

O importe total das bolsas non será superior ós douscentos sesenta e sete millóns duascentas mil pesetas (267.200.000 ptas.), estimando que se financiarán a cargo do orzamento de 1995 cento un millóns cincocentas mil pesetas (101.500.000) e con cargo ó orzamento de 1996 cento sesenta e cinco millóns setecentas mil pesetas (165.700.000 ptas).

Segunda.-Normas específicas.

TÍTULO I

Bolsas contratos en prácticas

1. Obxecto.

O obxecto destas bolsas é o de atende-las necesidades de amplia-los coñecementos prácticos e axudarlles a encontra-lo primeiro emprego a recén titulados universitarios con escasa experiencia profesional, perfeccionando os seus coñecementos e axudándolles á súa integración en pequenas e medianas empresas, ó mesmo tempo que se fomenta o emprego.

2. Duración.

A duración deste tipo de bolsas establécese en 12 meses, a partir da data da sinatura do contrato.

3. Número e tipo.

3.1. Número.

Establécese un máximo de 100 bolsas, que se rexerán, en canto ó tipo e modalidade da relación laboral, polo disposto no Art. 3, apartado 1º do R.D.L. 18/93, do 3 de decembro, ou calquera outra modalidade contractual que beneficie ó traballador, logo da autorización do Igape.

3.2. Tipo de bolsas.

A) Bolsas de réxime xeral: 80 bolsas destinadas ás Pemes que desenvolvan a súa actividade no ámbito da Comunidade Autónoma galega e que conten cun mínimo de tres traballadores fixos. Este requisito non será necesario nas empresas de nova creación, entendendo por estas as que non teñan máis de un ano de antigüidade.

B) 20 bolsas para lles adxudicar a asociacións e entidades representativas dos sectores ou subsectores empresariais.

4. Empresas beneficiarias.

A) Poderán solicitar este tipo de bolsas, as empresas ou entidades sinaladas no apartado 3.2.A e B deste título.

B) Cada unha das empresas seleccionadas só terá opción á adxudicación dun bolseiro, agás as entidades e asociacións máis representantivas galegas de sectores ou subsectores empresariais que poderían ser dous por cada unha delas.

C) Non terá ningún efecto a petición dunha persoa en concreto.

D) O cumprimento, se é o caso, da existencia dun mínimo de tres traballadores fixos, acredítase xuntándolle á solicitude fotocopia compulsada do último TC2 da empresa.

E) O empresario terá que lle pagar ó traballador como mínimo 1.550.000 ptas. brutas ó ano, sendo a seguridade social da empresa a cargo exclusivo desta e co grupo de cotización na Seguridade Social 01 para licenciados e 02 para diplomados.

No caso de convenios inferiores no que o 100% do salario correspondente á súa categoría profesional sexa inferior a esta cantidade, a empresa poderá optar por pagarlle ó traballador o 100% do salario que lle corresponde por categoría e convenio, reducíndose o importe da bolsa na mesma contía proporcional que resulte da minoración anterior. Neste caso tamén a seguridade social da empresa será a cargo desta.

5. Titulados.

Poderán presenta-la súa solicitude as persoas que reúnan os requisitos enumerados na base 1ª desta convocatoria e ademais:

A) Obte-lo título do que se trate despois do 30.06.92, interrompendo o cómputo na mesma medida

que a súa permanencia en filas ou prestación social substitutoria (se ese fose o caso).

B) Non ter 30 anos cumpridos na data na que remate o prazo de presentación de solicitudes.

C) Non ter desempeñado con anterioridade ningún traballo profesional para o que se requirise a mesma titulación que se esixe nesta convocatoria, en virtude de cualquera tipo de contrato laboral de duración igual ou superior a 12 meses.

6. Contía.

A contía deste tipo de bolsa establécese en 1.550.000 ptas.

Esta cifra será a contía máxima que o Igape lle aboará á empresa, sen prexuízo do xa establecido no apartado 4.E deste título, sendo sempre a seguridade social da empresa a cargo desta.

A xornada de traballo pactada no contrato terá que ser a xornada completa, salvo casos excepcionais de empresas que, con carácter xeral, teñan establecida unha reducción de xornada para a maioría dos traballadores da empresa. Neste último caso, o importe da bolsa reducirase na mesma proporción que a reducción da xornada.

7. Solicitudes e prazos de presentación.

7.1. Solicitudes.

As empresas terán que indicar unha titulación preferente e outra titulación alternativa por se non fose posible adxudica-la preferente.

Tanto as empresas coma os titulados terán que presenta-la súa solicitude conforme os modelos normalizados que figuran como anexos I, II, III e IV desta convocatoria, nos prazos que máis adiante se detallan, xunto coa documentación (orixinal ou fotocopia compulsada), que acredite tódolos pormenores esixidos na convocatoria e que para a modalidade de bolsas de traballo en prácticas se concreta en:

A) Para os titulados:

1) Fotocopia do DNI ou do pasaporte.

2) Fotografía co nome do interesado no dorso.

3) Currículum vitae (segundo anexo III).

4) Título universitario ou certificado de ter pagado as taxas para a obtención do mesmo.

5) Expediente académico, expedido polo centro ou institución onde o candidato efectuou os seus estudios.

6) Acreditación da veciñanza administrativa en Galicia, de ser natural de Galicia ou fillo de emigrantes galegos no exterior.

7) Documento xustificativo de non te-la obriga de realiza-lo servicio militar ou a prestación social substitutoria durante o período de desfrute da bolsa.

8) Declaración xurada de non estar separado do servicio de calquera Administración pública.

9) No caso no que no baremo de autoavaliación se outorgue algún punto terá que ser debidamente xustificado co correspondente certificado.

B) Para as empresas.

1) Certificado de estar ó corrente nos pagamentos á Seguridade Social e obrigas tributarias.

2) TC2 da empresa, correspondente ó mes anterior ó que presenta a solicitude.

3) Copia do convenio colectivo da empresa ou do sector.

4) Declaración xurada de axudas recibidas do Igape en anos anteriores (93/94), segundo anexo IV.

7.2. Prazos.

Empresas:

As empresas terán un prazo de 15 días para presenta-las súas solicitudes, desde o día seguinte ó da publicación no DOG desta orde.

Dentro dos cinco días seguintes á finalización do prazo de solicitudes publicarase unha lista, nas dependencias do Igape, de empresas admitidas e anuladas para a selección, establecéndose un prazo de cinco días, desde a publicación da dita lista, para presentar calquera reclamación, rectificación ou aportación de documentación.

Ós cinco dias de finaliza-lo prazo de reclamación, rectificación ou aportación de documentación, publicarase a lista definitiva de empresas admitidas coa titulación e especialidade solicitada e a lista de empresas suplentes.

Ttitulados:

Os titulados poderán presenta-las súas solicitudes, sempre que a súa titulación fose solicitada polas empresas, desde o mesmo día da publicación no Igape da lista definitiva de empresas ata os 15 días seguintes.

Ós dez días posteriores á finalización do prazo de solicitudes de titulados, publicarase, nas dependencias do Igape unha lista de instancias anuladas ou incorrectas, facendo consta-lo motivo, para que no prazo de 5 días se reparen os ditos erros; en caso contrario, procederase á anulación e arquivo da documentación incompleta.

Ós cinco días posteriores á finalización do prazo anteriormente dito, publicarase unha lista definitiva de solicitudes admitidas a selección e outra de instancias anuladas.

Non se admitirán as solicitudes daquelas titulacións que non fosen solicitadas por algunha empresa.

Poderanse ampliar estes prazos no caso de non quedaren cubertos os obxectivos.

8. Selección de empresas e titulados.

8.1. Selección de empresas.

A selección de empresas correspóndelle ó Igape, e esta farase tendo en conta os seguintes aspectos:

a) Número de traballadores fixos.

b) Expectativas de permanencia do bolseiro na empresa, unha vez rematado o período da bolsa.

c) Percepción de subvencións ou axudas de organismos públicos para fomento do emprego.

d) Dificultades de acceso ó mercado laboral da titulación solicitada.

e) Utilización de bolseiros do Igape en anos e programas anteriores.

f) Emprego do bolseiro despois da finalización da bolsa.

g) Participación da empresa en actividades formativas e informativas do Igape.

Unha vez feita a selección, farase unha resolución adxudicándolles ás empresas seleccionadas o titulado.

8.2. Selección de titulados.

A selección de titulados faraa en primeira instancia o Igape, segundo a titulación, especialidade e o expediente académico (baremo establecido no apartado 9).

Unha vez feita esta primeira selección, remitirase a cada empresa unha relación de bolseiros composta como máximo por 4 bolseiros por praza, non sendo nunca inferior a dous bolseiros por praza (salvo que só existise unha solicitude de bolseiro), cos seus correspondentes currículums para que fagan as correspondentes entrevistas de selección, debendo no prazo de 15 días devolver esta relación ó Igape ordenada segundo a súa preferencia. No caso en que non se remita a dita relación no prazo anteriormente dito, considerarase que renuncia o bolseiro.

Se a empresa optase por unha titulación/especialidade para a que non houbese suficientes bolseiros, remitiranse os existentes a aquelas empresas que entregasen antes a súa solicitude, dando opción ás restantes a cambiar de titulación/especialidade.

O Igape atenderá estas peticións por estricta orde de entrada no rexistro. As empresas poderán envia-la súa relación por fax (posteriormente terán que remitila por correo). No caso de empresas nas que coincida a súa data de rexistro, terá preferencia a que antes presentase a súa solicitude de bolseiro, se aínda así se dera outra vez algunha coincidencia teríase en conta outros aspectos como: número de traballadores fixos, renuncia do bolseiro en anos anteriores, empresa xa subvencionada outros anos, etc.

9. Baremo de autoavaliación.

Matrícula de honra: 4 puntos.

Sobresaliente: 3 puntos.

Notable: 2 puntos.

Aprobado: 1 punto.

Reducción ó mesmo número de materias.

puntuación obtida x 10

nº de materias

Proxecto Fin de Carreira, grao ou Tese de licenciatura: 2 puntos.

Curso posgrao/Máster (máis de 150 h): 3 puntos.

Doutoramento: 4 puntos.

No caso no que coincidan coa mesma puntuación varios seleccionados, teranse en conta o nivel de coñecementos de informática e de idiomas (que deberán xustificarse co correspondente certificado).

10. Adxudicación e resolución.

Procederase á adxudicación das bolsas atendendo á selección efectuada pola empresa.

Non se lles adxudicará a bolsa a aqueles candidatos que, aínda tendo unha boa puntuación (segundo baremo), non fosen seleccionados por unha empresa.

Unha vez seleccionadas as empresas e os bolseiros, realizarase unha resolución conxunta, e comunicaráselles a tódolos interesados.

11. Formalización dos contratos.

Unha vez recibida a notificación por parte do Igape da adxudicación da bolsa, a empresa terá que notificarlle por escrito ó bolseiro o día que terá que asina-lo contrato; se o bolseiro non se incorpora no prazo establecido pola empresa perderá os dereitos á bolsa, entendéndose que renuncia a ela. Neste caso a empresa terá que lle comunicar por escrito ó Igape tal situación.

Os contratos terán que ser formalizados e entregados no Igape coa alta na Seguridade Social mailos datos bancarios da empresa, dentro dos 10 días seguintes á comunicación por parte do Igape da adxudicación do bolseiro. Se non se recibise esta documentación no Igape no prazo anteriormente dito e sen que mediase ningunha xustificación escrita por parte da empresa, entenderase que esta renuncia ó bolseiro.

NOTA: Nos contratos terá que consta-la retribución bruta anual e o grupo de cotización da Seguridade Social debe estar ben claro (01 Licenciados e 02 Diplomados).

12. Réxime de pagamentos.

Unha vez recibidos no Igape os contratos de traballo rexistrados polo INEM, os partes de alta na Seguridade Social do traballador, selados pola Tesourería Xeral da Seguridade Social e os datos bancarios da empresa, o instituto aboará o vinte por cento da bolsa.

Unha vez vencido cada trimestre, a empresa remitiralle ó Igape copia das nóminas e dos boletíns de cotización á Seguridade Social correspondente ós traballadores que desfruten da bolsa de traballo en prácticas e unha vez comprobados estes será aboado o vinte por cento da bolsa.

Ó remata-lo período da bolsa, tanto a empresa como o traballador terán que entregar no Igape copia das nóminas e dos boletíns de cotización á Seguridade Social correspondentes ós últimos tres meses mais unha memoria das actividades realizadas durante o período da bolsa, segundo modelos homologados e

entregados polo Igape. As empresas subvencionadas achegarán a documentación citada no parágrafo anterior e unha vez recibida e comprobada no Igape aboaráselle o vinte por cento correspondente ó último trimestre

TÍTULO II

Bolsas de promoción e apoio ás Pemes

1. Obxecto.

O obxecto desta convocatoria é a concesión de 20 bolsas, para a realización de estudios de mercado, busca de oportunidades de negocio, investigación de posibilidades de cooperación internacional de empresas e necesidades das Pemes, etc., no ámbito da promoción comercial, e apoio á Peme mediante a realización de prácticas que complementen a formación académica dos candidatos seleccionados.

2. Duración e residencia.

A duración da bolsa establécese en doce meses, contados desde a data de sinatura do compromiso. Durante o dito período o bolseiro terá a obriga de residir no país ou cidade que se lle asigne. Non obstante, se as actividades programadas polo Igape o requiren, o bolseiro poderá ser trasladado de cidade e/ou país, temporal ou definitivamente.

3. Beneficiarios.

Poderán solicitar bolsas para o desenvolvemento das actividades de promoción comercial as persoas que reúnan os requisitos xerais indicados na base primeira desta convocatoria e os específicos seguintes:

A. Declaración xurada de non ter desfrutado dunha bolsa de características similares.

B. Coñecemento doutro idioma (falado e escrito) a elixir obrigatoriamente entre: inglés, francés ou alemán, valorándose os coñecementos doutros idiomas.

4. Dotación.

A dotación de cada bolsa será de 2.500.000 ptas. Esta cantidade poderá ser incrementada ata un máximo de 1.000.000 de ptas. adicional, ou a súa parte proporcional, no caso de ter que desfrutar da bolsa no estranxeiro por períodos de longa duración.

Quedan englobadas dentro da dotación, se é o caso, da bolsa os gastos orixinados por:

-A obtención do visado ou permiso de residencia esixidos polas autoridades do país de destino.

-A adquisición dos billetes de ida e volta, se é o caso, á cidade de destino.

-A contratación dun seguro de enfermidade e accidentes por unha duración equivalente á da bolsa.

-A obtención dun certificado de boa saúde para o normal exercicio da bolsa.

-Vacinas necesarias para o país de destino.

-Calquera gasto orixinado para garanti-lo bo desenvolvemento da bolsa.

A xestión e a tramitación dos ditos servicios serán realizados pola persoa beneficiaria coa supervisión do Igape.

No momento de aceptación da bolsa e sinatura do correspondente compromiso de cumprimento das normas e obrigas que se establezan, o bolseiro percibirá o 30% da dotación, o 30% aboarase ó inicio do primeiro cuadrimestre, e outro 30% ó inicio do seguinte cuadrimestre do período de duración da bolsa e o 10% ó final.

5. Prazos e documentación.

5.1. Prazos.

Os titulados poderán presenta-las súas solicitudes desde o día seguinte ó da publicación no DOG ata o 30-09-1995. Poderá ampliarse este prazo no caso de non quedar cubertos os obxectivos.

5.2. Documentación.

Adxuntarase necesariamente á solicitude orixinais ou fotocopias compulsadas da documentación seguinte:

A. Fotocopia do DNI ou do pasaporte.

B. Unha fotografía co nome do interesado ó dorso.

C. Acreditación da veciñanza administrativa en Galicia, de ser natural de Galicia ou fillo de emigrantes galegos no exterior.

D. Título universitario ou certificado de ter pagado as taxas para a obtención del.

E. Expediente académico, expedido polo centro ou institución onde o candidato efectuase os seus estudios.

F. Documento xustificativo de non estar obrigado a realiza-lo servicio militar ou a prestación social substitutoria durante o período de desfrute da bolsa.

G. Declaración xurada de non ter desfrutado dunha bolsa de características similares.

H. Declaración xurada de non estar separado do servicio de calquera das administracións públicas.

I. Indicación do idioma ou idiomas dos que se quere examinar, declarando os niveis de coñecemento que posúa e aportando os certificados acreditativos correspondentes para aqueles idiomas que coñeza pero dos que opte por non examinarse.

J. Currículum vitae (segundo anexo III)

K. No caso de que no baremo de autoavaliación se outorgue algún punto terá que ser debidamente xustificado co correspondente certificado.

En calquera momento, o Igape poderalle pedir ó solicitante a información e a documentación complementarias que considere necesarias para a resolución do expediente.

6. Selección dos aspirantes.

O 10-10-1995 farase pública, nos centros do Igape indicados na base primeira, unha lista de admitidos a selección e establecerase un prazo de 10 días para

as correspondentes reclamacións. Unha vez cerrada a lista, farase unha selección dos aspirantes, segundo baremo de autoavaliación, que terán que realiza-las seguintes probas de carácter eliminatorio, tralas cales se publicará a relación definitiva de aspirantes seleccionados:

A. Proba do idioma elixido polos aspirantes: inglés, francés ou alemán. Poderanse presentar ás probas a máis de un idioma.

Proba do sistema productivo galego e a súa proxección no exterior.

B. Os aspirantes que superen as probas anteriores serán chamados a unha entrevista persoal.

Os aspirantes que superen estas probas, ata un máximo de 30 persoas, pasarán a realizar un curso de formación; a súa duración será entre 2 e 3 meses; deste curso saerán definitivamente seleccionadas a totalidade das bolsas indicadas (20).

Durante o período de duración do curso o Igape aboará 80.000 ptas. ó mes ou a súa parte proporcional para financiar, se é o caso, manutención, transporte, etc. do curso, sendo o custe do curso asumido polo Igape.

7. Baremo autoavaliación.

Matrícula de honra: 4 puntos.

Sobresaliente: 3 puntos.

Notable: 2 puntos

Aprobado: 1 punto.

Reducción ó mesmo número de materias

puntuación obtida x 10

nº de materias

Proxecto fin de carreira, grao ou tese de licenciatura: 2 puntos.

Curso posgrao/Master (máis de 150 h): 3 puntos.

Doutoramento: 4 puntos.

No caso de que coincidan coa mesma puntuación varios seleccionados, teranse en conta o nivel de coñecementos de informática e de idiomas (que deberán xustificarse co correspondente certificado).

8. Obrigas dos bolseiros.

As persoas beneficiarias deberán dedicarse exclusivamente ó obxecto da bolsa e quedarán suxeitas ás seguintes obrigas:

A. Aceptar e cumpri-las normas que establece esta convocatoria, as que se establezan na aceptación por escrito da bolsa e as instruccións que durante o período da súa vixencia resolva a Área de Promoción do Igape.

B. Participar nas actividades que o Igape organice para a formación das persoas beneficiarias antes de ocupa-lo seu destino.

C. Cumpri-las normas de funcionamento da entidade onde o bolseiro estea radicado.

9. Propiedade dos traballos.

Os dereitos de propiedade intelectual e explotación dos estudios, informes e outros traballos que realice o bolseiro serán propiedade do Igape, que poderá facer uso deles como crea conveniente.

10. Incompatibilidade da bolsa.

A concesión destas bolsas non implica ningunha vinculación, nin laboral nin administrativa, entre a persoa seleccionada e o Igape, nin dará lugar á súa inclusión na Seguridade Social.

As bolsas outorgadas non poderán ser simultaneadas con outras bolsas ou axudas nin con calquera outro tipo de actividade remunerada.

O Igape poderá comprobar mediante os mecanismos de inspección e de control que considere convenientes as actividades das persoas seleccionadas relativas á bolsa concedida.

TÍTULO III

Bolsas de investigación

1. Obxecto e número.

Convócanse 10 bolsas para posibilitarlles ós titulados universitarios a realización de proxectos de investigación, preferentemente práctica, en centros de interese para a comunidade galega, en estudios relacionados con calquera área de innovación tecnolóxica-xestión da empresa, con vistas a unha aplicación práctica do resultado da investigación nas empresas galegas.

Os proxectos de investigación e centro onde se realizarán serán seleccionados polo Igape, conxuntamente con entes representativos de sectores empresariais, universitarios e institutos de investigación e desenvolvemento de Galicia e outros cos que o Igape estableza convenios.

2. Selección de proxectos e adxudicación de bolsas.

As empresas, institucións universitarias e outras institucións de investigación e desenvolvemento de Galicia (incluídos os centros de innovación e Servicio Cis Deseño e Cis Tecnoloxía), presentarán ante o Igape os proxectos de investigación que estimen necesarios e coincidan co obxecto indicado na base 1ª do título III, mediante solicitude que deberá conter como mínimo:

A) Obxecto do traballo de estudio e investigación, coa súa repercusión práctica para a empresa galega.

B) Centro onde debe realizarse o traballo antes indicado (indicando currículum do mesmo, contactos mantidos e compromiso previo de que aceptarían un bolseiro para desenvolve-lo proxecto).

C) Perfil do candidato que realizaría o proxecto.

Para seleccionar estes proxectos, o Igape constituirá unha comisión, na que participarán as consellerías sectoriais da Xunta de Galicia.

3. Solicitudes.

Unha vez adxudicados os proxectos, e mediante a publicidade oportuna en diarios de maior tirada comu

nitaria, convocaranse os posibles bolseiros, con 10 días de prazo, que ademais de cumpri-los requisitos xenéricos esixidos na base primeira desta convocatoria, deberán cumprir cos requisitos específicos indicados no proxecto aprobado.

A selección do bolseiro efectuarase conxuntamente entre o ente que presentou e se lle aprobou o proxecto e o Igape, tendo en conta o currículum dos candidatos, cantos antecedentes se precisen e obteñan e entrevista persoal dos que se consideren máis idóneos para desenvolve-lo proxecto.

De non encontrarse bolseiro idóneo para desenvolve-lo proxecto, optarase por substituí-lo dito proxecto por outro dos presentados e que quedase sen adxudicar, para o cal se constituirá de novo a comisión e iniciará un novo proceso.

5. Prazos.

5.1. Prazo de presentación de proxectos.

Desde o día de publicación no DOG desta orde ata o 30-9-1995.

5.2. Prazo de resolución.

As bolsas estarán adxudicadas antes do 15-11-1995. O Igape poderá ir resolvendo a partir do 15-10-1995 aqueles proxectos claramente definidos.

5.3. Os prazos anteriores poderán ser ampliados de non cubrirse os obxectivos perseguidos.

6. Contía e duración.

O período de desfrute da bolsa será o necesario para desenvolve-lo proxecto, establecéndose unha duración máxima de un ano prorrogable. A prórroga da bolsa será potestativa do Igape, a proposta razoada conxunta do bolseiro e entidade á que se lle aprobou o proxecto segundo a natureza e estado de execución do mesmo.

O importe da bolsa estará en función da súa duración, e como máximo será de 2.500.000 ptas./ano.

Nesta cantidade estarán incluídos tódolos gastos necesarios para o desfrute da bolsa, a excepción da matrícula, de ser necesaria, no centro.

7. Forma de pagamento.

O 30% do importe total da bolsa aboarase ó comezo do desfrute dela e o 30% seguinte cando cumpra o primeiro cuadrimestre, o outro 30% o seguinte cuadrimestre, unha vez recibido informe de actividade do bolseiro aboarase o último 10%.

8. Propiedade dos traballos de investigación.

Os dereitos de propiedade intelectual ou industrial que sexan inherentes ó proxecto de investigación transmítense en exclusiva ó Igape, que poderá facer uso deles como estime conveniente.

9. Xustificación e control.

Transcorridos os seis primeiros meses da bolsa, o bolseiro presentará unha breve memoria do desenvolvemento do proxecto.

Ó remata-la bolsa, deberá presentarse unha memoria completa do proxecto de investigación realizado, incluíndo nela un apartado de resultados e aplicacións prácticas.

Ámbalas memorias serán visadas pola entidade que presentou e á que se lle aprobou o proxecto.

Cláusula adicional

Incidencias

1. O Igape resolverá cantas incidencias se produzan como consecuencia da presente convocatoria, antes e despois da incorporación do bolseiro ó seu destino. Neste sentido, o Igape reserva para si o dereito a cancela-la bolsa, incluso obrigando á devolución do importe xa percibido, se o bolseiro ou, se é o caso, a empresa, incumpre calquera das obrigas contraídas.

2. Se algún bolseiro presentou a súa solicitude e esta foi admitida para as bolsas do programa de axudas para a mellora da competitividade nas empresas, convocadas segundo Orde do 10 de abril de 1995 e publicada no DOG do 9 de maio, e concorren as mesmas circunstancias, só será preciso presenta-la solicitude (anexo II), facendo mención deste pormenor nela, dándose por correcto o resto da documentación e incluso a puntuación obtida, para efectos da convocatoria de calquera destas bolsas.

Se algunha das condicións variou, deberá presentar unicamente a solicitude, escrito indicando as circunstancias que variaron desde a convocatoria indicada e documentación adicional (orixinal ou copias compulsadas), que acreditan o dito pormenor.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 1995.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

9505463