Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Venres, 18 de agosto de 1995 Páx. 6.498

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 12 de xuño de 1995, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia da revisión salarial do convenio colectivo da empresa Real Club Celta, S.A.D.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Real Club Celta, S.A.D., situada na provincia de Pontevedra que tivo entrada nesta delegación provincial o día 8-6-1995, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social polos delegados de persoal, en data 5-6-1995, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da provincia de Pontevedra,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, obrante nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no BOP e no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Vigo, doce de xuño de mil novecentos noventa e cinco.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo da empresa Real Club Celta

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

O presente convenio colectivo será de aplicación na empresa Real Club Celta, con domicilio social na Avda. Balaídos, s/n.

Artigo 2º.-Ámbito funcional.

Este convenio abarca tódalas actividades existentes actualmente para o desenvolvemento das funcións propias da sociedade e do seu obxecto social. As condicións aquí pactadas terán o carácter de mínimas obrigatorias.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

Enténdese comprendidos baixo o ámbito de aplicación deste convenio tódolos traballadores dependentes desta empresa, así como o que ingrese no futuro, excluíndose aqueles que segundo a lei poidan saír do seu ámbito.

Artigo 4º.-Vixencia.

Este convenio colectivo entrará en vigor a tódolos efectos a partir do 1 de xaneiro de 1995 e ata o 31 de decembro de 1995. O remate da vixencia do presente convenio colectivo manterán a súa vixencia todas e cada unha das cláusulas ata a entrada en vigor do seguinte convenio.

Artigo 5º.-Denuncia.

O presente convenio deberá ser denunciado por algunha das partes con dous meses de antelación ó seu vencemento. De non efectuarse denuncia ningunha, quedará prorrogado excepto nos conceptos salariais, que se verán actualizados no IPC que para o ano anterior estableza o INE.

Artigo 6º.-Salarios.

Os salarios para o presente convenio serán os establecidos para cada categoría na táboa anexa. Non haberá discriminación salariais por razóns de sexo e suprimiranse as diferencias dentro da mesma categoría.

Artigo 7º.-Revisión salarial.

No caso de que o IPC rexistrara o 31 de decembro de 1995 un incremento superior ó 3,5%, efectuarase unha revisión salarial tan pronto se constate oficialmente dita circunstancia, no exceso sobre a indicada cifra. Tal incremento aboarase con efectos de primeiro de xaneiro de 1995.

Artigo 8º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo distribuirase conforme o seguinte horario:

Persoal de oficina:

De luns a venres: de 10 a 14 h e de 17 a 20 h.

Os luns pola tarde non se traballa.

A semán de fútbol, o sábado traballarase de 10 a 13 h e os domingos de 10.30 a 13.30 así como hora e media antes da celebración do partido.

Persoal de campo:

De luns a venres: de 9 a 13 h e de 16 a 19 h.

Sábados de 9 a 14 h.

Xornada de verán: desde o 15 de xuño ó 30 de xullo todo o persoal realizará xornada de mañán de 9 a 15 h.

Na primeira quincena de agosto haberá unha reunión da comisión paritaria co fin de ve-las necesidades do club, torneos, trofeos, campaña de socios, etc. co fin de estudia-las posibilidades de continuar coa xornada de verán os 15 primeiros días de agosto.

Artigo 9º.-Horas extraordinarias.

As partes asinantes do presente convenio acordan reducir ó mínimo indispensable as horas extraordinarias.

Terán consideración de horas extraordinarias todas aquelas que excedan da xornada laboral legalmente establecida.

A empresa informará mensualmente ó representante dos trabajadores do número de horas extraordinarias realizadas, especificando as causas e o persoal que as levou a cabo.

En ningún caso as horas extraordinarias poderán supera-lo límite máximo establecido legalmente. En canto ó aboamento ou desfrute das horas extraordinarias, obterase entre aboalas cun incremento do 75% sobre o salario que lle correspondería a cada hora ordinaria ou compensalas por tempos equivalentes de descanso retribuído incrementados polo menos na porcentaxe antes indicada.

As horas extraordinarias mediante descanso deberán ser compensadas dentro dos dous meses seguintes á súa realización.

Artigo 10º.-Vacacións.

As vacacións seran de 30 días naturais nos meses de xuño a setembro. O calendario de vacacións fixarase na empresa con dous meses de antelación ó comezo do seu desfrute.

Os períodos de vacacións estipularanse de común acordo entre os traballadores e a dirección. O seu aboamento realizarase ó seu inicio, na contía de salario real que lle corresponda por tódolos conceptos salariais.

O desfrute das vacacións será de xeito rotativo entre o persoal. Todo o persoal que antes ou durante o período de vacacións estea en situación de ILT terá dereito ó desfrute das mesmas ou da parte pendente.

Artigo 11º.-Pagas extraordinarias.

Establécense catro pagas extraordinarias. Todas elas aboaranse na contía correspondente a 30 días a salario real, pagadeiras cada unha delas os días 10 de marzo, 25 de xullo, 15 de outubro e 15 de decembro.

O persoal que ingresou ou deixara de prestar os seus servicios na empresa calquera que fose a causa, durante o transcurso do ano, terá dereito á parte proporcional das ditas pagas en relación ó tempo tra

ballado. Así mesmo, e no suposto de que o club obtivese un ou máis títulos (campeón de copa S.M. o Rei, campeón de Europa, Recopa ou UEFA), así como ascenso de categoría, terase dereito a unha paga extraordinaria por tal motivo.

Artigo 12º.-Antigüidade.

Os aumentos por antigüidade serán calculados por trienios desde o ingreso na empresa; os ditos trienios aboaranse a razón do 8% sobre os salarios do convenio vixente e comezaranse a percibir o mesmo mes no que se cumpra o trienio. De calquera xeito ningún traballador poderá percibir neste concepto contías superiores ás que establece o Estatuto dos traballadores.

De tódolos xeitos repectaranse as condición máis favorables que veñan desfrutando os afectados polo presente convenio nesa materia.

Artigo 12º bis.-Premio de antigüidade.

Medalla de prata, que se outorgará a tódolos traballadores que leven na empresa 25 anos, ininterrompidos.

Medalla de ouro, outorgaráselles ós traballadores que leven na empresa 30 anos ininterrompidos.

As ditas medallas terán temén unha dotación económica de 2 meses de salario para a de prata é de 4 meses para a de ouro.

Artigo 13º.-Licencias.

Os traballadores, logo de aviso e xustificación, terán dereito a permisos retribuídos durante o tempo e os supostos seguintes:

a) Matrimonio: 16 días.

b) Nacemento de fillo: 3 días.

c) Enfermidade grave de parentes ata segundo grao de consangüinidade ou afinidade, dous días e cinco se existise desprazamento fóra da provincia.

d) Traslado de domicilio: 2 días.

e) Tempo necesario para consulta médica de especialistas da Seguridad Social, cando coincidindo o horario de consulta co de traballo, se precise a dita consulta polo facultativo de medicina xeral, debendo presenta-lo traballador o volante xustificativo da devandita prescrición médica. Nos demais casos ata un límite de 18 horas ano.

f) As traballadoras por lactancia dun fillo menor de nove meses terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións.

g) Polo tempo indispensable, para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público ou persoal.

h) Por asuntos persoais ou particulares do traballador/a poderá solicitar permiso retribuído de 4 días e sen retribuír ata un máximo de trinta, de común acordo entre empresa e o traballador/a e sempre que na sección non haxa outra persoa na mesma situación.

i) As tardes dos días 24 e 31 de decembro e o 5 de xaneiro, non serán laborais para tódolos efectos, nos casos de partido non se cobrarían as horas.

k) No non expresamente regulado aplicarase o disposto no Estatuto dos traballadores.

Artigo 14º.-Desprazamentos.

Se por necesidade ou conveniencia da empresa e a requirimento desta, o traballador tivese que desprazarse empregando o seu vehículo e con aceptación voluntaria desde, aboaráselle a cantidade de 29 ptas. por km.

Artigo 15º.-Plus de nocturnidade.

As horas traballadas durante o período comprendido entre as 10 da noite e as 6 da mañá, terán unha retribución específica incrementada nun 25% do salario base.

Artigo 16º.-Excedencias.

O traballador con polo menos unha antigüidade na empresa de 1 ano ten dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria por un prazo non menor de 2 anos e non maior de 5. Este dereito só poderá ser exercido outra vez, polo mesmo traballador se transcorreron 4 anos desde o remate da anterior excedencia.

Os traballadores terán dereito a un período de excedencia, non superior a tres anos, para atender ó coidado de cada fillo, tanto cando o sexa por natureza como por adopción, contado desde a data de nacemento deste.

Os sucesivos fillos darán dereito a un novo periodo de excedencia que, de se-lo caso, porá fin ó que se estivese a desfrutar. Cando o pai e nai traballen, só un deles poderá exercer este dereito.

O período no que o traballador permaneza na situación de excedencia consonte o establecido neste artigo será computable para efecos de antigüidade e o traballador terá dereito á asistencia a cursos de formación profesional, debendo ser convocado polo empresario á súa participación nos mesmos, especialmente con ocasión da súa reincorporación. Durante o primeiro ano terá dereito á reserva do seu posto de traballo. Transcorrido o dito prazo a reserva quedará referida a un posto de traballo do mesmo grupo profesional ou categoría equivalente.

No non regulado no presente precepto aplicarase o disposto no artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

Sen prexuízo do anterior en casos excepcionais, de común acordo, a empresa e o traballador poderán contempla-la concesión de situacións de excedencia fóra das legalmente reguladas.

Artigo 17º.-Roupa de traballo.

A empresa está obrigada a subministrar ó persoal de limpeza dous mandilóns ó inicio do ano; o persoal de campo dotarase de dúas fundas e un chándal. Tanto uns coma os outros percibirán calzado axeitado para as súas respectivas funcións.

Se o traballo o requirise entregaranse guantes e traxes de auga.

Artigo 18º.-Recoñecemento médico.

A empresa está obrigada a solicitar anualmente, informando previamente ó representante dos traballadores, un recoñecemento médico anual para tódolos traballadores da empresa. O tempo investido no citado recoñecemento será a cargo da empresa que, cando sexa necesario, facilitará así mesmo os medios de transporte para o desprazamento.

Artigo 19º.-Seguridade e hixiene.

A empresa obrígase ó cumprimento inexcusable das normas de seguridade e hixiene no traballo en materia de aseos, vestiarios, dotacións sanitarias, duchas, etc. de conformidade coa ordenanza xeral de seguridade e hixiene, ou normas que establezan no futuro.

Artigo 20º.-Traballos tóxicos, penosos ou perigosos.

Sinálase expresamente que os traballadores afectados polo presente convenio quedarán expresamente excluídos, e non estarán polo tanto, obrigados a realizar traballos que teñan a consideración de tóxicos, penosos ou perigosos.

Artigo 21º.-Complemento por ILT.

A empresa estará obrigada a complementar ata o 100% do salario fixado no convenio desde o primeiro día de baixa.

Artigo 22º.-Premio de xubilación.

A todo traballador que cese na empresa, tanto por xubilación como por pasar a situación de invalidez permanente, que teña máis de 5 anos de vínculo coa empresa, esta aboaralle o equivalente a 6 meses de taballo. Este premio percibirao o seu viúvo/a se o traballador morre antes de xubilarse e no seu defecto ós orfos menores de 18 anos ou de máis de 18 anos, se non posúen traballo.

Artigo 23º.-Xubilación anticipada ós 64 anos.

A empresa poderá acordar, conxuntamente cos traballadores, xubilacións anticipadas ós 64 anos de conformidade co Real decreto 1194/1985, e Real decreto lei 14/1981. No tal suposto, a empresa deberá cubri-la contratación dun traballador demandante de emprego mediante un contrato da mesma natureza.

Artigo 24º.-Axuda familiar especial.

Aplicarase unha axuda familiar especial anual de 60.000 ptas por cada fillo/a que teña recoñecido o dereito de diminuído físico ou psíquico polo I.N.S.S. e que non se atope traballando. Será aportado polo traballador a documentación acreditativa para o aboamento desta axuda que se pagará a razón de 5.000 ptas. mensuais.

Os traballadores poderán optar mediante comunicación expresa dirixida á dirección da empresa polo aboamento íntegro e de unha soa vez da expresada axuda familiar.

Artigo 25º.-Dereitos sindicais.

Cota sindical: os traballadores poderán solicitar da empresa o desconto en nómina da cota sindical. Esta solicitude farase por escrito no que conste a central sindical e o número de conta da mesma onde a empresa ingresará as cotas retidas ós afiliados.

Créditos horarios: o delegado de persoal, como representante legal dos traballadores, pode dispor dun crédito horario mensual retribuído para o exercicio das súas funcións. Este crédito será de 20 horas mensuais. No suposto de que non se consuma o dito crédito horario, acumularase para o seguinte mes tanto en parte como na súa totalidade.

Asemblea: dentro das formalidades previstas no Estatuto dos traballadores, a empresa facilitará o exercicio do dereito de reunión durante a xornada laboral e durante 30 minutos ó mes.

Artigo 26º.-Pluriemprego.

Calquer persoa que realice traballos na empresa, mesmo que estes sexan esporádicos, deberá esta debidamente contratado coa súa correspondente alta na S.S., sendo competencia do delegado de persoal controlar e vixiar o cumprimento da lei nesta aspecto.

Artigo 27º.-Superior e inferior categoría.

Ningún traballador estará obrigado a realizar traballos de inferior categoría, sen embargo, por circunstancias excepcionais e dibidamente acreditadas de carácter perentorio ou imprevisibles, a empresa poderá destinar a un traballador a tarefas correspondentes a unha categoría inferior á súa, o cal só poderá facelo polo tempo imprescindible, manténdolle a retribución e demais dereitos derivados da súa categoría profesional, e comunicándollo ó delegado de persoal.

O traballador que faga funcións de categorías superior á que lle corresponda e tivera recoñecida, por un período superior a 6 meses durante un ano ou 8 durante dous anos, poderá reclamar ante a dirección da empresa a clasificación profesional axeitada.

Artigo 28º.-Seguro colectivo.

Durante a vixencia deste convenio a empresa concertará un seguro colectivo de accidentes, con primas íntegras ó seu cargo, mediante pólizas que cubran as seguintes indemnizacións:

a) Accidente laboral ou común con resultado de morte: 5.750.000.

b) Accidente laboral ou común con resultado de invalidez permanente, absoluta ou gran invalidez: 11.500.000.

O resultado facilitará o nome do beneficiario. Para o persoal de nova incorporación, a póliza de seguros deberá concertarse nun prazo de un mes a partir da contratación.

Unha copia das pólizas inserirase no taboleiro de anuncios.

Artigo 29º.-Capacidade diminuída.

Todos aqueles traballadores que por accidente, ou enfermidade con reducción das súas facultades físicas ou intelectuais, sufran unha capacidade diminuída, terán preferenia para ocupa-los postos máis aptos en relación ás súas condicións, sempre que teñan aptitude ou idoneidade para o novo posto.

Artigo 30º.-Lexislación subsidaria.

En todo o non expresamente regulado neste convenio aplicarase o previsto no Estatuto dos traballadores, Lei orgánica de liberdade sindical e ordenanza.

Artigo 31º.-Comisión paritaria.

Como órgano de interpretación, conciliación e arbitraxe do presente convenio, créase unha comisión mixta paritaria integrada por cada un dos membros da comisión negociadora do convenio.

Esta comisión reunirase a petición de calquera das partes interesadas, reuníndose obrigatoriamemte nun prazo máximo de 15 días despois de ser solicitada.

Artigo 32º.-Plus de transporte.

Todo o persoal afectado polo presente convenio percibirá durante a vixencia do mesmo 1.587 pesetas mensuais en concepto de gastos de locomoción.

Artigo 33º.-Plus de domingos.

O personal que desenvolva o seus traballo en domingo percibirá un plus deste concepto de 1.500 pesetas por domingo.

ANEXO

TÁBOA SALARIAL

CATEGORÍASSOLDOCOMPLEMENTO

Secretario xeral316.572

Secretario técnico208.581

Xefe negociado101.45182.130

Caixeira xefe100.69655.795

Aux. Admvo. caixeira93.24821.203

Aux. administrativo77.00027.181

P. limpeza93.24821.203

Utillero especialista93.24823.253

CATEGORÍASSOLDOCOMPLEMENTO

Encargado Instalac.99.66217.065

Cuidador Instalac.99.66216.747

Masaxista A.T.S105.35916.955

Chófer93.24817.065

Técnico deportivo156.750135.850

Titulado superior189.805

95-04748