Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Luns, 21 de agosto de 1995 Páx. 6.513

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 243/1995, do 28 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación de centros de servicios sociais.

No exercicio da competencia exclusiva que en materia de asistencia social recoñece o artigo 27.23º do Estatuto de autonomía da Comunidade Autónoma, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, na que se ordenan e regulan os aspectos básicos dun sistema integrado de servicios sociais definido como servicio público da Comunidade Autónoma de Galicia.

O título segundo da devandita lei establece unha distribución competencial nesta materia entre as entidades locais e a Administración autonómica atribuíndolle a esta, entre outras, as competencias sobre homologación, rexistro e control de centros, públicos ou privados, con ou sen ánimo de lucro, que presten servicios sociais.

Co fin de garanti-la calidade na prestación dos servicios e os dereitos dos usuarios, compre desenvolve-las previsións da lei regulando as obrigas ás que quedarán suxeitas as entidades prestadoras de servicios sociais, os requisitos que deberán cumpri-los centros, así como os procedementos para a obtención das necesarias autorizacións e permisos que os habiliten para a apertura e inicio de actividades.

Na súa virtude, por iniciativa da Consellería de Sanidade e Servicio Sociais e a Consellería de Familia, Muller e Xuventude e por proposta da consellería da Presidencia e Administración Pública, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteoito de xullo de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º

O presente decreto ten por obxecto a regulamentación do réxime de autorización e acreditación de centros de servicios sociais, así como o establecemento das condicións e requisitos que deben cumprir para o seu funcionamento.

Artigo 2º

1.-O ámbito de aplicación deste decreto esténdese a tódalas entidades prestadoras de servicios sociais, públicas ou privadas, con ou sen ánimo de lucro, que sexan titulares de centros de servicios sociais no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2.-Para efectos do establecido no apartado anterior, e de acordo co previsto no artigo 32 da Lei 4/1993,

do 14 de abril, terá a consideración de entidade prestadora de servicios sociais toda persoa física ou xurídica, legalmente recoñecida como tal, que sexa titular de centros ou desenvolva programas nas áreas de actuación sinaladas no artigo 5.3º da devandita lei.

Artigo 3º

1.-Tódalas entidades prestadoras de servicios sociais estarán obrigadas:

a) A inscribirse, con carácter previo ó inicio das súas actividades, no rexistro de entidades prestadoras de servicios sociais da consellería competente en función da súa área de actuación.

b) A que os centros dos que sexan titulares cumpran os requisitos establecidos na Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, no presente decreto e nas súas normas de desenvolvemento, co fin de axustarse á tipoloxía específica que lles corresponda.

c) A solicita-las autorizacións administrativas que correspondan de acordo co disposto no capítulo II da presente disposición.

d) A comunicar á consellería competente, con carácter previo ó seu cobramento, os prezos a percibir pola prestación dos seus servicios, se é o caso, así como as variacións que sobre os mesmos se pretendan introducir.

e) A facilitar á consellería competente a información que lles sexa solicitada no exercicio das súas competencias.

2.-As devanditas entidades estarán ademais suxeitas á inspección dos órganos autorizados da consellería, co fin de comproba-lo cumprimento da normativa de servicios sociais, así como ó exercicio da potestade sancionadora de acordo co disposto no título VI da Lei de servicios sociais e a normativa que a desenvolva.

3.-Aquelas entidades que estean financiadas con fondos públicos deberán, ademais, adecuarse ás directrices de planificación que dicte a consellería competente na materia.

Capítulo II

Das autorizacións administrativas

Sección 1ª

Disposicións xerais

Artigo 4º

1.-Para os efectos do presente decreto enténdese por autorización o acto polo cal a Administración autonómica permite a creación, modificación ou peche dos centros prestadores de servicios sociais, así como o inicio ou cesamento das súas actividades co fin de garanti-la calidade na prestación dos servicios, os dereitos dos usuarios, e unha asistencia axeitada ás súas necesidades.

2.-Para que os centros dependentes dunha entidade poidan ser autorizados será necesario que cumpran os requisitos xerais e específicos relativos á calidade

da prestación, persoal e condicións arquitectónicas e de equipamento que se establecen na Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, neste decreto e nas súas normas de desenvolvemento.

Artigo 5º

Terán a consideración de centros todos aqueles equipamentos, establecementos e instalacións regulamentariamente tipificados nos que se desenvolven dun xeito estable e continuado servicios, programas e actividades de atención directa nas distintas áreas de actuación dos servicios sociais.

Artigo 6º

Os centros de servicios sociais estarán suxeitos ó seguinte réxime de autorizacións:

a) Aqueles que dependan de entidades prestadoras de servicios sociais de iniciativa privada, social ou lucrativa precisarán autorización administrativa previa para a súa creación, construcción ou modificación substancial, así como o correspondente permiso de inicio ou cesamento de actividades neles.

b) Os centros dependentes de entidades locais precisarán unicamente permiso para o inicio ou cesamento das súas actividades.

c) Os centros de servicios sociais propios da Administración autonómica crearanse por decreto precisando orde da consellería competente para o inicio das súas actividades.

Artigo 7º

1.-Tódolos centros de servicios sociais, calquera que sexa a súa tipoloxía ou titularidade, deberán cumpri-los seguintes requisitos xerais:

1.1.-Materiais:

a) Adecuarse ás normas técnicas, sanitarias, de hixiene e de seguridade, previstas na lexislación vixente que lles sexa aplicable.

b) Estar situados en áreas integradas ou próximas a núcleos urbanos, salvo que o programa de intervención social esixa outro emprazamento máis adecuado.

c) Situarse preferentemente en planta baixa ou primeira, agás os centros que constitúan edificios de uso exclusivo.

d) Aqueles con máis de un piso de altura disporán de ascensor con capacidade para o traslado de usuarios con limitacións graves de mobilidade.

e) Estar dotados de iluminación e ventilación suficiente, así como de calefacción que garanta unha temperatura interior adecuada, e auga quente en sanitarios e cociña.

f) Dispor dun plano de evacuación, sistema contra incendios así como iluminación e sinalización de emerxencia.

g) Adecuarse á tipoloxía dos usuarios, e contar co equipamento mobiliario que precisen segundo as súas características.

h) Cumpri-la normativa vixente en materia de accesibilidade e eliminación de barreiras.

i) Dispor de instalación telefónica co exterior, e sempre que o centro teña unha capacidade superior a 25 prazas deberá contar ademais como mínimo cunha liña para uso esclusivo dos usuarios.

1.2.-Funcionais:

a) Estar adaptados funcionalmente ás condicións dos seus usuarios, así como ós programas que nos mesmos deban desenvolverse.

b) Garantir tódolos dereitos legalmente recoñecidos ós usuarios.

c) Os centros de carácter residencial deberán dispor dun regulamento de réxime interior e dun libro rexistro de usuarios.

d) Ter un libro de reclamacións á disposición dos usuarios.

e) Ter subscrita póliza de seguros de responsabilidade civil que garanta a cobertura das indemnizacións ós usuarios e sinistros do edificio.

f) Expoñer, para coñecemento dos usuarios, tanto as autorizacións concedidas como, se é o caso, os prezos dos servicios prestados.

2.-Malios requisitos xerais establecidos no apartado anterior, os centros deberán, ademais, adecuarse ós requisitos específicos que, de acordo coa súa tipoloxía e área de actuación a que se dirixa, se establezan nas correspondentes ordes de desenvolvemento deste decreto.

Artigo 8º

As autorizacións que se regulan no presente decreto caducarán no prazo de un ano desde a súa concesión, caso de que non se iniciaran as actuacións que as motivaron.

Artigo 9º

Unha vez concedidos pola consellería competente os permisos de inicio ou cesamento de actividades dos centros, anotaranse de oficio no correspondente rexistro de entidades prestadoras de servicios sociais.

Artigo 10º

O incumprimento do réxime de autorizacións, permisos e demais obrigas establecidas no presente decreto e nas súas normas de desenvolvemento, determinará a imposición das sancións que correspondan de acordo co establecido no título VI da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais.

Artigo 11º

Sen prexuízo do previsto no artigo anterior, cando a consellería competente teña coñecemento da creación, construcción, modificación substancial, inicio ou cesamento de actividades de calquera centro de servicios sociais sen a preceptiva autorización ou permiso, poderá proceder á regularización da situación, se é o caso, a través do correspondente procedemento, podendo decreta-las medidas cautelares que coide oportunas ata a súa resolución.

Artigo 12º

O disposto no presente decreto aplicarase sen prexuízo da obtención doutras autorizacións administrativas esixibles de acordo coa lexislación vixente.

Sección 2ª

Das autorizacións para a creación, construcción e modificación substancial de centros

Artigo 13º

As entidades de iniciativa privada precisarán para a creación ou construcción de centros, así como para a modificación substancial deles, autorización administrativa previa nos termos sinalados nos artigos seguintes.

Artigo 14º

1.-Para efectos establecidos no presente decreto, entenderase por creación de centro tanto a edificación de nova planta, como aquelas reformas que pola súa natureza signifiquen un cambio do destino actual do inmoble co fin de adecuarse ás condicións requiridas para cada tipo de centro pola normativa vixente nesta materia.

2.-Considérase modificación substancial dun centro os cambios na súa estructura funcional ou na súa capacidade asistencial en máis dun 25 %, sempre que afecte a un mínimo de 10 prazas.

Artigo 15º

O procedemento para a obtención da autorización de creación, construcción ou modificación substancial de centros iniciarase coa presentación pola entidade da correspondente solicitude ante a consellería competente, acompañada da seguinte documentación:

a) Documento acreditativo da personalidade do solicitante e, se é o caso, da representación que ostente, así como copia compulsada dos estatutos cando se trate de persoas xurídicas.

b) Proxecto técnico da obra acompañado de memoria xustificativa do cumprimento da normativa vixente que lle sexa aplicable, así como que se axusta tanto ós requisitos xerais aplicables a tódolos centros, como ós específicos que lles sexan esixibles de acordo coa súa tipoloxía.

c) Documentación acreditativa da titularidade do inmoble ou establecemento.

d) Memoria explicativa dos fines concretos que se perseguen, usuarios ós que se dirixe e previsión da capacidade ou número de prazas do centro.

e) Estudio económico financeiro, fontes de financiamento e plano económico para o sostemento.

f) Relación do equipamento mobiliario.

Non será necesario presenta-los documentos referidos no parágrafo a), cando estes obrasen xa no rexistro de entidades prestadoras de servicios sociais da consellería competente.

Artigo 16º

Recibida a documentación, o órgano competente procederá á instrucción do correspondente expediente administrativo; enténdese que se os documentos aportados pola entidade están incompletos requerirase ó solicitante para que, no prazo máximo de dez días emende as deficiencias observadas, con indicación de que se así non se fixese terase terá por desistido da súa petición, arquivándose sen máis trámite.

Artigo 17º

Completado o expediente, no prazo de un mes emitirase informe técnico sobre o cumprimento pola entidade de tódolos requisitos xerais e específicos que para cada área de actuación e tipo de centro lles sexan esixibles de acordo co disposto na normativa de aplicación.

Artigo 18º

Observadas deficiencias, comunicaráselle ó interesado con indicación do prazo para proceder a súa emenda que nunca poderá ser superior a un mes. A non emenda en prazo suporá a denegación da autorización solicitada.

Artigo 19º

O órgano competente dictará a resolución que proceda no prazo máximo de tres meses. Transcorrido o dito prazo entenderase estimada a petición.

Sección 3ª

Do permiso para o inicio ou cesamento de actividades dos centros

Artigo 20º

A apertura ou posta en funcionamento dun centro estará condicionada á obtención do correspondente permiso de inicio de actividades, de acordo co procedemento establecido nos artigos seguintes.

Artigo 21º

O titular ou representante legal da entidade de que dependa o centro dirixirá a oportuna solicitude á consellería que corresponda, en razón da materia, acompañada da seguinte documentación:

a) Documento acreditativo da personalidade do solicitante e, se é o caso, da representación que ostente, así como copia compulsada dos seus estatutos cando se trate de persoas xurídicas.

b) Memoria explicativa do centro con especificación dos fins, programas, período de actividades, medios técnicos e financeiros, número de prazas e tipo de usuarios.

c) Relación detallada do persoal, con indicación da súa titulación, dedicación horaria e adscrición de funcións, así como concreción do responsable do centro; a súa especialización profesional deberá axustarse á tipoloxía do centro do que se trate segundo a normativa que lle sexa aplicable.

d) Proxecto de regulamento do réxime interior do centro, no que se contemplen os dereitos e mailos deberes dos usuarios recoñecidos pola Lei 4/1993, de servicios sociais, que se someterá á aprobación

administrativa e que regulará, como mínimo, os seguintes extremos:

-Normas de funcionamento do centro, horario de visitas, réxime de saídas e comunicacións co exterior.

-Sistema de admisións e baixas. Neste sentido, o centro deberá dispor dun libro-rexistro dos usuarios e un expediente individualizado para cada un deles.

-Réxime de cobramento dos prezos, se é o caso.

-Sistema de participación dos usuarios, se é o caso.

e) Documento acreditativo de ter suscrito póliza de seguros a que se refire a alínea e) dos requisitos funcionais establecidos no artigo 7.

f) Relación detallada de equipamento material.

Artigo 22º

Recibida a documentación e completada, se é o caso, o órgano instructor do expediente solicitará ó Servicio de Inspección informe sobre o cumprimento polo centro de tódolos requisitos xerais e específicos que lle sexan esixibles de acordo coa súa tipoloxía. O devandito informe deberá emitirse nun prazo máximo de un mes.

Artigo 23º

No suposto de observarse deficiencias comunicaránselle ó interesado para que nun prazo non superior a un mes as emende. A non emenda no prazo outorgado suporá a denegación do permiso de inicio de actividades.

Artigo 24º

O órgano competente dictará a resolución que proceda no prazo de máximo de tres meses, notificándoselle ó interesado. Transcorrido dito o prazo entenderase estimada a petición.

Artigo 25º

Para o cesamento de actividades dun centro tanto temporal como definitivo, xa sexa parcial ou total, será preceptiva a obtención do correspondente permiso.

O cesamento temporal de forma parcial consiste na interrupción durante un prazo determinado da prestación dalgún dos servicios prestados.

Por cesamento temporal e total enténdese a interrupción de tódalas prestacións durante un período determinado.

Existe cesamento definitivo con carácter parcial cando deixa de prestarse algún dos servicios de forma permanente mentres continúan prestándose outros.

O cesamento definitivo total vén referido á finalización das actividades de prestación respecto de tódolos servicios.

Artigo 26º

O permiso de cesamento das actividades dos centros deberá ser instado polo titular ou representante legal da entidade, cunha antelación mínima de tres meses,

mediante solicitude normalizada acompañada da seguinte documentación:

a) Memoria xustificativa das causas que provocan o cesamento de actividades.

b) Calendario das fases previstas e a forma de supresión.

c) Estado e situación dos usuarios afectados polo cesamento.

Artigo 27º

A solicitude e demais documentación presentada será obxecto de análise e comprobación, dictándose a oportuna resolución no prazo de tres meses. Transcorrido o dito prazo entenderase estimada a petición.

Artigo 28º

Caso de ter recibido financiamento público, non poderá autorizarse o cesamento de actividades dun centro a non ser que a parte de financiamento non amortizada revertese á administración autonómica. Para tales efectos, entenderase que o financiamento para investimento inmobiliario se amortizará ós 20 anos, e a destinada a equipamento ós 5 anos.

Artigo 29º

O permiso de cesamento total e definitivo de actividades dun centro suporá a cancelación da anotación do mesmo no correspondente rexistro de entidades prestadoras de servicios sociais.

Capítulo III

Da acreditación

Artigo 30º

A acreditación é o acto polo que a Administración recoñece que un centro debidamente autorizado se adecúa á planificación e programación xeral dos servicios sociais no ámbito da Comunidade Autónoma, de acordo co establecido no Plan Galego de Equipamentos e Servicios Sociais.

Artigo 31º

A obtención da acreditación dun centro será requisito necesario para que a entidade da que dependa poida concertar ou convir prazas coa Administración autonómica, ou percibir axudas con cargo ós seus orzamentos.

Artigo 32º

A acreditación levará consigo, ademais das obrigas de carácter xeral, o cumprimento das seguintes:

a) Remitir balance económico do exercicio anterior así como o orzamento do centro para cada ano en curso, dentro dos 15 días seguintes á súa aprobación.

b) Comunicar anualmente as variacións no cadro de persoal así como as altas e baixas dos usuarios.

c) Admiti-los usuarios propostos pola Administración autonómica sempre que se adecúen á tipoloxía do centro.

Artigo 33º

A acreditación deberá ser solicitada pola entidade titular do centro perante o órgano competente da consellería que corresponda por razón da materia e será concedida sempre que o centro se adecúe ó Plan Galego de Equipamentos e Servicios Sociais.

Artigo 34º

Unha vez concedida a acreditación polo órgano competente, anotarase de oficio no correspondente Rexistro de Entidades Prestadoras de Servicios Sociais.

Artigo 35º

A acreditación poderá extinguirse ou suspenderse polos motivos que se sinalan a continuación:

a) Por solicitude da entidade titular.

b) Por ser sancionado pola comisión dunha infración grave ou moi grave das tipificadas na Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais.

c) Por perda das condicións e requisitos esixidos pola normativa vixente para a obtención da acreditación.

Disposicións adicionais

Para os efectos do disposto no artigo 3º.1.d) do presente decreto, as entidades deberán comunica-los prezos a percibir pola prestación de servicios sociais cunha antelación mínima de un mes ó inicio da súa percepción.

Ó abeiro do disposto no artigo 31 da Lei 4/1993, de servicios sociais, poderase en caso necesario establecer limitacións ós devanditos prezos mediante orde da consellería competente na materia.

Disposicións transitorias

Primeira.-As entidades titulares de centros en construcción á entrada en vigor do presente decreto deberán, con carácter previo ó seu funcionamento, solicita-lo correspondente permiso de inicio de actividades segundo o procedemento establecido no capítulo II, acreditando documentalmente o cumprimento dos requisitos que, de acordo coa súa tipoloxía, lles sexan esixibles.

Segunda.-Os centros en funcionamento á entrada en vigor deste decreto deberán solicita-lo permiso de actividades no prazo máximo de seis meses, considerándose autorizados con carácter provisional ata a resolución do expediente.

Se á vista do expediente se apreciase que o centro non cumpre cos requisitos xerais e específicos esixidos segundo a súa tipoloxía, o órgano competente poderá, sempre que non se observen deficiencias graves que poñan en perigo a seguridade dos usuarios, outorgar na correspondente resolución un prazo non superior a tres anos para que por parte da entidade titular se proceda a efectua-las adaptacións necesarias podendo ser eximidas desta obriga sempre que o órgano de resolución aprecie que existe imposibilidade material para a realización de tales adaptacións. Así mesmo o prazo de 3 anos poderá ser prorrogado sempre que a importancia do investimento o xustifique e sexa

debidamente acreditado mediante proxecto de financiamento.

Terceira.-En tanto non se aprobe o Plan Galego de Equipamentos e Servicios Sociais da correspondente área de actuación non se esixirá a acreditación á que se refire o capítulo III do presente decreto para os efectos da concesión de axudas ou de concertar ou conveniar prazas coa Administración.

Cuarta.-No prazo de tres meses desde a entrada en vigor da presente disposición deberán aprobarse as ordes polas que se desenvolvan os requisitos específicos para cada tipo de centro e área de actuación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a consellería de Sanidade e Servicios Sociais e a consellería de Familia, Muller e Xuventude para dictaren no ámbito das súas respectivas competencias cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación do presente decreto.

Segunda.-A presente norma entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteoito de xullo de mil novecentos noventa e cinco.

5506