Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Venres, 25 de agosto de 1995 Páx. 6.617

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 9 de agosto de 1995 pola que se ratifica e aproba definitivamente a liquidación das cámaras agrarias locais e se declara a súa extinción.

O artigo 27.29º do noso Estatuto de autonomía atribúelle á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia exclusiva, sen prexuízo do disposto no artigo 149 da Constitución, en materia de cámaras agrarias. O marco xurídico deseñado polo Parlamento galego para asumir no seu momento as funcións, medios e servicios que deberían dar contido a aquela competencia, centrado na Lei 4/1984, do 4 de maio, víuse totalmente trastocado pola aprobación das leis estatais 23/1986, do 24 de decembro, e 23/1991, do 15 de outubro, de carácter básico no seu núcleo fundamental. Diante desa nova situación, e logo da forzosa adaptación autonómica efectuada pola Lei galega 2/1994, do 18 de xullo, consonte as condicións nas que se produciu a transferencia pola Administración central do Estado dos elementos funcionais precisos para o exercicio da competencia estatutaria, a disposición derradeira terceira da Lei 6/1994, do 29 de decembro, autorizou a Xunta de Galicia para acorda-la extinción das cámaras agrarias

locais.

O Decreto 8/1995, do 12 de xaneiro, deseñou o procedemento a seguir para efectua-la liquidación e inmediata extinción daquelas corporacións, dando o máximo protagonismo nese íter ás propias cámaras locais. Deste xeito, tralas oportunas liquidacións, o artigo 7 do devandito decreto establece que a documentación será remitida á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, para a súa ratificación e aprobación definitiva, quedando así extinguidas as cámaras agrarias locais.

En consecuencia, de acordo co establecido no dito decreto e de conformidade coas atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO

Artigo 1º.-Consonte o artigo 7 do Decreto 8/1995, do 12 de xaneiro, ratifícanse e se declaran aprobadas de xeito definitivo as liquidacións das cámaras agrarias locais practicadas polos órganos liquidadores legal e regulamentariamente constituídos, quedando así extinguidas, sen prexuízo da esixencia das responsabilidades en que puideran ter incorrido os liquidadores e da reclamación dos dereitos que lle puideran corresponder á Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-De conformidade co artigo 5.1º do Decreto 8/1995, do 12 de xaneiro, os bens e dereitos non liquidados das cámaras locais quedarán, desde a entrada en vigor da presente orde, incorporados provisionalmente ó patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e adscritos á Consellería de Agricultura,

Gandería e Montes, en tanto non se resolva a súa aplicación definitiva, de conformidade cos criterios establecidos na disposición adicional segunda da Lei 23/1986, do 24 de decembro, na súa redacción dada pola Lei 23/1991, do 15 de outubro. De igual maneira, o numerario ingresarase nas contas restrinxidas da Comunidade Autónoma abertas para o efecto.

Artigo 3º.-As delegacións provincias da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes adoptarán as medidas precisas para garanti-la conservación dos inmobles e mobiliario que contivesen, comunicando á consellería calquera incidencia da que tivesen coñecemento e requirindo os medios necesarios para a correcta preservación do patrimonio.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 1995.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

5483