Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Mércores, 23 de agosto de 1995 Páx. 6.566

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 28 de xullo de 1995 pola que se establece a suplencia dos xefes de Servicio de Inspección Tributaria de determinadas delegacións territoriais.

Por Orde de 22 de decembro de 1993 autorizouse a actuación inspectora dos xefes de Servicio de Inspección Tributaria de determinadas delegacións territoriais, e, conforme co preceptuado no Real decreto 939/1986, do 25 de abril, polo que se aproba o Regulamento xeral da inspección dos tributos, encomendábase, nestes supostos, a realización das liquidacións e o dictado de actos administrativos ós xefes de servicio, específicamente designados, doutras delegacións territoriais.

A perentoriedade na realización das actuacións, esixida tanto polo mencionado Regulamento xeral da inspección dos tributos, como polas normas de densenvolvemento procedemental da Lei xeral tributaria, especialmente en materia de recursos e reclamacións, e as ausencias e enfermidades que viñeron producíndose, ou se produzan, motivan a necesidade de nomear substitutos que doten de axilidade e eficacia a actuación inspectora e en tanto non se remate o proceso de dotación de medios persoais cos funcionarios da Escala Superior de Finanzas.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Realizarán directamente actuacións inspectoras os xefes de Servicio de Inspección Tributaria das delegacións territoriais da Coruña, Ourense, Pontevedra e Vigo.

Artigo 2º.-Tanto nos supostos de actuacións inspectoras realizadas polos xefes de Servicio de Inspección, coma nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade, as liquidacións tributarias e demais actos administrativos que procedan poderán ser dictados polos xefes de Servicio de Inspección Tributaria de calquera das outras delegacións territoriais, sen necesidade de nomeamento específico do conselleiro de Economía e Facenda, por designación do director xeral de Tributos.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada para tódolos efectos a orde da Consellería de Economía e Facenda do 22 de decembro de 1993.

Santiago de Compostela a 28 de xullo de 1995.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

95-5264