Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Xoves, 17 de agosto de 1995 Páx. 6.469

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 240/1995, do 28 de xullo, polo que se regulan os servicios sociais de atencion primaria.

En materia de servicios sociais a Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva, segundo se desprende do artigo 27.23º do seu Estatuto de autonomía, en relación co artigo 148.1.20 da Constitución española.

Con base nesa atribución de competencias, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, pola que se regulan os aspectos básicos dos servicios sociais en canto sistema integrado e servicio público da Comunidade Autónoma de Galicia, estructurado en dous niveis de atención, -primaria e especializada- en función da territorialidade, intensidade, complexidade e especificidade da prestación.

O título primeiro, capítulo segundo, sección primeira da lei regula os servicios sociais de atención primaria que constitúen o nivel máis próximo ó usuario e o seu ambiente familiar e social e son a canle normal de acceso ó sistema de servicios sociais desde onde se desenvolven programas e prestan axudas favorecedoras da prevención, integración e participación, tendentes á consecución do benestar social das persoas e grupos dentro do seu contorno comunitario. Configúranse, deste modo, como o núcleo fundamental de prestación de servicios sociais que, respondendo, en todo caso, ós principios de responsabilidade pública, descentralización, participación, prevención, globalidade, universalidade, normalización e coordinación, actúan de forma integral e polivalente sobre calquera problemática social dos individuos dunha determinada comunidade.

O artigo 21 da Lei 4/1993 establece que lles corresponde ós concellos a competencia para a creación e xestión dos servicios sociais de atención primaria; pola súa parte o artigo 26 sinala que a Administración autonómica ten competencia para a planificación e programación xeral dos servicios así como a ordenación e coordinación do sistema de servicios sociais.

En consecuencia, considérase necesario proceder ó desenvolvemento dos preceptos comprendidos na lei, en particular no referido ó contido dos programas propios deste primeiro nivel de atención, de forma que se garanta a atención básica e xeneralizada na totalidade do territorio autonómico cuns contidos mínimos na prestación dos servicios a tódolos cidadáns.

Así mesmo, a disposición derradeira da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, autoriza á Xunta de Galicia para dictar cantas disposicións sexan necesarias para a súa execución e desenvolvemento.

É por todo o anterior que, por iniciativa da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, e logo de

deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteoito de xullo de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º

1. É obxecto do presente decreto a regulación dos servicios sociais de atención primaria entendidos como aqueles que realizan unha acción social globalizadora e polivalente, dirixidos ó conxunto da poboación dun ámbito xeográfico determinado e que teñen por obxecto promover e posibilita-lo desenvolvemento do benestar social de tódolos cidadáns.

2. Os servicios sociais de atención primaria constitúen o nivel máis próximo ó usuario e son a canle normal de acceso ó sistema de servicios sociais, desde o que se derivarán os casos, logo de prescrición técnica, ós servicios sociais de atención especializada cando así o requira a complexidade ou especificidade da situación.

3. Os servicios sociais de atención primaria serán prestados por equipos interdisciplinares dependentes dos concellos ou agrupacións de concellos.

A composición básica dos equipos interdisciplinares así como as demarcacións mínimas de actuación estableceranse pola Xunta de Galicia no exercicio das súas facultades de planificación, de forma que se garanta un nivel básico de atención ós cidadáns en todo o territorio da Comunidade Autónoma.

En todo caso, os criterios que rexerén o desevolvemento progresivo da rede de atención primaria atenderán ás diferencias xeográficas, demográficas, económicas e sociais de cada zona de actuación.

Artigo 2º

Os servicios sociais de atención primaria terán os obxectivos seguintes:

a) A análise da realidade para a detección das necesidades e carencias sociais que, pola súa vez, sirva para a planificación racionalizada do sistema de servicios sociais.

b) A información, asesoramento e orientación ós individuos e grupos e á comunidade en xeral sobre os dereitos, obrigas e recursos existentes en materia de servicios sociais, así como sobre os procedementos para o seu exercicio e, se é o caso, a intermediación necesaria para que sexan efectivos.

c) O desenvolvemento de servicios preventivos dirixidos á poboación en xeral e de forma especial a aqueles colectivos que se atopen en situacións de risco.

d) A detección e a avaliación das problemáticas, (tanto individuais como colectivas), e o establecemento das solucións de acordo cos recursos sociais deste nivel de atención, ou se é o caso, a súa derivacion ós servicios especializados, así como o seu seguimento.

e) A mellora da autonomía persoal, a integración e permanencia no medio familiar e mentres sexa desexado e conveniente, así como promover formas alternativas de convivencia nos supostos en que esta sexa inviable.

f) Promoción da vida asociativa, do desenvolvemento comunitario e do voluntariado social, en tanto que favorecen a conciencia dos cidadáns sobre os seus problemas e a busca de solucións desde a propia sociedade.

g) Establecer vías de coordinación e colaboración cos organismos públicos e as organizacións privadas, que presten servicios que afecten ó benestar social, procurando a maior rendabilidade e racionalidade deles.

h) A inserción social dos membros marxinados e excluídos da comunidade.

i) A prestación de cantos servicios concretos sexan precisos para a implantación dos programas básicos de actuación.

Artigo 3º

1. Para acada-la súa finalidade os servicios sociais de atención primaria, nos seus equipamentos, prestacións e proxectos sociais, poderán adoptar tanto un carácter polivalente e aberto a toda a comunidade, como complementariamente, un carácter sectorial e centrado en grupos con problemáticas específicas, tendo a consideración, neste segundo suposto, de equipamentos, prestacións ou proxectos de atención primaria na correspondente área de actuación.

2. En calquera caso, a orientación sectorial de determinadas prestacións, equipamentos ou proxectos sociais de atención primaria non deberá implicar unha complexidade técnica, un tratamento especializado ou unha duración que interfiran ou desvirtúen a orientación universal e polivalente do servicio de atención primaria.

Artigo 4º

1. A competencia para a creación e xestión dos servicios sociais de atención primaria correspóndelles ós concellos, que distribuirán os servicios de forma homoxénea atendendo ó criterio de proximidade ós usuarios.

2. Os concellos poderán presta-los servicios sociais de atención primaria asociados. No suposto de agrupamento, este levarase a cabo atendendo á densidade e ó grao de concentración e dispersión da poboación, distancias a percorrer e medios de comunicación existentes na zona, así como a estructura socio-económica e cultural dos concellos agrupados.

Artigo 5º

As deputacións provinciais garantirán a prestación integral e adecuada dos servicios sociais de atención primaria na totalidade do territorio provincial. Así mesmo, proporcionarán apoio económico, técnico e xurídico nesta materia especialmente ós concellos e agrupacións de municipios de menos de 20.000 habitantes.

Para o exercicio destas competencias actuarán conforme á planificación xeral da Comunidade Autónoma na materia e preferentemente mediante os sistemas concertados previstos na lexislación vixente.

Artigo 6º

A Xunta de Galicia a través da consellería competente exercerá as funcións de planificación, ordenación, coordinación, seguimento e avaliación dos servicios sociais de atención primaria. Así mesmo, asesorará os concellos na creación, organización e funcionamento destes servicios e colaborará na formación permanente do seu persoal.

Artigo 7º

A Comunidade Autónoma, poderá participar no financiamento dos servicios sociais de atención primaria, sempre dentro das dispoñibilidades orzamentarias existentes en cada momento, e de forma prioritaria na creacion de novos servicios, cando cumpran as seguintes condicións:

-Adecuación á planificación da Xunta de Galicia.

-Sometemento á normativa.

-Sometemento ó control da Adminsitración autonómica das partidas orzamentarias adicadas ó financiamento dos centros e programas que se van subvencionar.

Para a asignación de recursos ós concellos terase en conta o esforzo orzamentario en materia de servicios sociais realizados por estes, sempre que se superen as porcentaxes establecidas nos artigos 76 e 77 da Lei de servicios sociais, referida ó orzamento total.

Artigo 8º

1. Os equipamentos propios dos servicios sociais de atención primaria son:

-Centros sociais.

Son centros de carácter polivalente dotados dos recursos, materiais, humáns e financeiros a través dos cales se desenvolven os programas básicos de actuación do nivel de atención primaria dirixidos a toda a poboación dun ámbito territorial determinado.

-Centros de día.

Centro aberto en réxime diúrno no que se proporciona atención a determinados colectivos sociais mediante programas de axuste persoal e social e tratamentos de rehabilitación, orientados á normalización e a evitar, na medida do posible, a deterioración persoal progresiva, procurando a permanencia no seu contorno familiar e social.

-Centros ocupacionais.

Son centros nos que se proporciona unha ocupación terapeútica para o axuste persoal, unha habilitación profesional para a integración laboral e unhas actividades convivenciais para a integración social.

-Centros de acollida.

Centro residencial dirixido a proporcionar aloxamento alternativo con carácter urxente e de forma

temporal a persoas con graves conflictos convivenciais ou que por razóns excepcionais carezan de medio familiar axeitado véndose desprazadas do seu contorno habitual. O aloxamento complementarase cunha serie de atencións cara a conquere-la normalización da convivencia habitual ou de non ser posible, á desviación cara a fórmulas de aloxamento alternativas.

-Albergues.

Son centros dirixidos a procurar aloxamento temporal a indixentes, a transeúntes sen medios económicos, e a outras persoas que por determinadas circunstancias poidan atoparse en situacións de marxinación.

-Cantos outros centros poidan ser de utilidade para o traballo social aberto a toda a poboación ou a sectores desta, sempre que se faga no seo da comunidade e procurando a apertura e integración na mesma, de acordo co establecido no artigo 3.

2. A distribución e organización dos equipamentos dos servicios sociais de atención primaria deberán, en todo caso, adaptarse ás características do territorio no que actúa, distribuíndose, segundo os casos, en parroquias, concellos e outras demarcacións que para o efecto poidan constituírse, de xeito que se fagan efectivos os principios inspiradores da Lei de servicios sociais.

Capítulo II

Dos programas

Artigo 9º

Para o cumprimento dos seus obxectivos, os servicios sociais de atención primaria organizarán a súa actividade mediante o deseño, a execución e a avaliación de proxectos de traballo social que desenvolvan os seguintes programas básicos de actuación:

1. Programa de orientación, asesoramento e información sobre recursos e posibilidades de superación das situacións carenciais o doutras problemáticas sociais de individuos, de grupos ou da comunidade.

2. Programa de axuda no fogar para prestarlles un conxunto de atencións de carácter doméstico, social, persoal ou educativo ós cidadáns no seu medio.

3. Programa de inserción social que procure dar resposta a problemáticas concretas de marxinación e exclusión social aplicando tanto proxectos de traballo social personalizados ou de grupo como prestacións económicas específicas.

4. Programa de animación, prevención e cooperación social, que procure facilita-la participación en tarefas colectivas tendentes a que sexan os propios individuos dunha comunidade os que asuman a súa problemática e busquen canles de solución, impulsa-lo asociamento, promociona-lo desenvolvemento da conciencia solidaria e, en especial, a organización e coordinación do voluntariado.

5. Programa de convivencia alternativa que supoña, en determinados núcleos de poboación, a oferta dun aloxamento provisional en casos de emerxencia per

soal ou familiar mentres non se realice a oportuna análise do caso e a súa derivación cara a un tratamento definitivo.

6. Calquera outro que se puidese establecer orientado a darlles cumprimento ós obxectivos deste nivel de atención.

Sección primeira

Programa de orientación, asesoramento e información

Artigo 10º

O programa de orientación, asesoramento e información ten por obxecto informa-los cidadáns sobre os distintos dereitos e recursos en materia de servicios sociais, así como orientar e asesora-las persoas e grupos afectados por problemáticas específicas, diagnóstica-la situación e derivalos, se é necesario, ós servicios sociais de atención especializada.

Artigo 11º

Este programa concretarase nas actuacións seguintes:

-A información, orientación e asesoramento ós individuos, grupos, organizacións e á comunidade en xeral sobre os dereitos e recursos sociais existentes.

-O estudio, avaliación e diagnóstico das demandas recibidas, así como a súa derivación cara ós servicios sociais especializados cando a complexidade ou especificidade da situación así o requira.

A realización destas actuacións así como de calquera outra dirixida a conquere-los obxectivos destes programas, efectuarase nos centros de servicios sociais ou locais asignados para o efecto polos concellos

Sección segunda

Programa de axuda no fogar

Artigo 12º

O programa de axuda no fogar ten por obxecto prestar un conxunto de atencións desde unha perspectiva integral e normalizadora ós cidadáns no seu domicilio, naquelas situacións nas que teñan limitada a súa autonomía persoal ou nos casos de desintegración familiar, facilitando a permanencia no seu propio contorno de convivencia evitando así a súa posible institucionalización.

Artigo 13º

O programa de axuda no fogar estará constituído polos seguintes tipos de prestacións:

1. Prestacións domésticas, entendendo como tales aquelas actividades e tarefas que se realizan de forma cotiá no fogar relacionadas coa alimentación, roupa, limpeza e mantemento da vivenda.

2. Prestacións de carácter persoal, que inclúe actividades relativas a facilitar apoio social e afectivo, tales como compañía, hixiene persoal, acompañamento a xestións, e apoio á mobilización dentro do fogar.

3. Prestacións familiares, consistentes en atencións psicolóxicas, socio-educativas, rehabilitadoras e de apoio á estructuración familiar.

4. Prestacións técnicas, tales como o sistema de teleasistencia e outras actuacións encamiñadas á adecuación funcional do fogar.

Artigo 14º

1. A axuda no fogar dirixirase prioritariamente a:

a) A familia, nos casos de enfermidade, hospitalización e outras causas de impedimento temporal dalgún dos membros esenciais para o normal funcionamento da vida familiar.

b) Persoas maiores, procurando os medios que permitan ó ancian vivir autonomamente no seu domicilio, con contido estimulador e educativo orientado a superar situacións de pasividades e dependencia.

c) Os minusválidos ou persoas enfermas ou incapacitados, posibilitando a realización das tarefas persoais e domésticas cando non poidan ser totalmente realizadas por eles mesmos ou cando a gravidade da enfermidade ou minusvalidez esixa unha atención ou vixilancia continua.

d) A infancia, nas situacións de conflicto psicofamiliar grave ou para presta-la vixilancia e atención necesarias cando os membros da familia non poidan garantilas.

e) Os drogodependentes suxeitos a tratamentos domiciliarios de desintoxicación.

2. O servicio social de atención primaria realizará o diagnóstico e valoración dos casos que polas súas características económicas e sociais deban ser incluídos neste programa.

Sección terceira

Programa de inserción social

Artigo 15º

O programa de inserción social ten por obxecto a prevención das situacións de marxinación e as súas causas e a integración e participación no medio social das persoas ou grupos máis desfavorecidos afectados polas diferentes formas de exclusión e marxinación social.

Artigo 16º

Para a consecución dos obxectivos deste programa, levaranse a cabo actuacións dirixidas tanto á prevención de situacións de marxinación como á intervención directa en supostos concretos, a través das seguintes actividades:

-Accións de promoción e participación social.

-Accións dirixidas a facilita-lo acceso, permanencia e utilización dos recursos normalizados.

-Accións dirixidas a facilita-lo acceso, permanencia e utilización dos recursos específicos que se establezan.

-Xestiona-las prestacións económicas e sociais establecidas, realizando o seguimento e avaliación na súa aplicación.

Sección cuarta

Programa de animación, prevención e cooperación social

Artigo 17º

O programa de animación, prevención e cooperación social ten por obxecto potencia-la participación de persoas e grupos na vida comunitaria fomentando a iniciativa social, a solidariedade, o asociacionismo e o voluntariado, así como favorece-la toma de conciencia dos cidadáns sobre os seus problemas e instrumenta-los mecanismos que fagan posible a participación destes na busca de solucións e na xestión dos servicios e/ou actividades que se demande.

Artigo 18º

Dentro deste programa inclúense as seguintes actuacións:

-Apoio ó desenvolvemento integral comunitario.

-Elaboración e divulgación de campañas de sensibilización e mentalización social.

-Fomento do asociacionismo e a participación prestando o oportuno apoio e asesoramento técnico.

-Promoción dos grupos de autoaxuda.

-Fomento da solidaridade social en beneficio da comunidade.

-Potenciación das organizacións de voluntariado social.

Sección quinta

Programa de convivencia alternativa

Artigo 19º

O programa de convivencia alternativa ten por obxecto a oferta dun aloxamento provisional a aquelas persoas en situación de emerxencia persoal ou familiar cando non sexa posible a permanencia no propio fogar ou este non exista.

Trátase dunha alternativa provisional mentres se realiza o diagnóstico e análise da situación e se remita, se as circunstancias que determinaran a súa utilización así o aconsellen, ós servicios sociais especializados.

Artigo 20º

O programa de convivencia alternativa desenvolverá ás seguintes actuacións:

-Detección e análise da necesidade.

-Xestión e seguimiento dos casos e das circunstancias que o motivaron.

-Promoción de albergues, casas de acollida, e cantos outros equipamentos ou servicios sexan precisos para facelo efectivo.

Disposicións finais

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais para dictar no ambito das súas com

petencias cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación do presente decreto.

Segunda.-A presente norma entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteoito de xullo de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Manuel Romay Beccaría

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

5523